SAT San Antonio, unha unión de 5 familias que encara con éxito a segunda xeración

Esta explotación leiteira creada fai un cuarto de século en Vilar de Donas (Palas de Rei) está a modernizar as súas instalacións e a maquinaria buscando manter a eficiencia produtiva e adaptarse aos novos condicionantes de benestar animal e agricultura de precisión

José Antonio, Ana, Marcos e Adrián, na nave de vacas en produción da explotación

José Antonio, Ana, Marcos e Adrián, na nave de vacas en produción da explotación

Moitas das Sociedades Agrarias de Transformación (SAT) creadas no seu momento en Galicia móvense xa no entorno dos 25-30 anos e enfrontan o difícil reto de garantir o relevo xeracional a medida que os seus socios fundadores se van xubilando.

Ás veces as visións diferentes entre as distintas xeracións, a convivencia no seo do accionariado entre socios xubilados e os que seguen traballando na explotación e as discrepancias á hora de afrontar investimentos necesarios en modernización acaban provocando tensións e mesmo o  peche de granxas en funcionamento.

As distintas visións entre quen ten á vista á xubilación e quen quere continuar provoca moitas veces enfrontamentos irreconciliables

Visitamos a SAT San Antonio, en Vilar de Donas (Palas de Rei), un exemplo de todo o contrario, dunha transición planificada e ordenada e da boa relación entre as 5 familias da parroquia que no ano 2000 decidiron xuntarse para medrar en conxunto e teren calidade de vida.

Segunda xeración

O camión do Grupo Lence recollendo o leite en SAT San Antonio

O camión do Grupo Lence recollendo o leite en SAT San Antonio

Coa xenerosidade de quen quere que o proxecto iniciado continúe, os 5 veciños da parroquia que crearon a SAT no seu momento (Jaime, José Manuel e Antonio, xa xubilados, e José Antonio e Suso, que se xubilan dentro de 5-6 anos), souberon dar paso á xente nova, como Marcos (fillo de José Manuel), Toño (xenro de Jaime) e Adrián (fillo de José Antonio), que son xa a segunda xeración incorporada á explotación como socios.

En total somos 6 socios, dos que 4 seguimos traballando na granxa

“Eu empecei a estudar Electricidade pero viña axudar moitas veces, por exemplo nas campañas, e gustábame, así que dixen por que non aproveitar que xa estaba todo isto montado”, relata Adrián Paredes, de 27 anos, que se incorporou no ano 2019.

De 100 a 330 vacas en produción

SAT SAN ANTONIO (Palas de Rei) nave vacas producionCando o seu pai e os outros veciños crearon a SAT, Adrián tiña un ano, polo que levaron unha evolución vital paralela. “No ano 2000 crearon a sociedade e fixeron a nave nova e no 2001 meteron as vacas aquí. Xuntaron o gando de todos e empezaron muxindo un cento de vacas. Hoxe estamos nas 330”, conta.  

Empezaron muxindo un cento de vacas e hoxe están nas 330 animais en produción

Entregan o leite ao Grupo Lence desde fai 4 anos. Teñen unha produción media de 38 litros a dúas muxiduras con calidades do 4,35% de graxa e 3,51% de proteína. A produción diaria total da granxa sitúase nos 12.500 litros.

Mellora nas instalacións

Construiron unha fosa de xurro de 5,5 millóns de litros co obxectivo de incrementar a capacidade de almacenamento

Construiron unha fosa de xurro de 5,5 millóns de litros co obxectivo de incrementar a capacidade de almacenamento

Nos últimos anos fixeron importantes investimentos en mellora das instalacións, coa recente construción dunha nave nova para as becerras lactantes e para as vacas secas, así como a construción dun pozo de purín circular con capacidade para 5,5 millóns de litros (que se suman aos 2,7 millóns de litros das dúas fosas coas que contaban), co obxectivo de poder almacenar o xurro até os momentos de sementeira do millo na primavera e da herba no outono.

Están instalando unha báscula para pesar os insumos que entran na explotación e ter un maior control da produtividade forraxeira das súas terras

Mercaron tamén unha nova cisterna para botar o purín, unha segadora rotativa de mariposa para a herba e un tractor e están instalando unha báscula á entrada da granxa para pesar todos os insumos que entran na explotación, así como levar un maior control da produtividade das fincas de millo e raigrás cando ensilan. Fixeron ademais un túnel de lona para almacenar a palla e a herba seca e queren agora amplialo para gardar nel a maquinaria.

Recría e vacas secas

Vacas secas na nova nave, de construción metálica, que permite abrir a cumbreira para facilitar a ventilación no verán

Vacas secas na nova nave, de construción metálica, que permite abrir a cumbreira para facilitar a ventilación no verán

En canto á nova nave de recría e vacas secas, é unha nave de estrutura metálica que ten a posibilidade de apertura cenital da cumbreira e de persina no lateral, o que facilita a ventilación e a saída do aire quente nos meses de calor. Trátase dun novo deseño da empresa asturiana Asthor https://abristhor.com/. “É moito máis económica que unha nave de formigón, saíunos pola metade de prezo e para min ten moitas vantaxes”, asegura Adrián.

As vacas secas están divididas en tres lotes e están secas entre dous meses e dous meses e medio

As vacas secas están divididas en tres lotes e pasan entre dous meses e dous meses e medio de período de secado. “Esta nave leva menos dun ano feita e xa o notamos moito, porque antes tiñamos as vacas secas moi apertadas. Agora chegan moito mellor a parir”, recoñecen. En canto á lonxevidade, a media da explotación está en tres partos.

SAT SAN ANTONIO (Palas de Rei) amamantadora Urban becerras recriaNa nova nave instalaron tamén unha amamantadora da marca Urban con catro postos de aleitamento. “A vantaxe desta máquina é que permite dar de mamar a catro becerras ao mesmo tempo”, destaca Adrián, algo que non facía a antiga, da marca Delaval, con dous postos de amamantamento pero que funcionaban de xeito alternativo.

Na zona das amamantadoras puxeron por debaixo parrillas de plástico para que non se molle tanto a cama e dure máis

Antes de pasar á amamantadora, as xatas están uns 8-10 días en boxes individuais. Destétanas aos 70 días e comezan a inseminalas a partir dos 13 meses se teñen xa tamaño para iso. Dispoñen de colares para detección de celos, que lles colocan a partir dos 10-11 meses de idade.

Inseminan tres persoas da granxa co obxectivo de sempre ter a reprodución cuberta, independentemente das libranzas e cada 15 días realizan o control reprodutivo. Carlos, o seu veterinario, destaca que se trata dunha explotación que fai as cousas ben e non ten problemas de xestación.

Estabilización no número de cabezas

SAT SAN ANTONIO (Palas de Rei) recriaDe cara ao futuro, teñen en perspectiva seguir facendo investimentos en modernización das instalacións pero non prevén incrementar o número total de animais da granxa. “Queremos estabilizarnos no número de vacas en muxido actuais pero si que buscamos aumentar a comodidade do gando”, explican.

O censo total de animais actual é de 589, con 324 vacas en lactación, 47 secas e 218 xatas e xovencas

A falta de superficie agraria dispoñible na zona e as dificultades para ampliar as instalacións, ao atopárense no entorno de protección de dous bens patrimoniais catalogados, a Igrexa románica de Vilar de Donas e unha mámoa, impídenlles poder incrementar o tamaño actual da explotación.

Robotización do sistema de muxido

SAT SAN ANTONIO (Palas de Rei) sala de muxidoUnha das cuestións que valoran de cara ao futuro é a substitución do sistema de muxido actual en sala, por un sistema de muxido robotizado, pensando sobre todo en aforrar man de obra unha vez que os socios de máis idade se vaian xubilando.

Moxen ás 6 menos cuarto da mañá e ás 4 e media da tarde e lévalles tres horas e media

“Agora mesmo estamos muxindo cunha sala de 2×12 e quizais nun futuro poidamos plantexarnos instalar robots para ter maior flexibilidade horaria, porque no prazo de 5-6 anos vanse xubilar dous dos socios e conseguir man de obra cada vez é máis complicado”, argumentan.

Moxen ás 6 menos cuarto da mañá e ás 4 e media da tarde e lévalles tres horas e media entre muxir e lavar. Sempre hai dúas persoas muxindo e outras dúas facendo camas e atendendo ás amamantadoras.

Venda dos xatos a Coren

Becerros angus que venden con 15 días de vida

Becerros angus e machos frisóns que venden con 15 días de vida

Unha das fontes de ingresos da explotación é a venda dos xatos cruzados que non recrían. Poñen touros angus a unha parte importante das vacas adultas e eses animais están agora na amamantadora vella que usaban até a construción da neve nova para as becerras de recría.

Pesan a todos os becerros e reciben 10 euros polas femias de cruzamento industrial e 11 polos machos

Téñenos 15 días e véndenos a peso vivo, polo que todos os animais pasan pola báscula antes de seren cargados nos camións que os levan con destino aos centros de destete e os cebadoiros que traballan en sistema de integración con Coren. 

Vendémolos a peso. Un angus de 15 días pesa uns 55 kg e un frisón entre 45 e 50. Os angus págannolos a 11€/kg vivo os machos e a 10€ as femias e os machos frisóns están a 5,75 €/kg vivo.

Organización do traballo para atender tanto ao gando como ás terras

Carlos, o veterinario encargado do control reprodutivo da explotación, acode á granxa cada 15 días

Carlos, o veterinario encargado do control reprodutivo da explotación, acode á granxa cada 15 días

A maiores dos 4 socios que traballan na granxa, teñen 4 empregados contratados e organizan as quendas de libranza e vacacións de maneira que poidan atender tanto o gando e o día a día da granxa como a meirande parte do traballo agrario.

“Os traballadores fan as súas horas e os seus turnos de libranza estipulados cada semana e teñen as súas vacacións, mentres que os socios temos un sistema diferente: libramos unha semana cada mes porque tamén facemos máis horas, pero despois non temos outro tipo de vacacións ao longo do ano. Cando nos xuntamos o obxectivo era ter máis tempo libre. Sen unha SAT iso non sería posible”, aseguran.

Finca de raigrás da SAT na parroquia de Vilar de Donas

Finca de raigrás da SAT na parroquia de Vilar de Donas

A nivel agrario, traballan entre 120 e 130 hectáreas de terreo, facendo rotación anual de cultivos de millo e herba en 100 hectáreas. “As outras 20 ou 30 hectáreas non se adaptan moito a botar millo e están sempre a pradeira permanente para facer silo e herba seca”, detalla Adrián.

Os catro socios que traballan na explotación túrnanse para teren unha semana libre ao mes cada un

Nesta zona o cultivo do millo acostuma acusar o calor nos meses de agosto e setembro, polo que tratan de botalo cedo e sementar variedades de ciclo curto. “Botamos sempre un ciclo 300 curto para estar ensilando o millo, se podemos, na primeira semana de setembro. Este ano a campaña de sementeira empezou antes, xa puidemos labrar 40 hectáreas bastante cedo”, contan. A media de produción que obteñen nas fincas de millo é duns 35.000 kilos de materia verde por hectárea.

Comezaron xuntando a superficie dos socios e hoxe teñen tamén terras arrendadas

En canto ao cultivo de inverno, apostan polo raigrás, do que fan dous cortes para ensilar, e para cumprir coa PAC botan tamén algunhas parcelas con leguminosas (unha mestura de varios trevos) e outras con nabos para triturar como cultivo para abonado en verde.

Parque de maquinaria

Tractor e cisterna nova, con capacidade para 18.000 litros de purín

Tractor e cisterna nova, con capacidade para 18.000 litros de purín

“Facemos nós todo o traballo agrario agás picar a herba e o millo para ensilar, pero todo o resto facémolo nós, desde preparar a terra a sementar, tanto a herba coma o millo”, explican.

Para iso, dispoñen dun extenso parque de maquinaria, que inclúe 6 tractores, unha pala mixta, unha telescópica, segadoras para a herba, acordonadoras, abonadora, arados, sembradora, e dúas cisternas de purín, unha de 16.000 litros con tubos colgantes e outra de 18.000 litros e coa preinstalación xa feita para eles, que foi a última que mercaron. “Collímola sen os inxectores porque nos encarecía uns 10.000 ou 12.000 euros máis o prezo e xa os tiñamos na outra”, explican.  

Facemos nós todo o traballo de campo, tan só nos vén unha empresa de servizos a picar o millo e a herba para ensilar

 “Botando o purín cos tubos colgantes a herba medra máis, é certo, porque non lle manchas tanto as follas e ves que aproveita mellor o nitróxeno porque ten outra cor diferente. O tempo de descarga cos tubos colgantes tamén é máis rápido, pero leva máis tempo manobrar e hai que ter máis coidado”, relata Adrián.

Servizo de carro mesturador con Aira

SAT SAN ANTONIO (Palas de Rei) carro mesturador AiraCando se constituíu SAT San Antonio optaron por dispoñer dun carro mesturador propio para facer as racións de alimentación do gando, pero na actualidade préstalles este servizo a cooperativa Aira, da que son socios.

“É moito máis cómodo así, sempre tes o servizo cuberto, non tes avarías e ao final facer o carro lévache tempo, ocupas boa parte da mañá dunha persoa niso”, argumentan.

O nutrólogo da granxa é Ángel Ávila

Elaboran a mesma ración para os tres lotes nos que teñen divididas as vacas de leite: primeirizas, recén paridas e adultas. Leva 34 quilos de silo de millo, 16 de silo de herba, 13,5 de penso, 1,4 de palla e 0,9 de melaza.  

A ración das secas leva 16 quilos de silo de millo, 3,5 de penso, 5 de palla e 1,5 de melaza e o das xovencas 3 kg de herba seca, 4 kg de penso, 2 kg de palla e 0,6 kg de melaza. O nutrólogo da granxa é Ángel Ávila desde fai moitos anos.

Camas de carbonato con serrín

O sistema de ventilación que instalaron permite a renovación do aire no interior da nave

O sistema de ventilación que instalaron permite a renovación do aire no interior da nave

As camas das vacas en produción son de carbonato con serrín. Sírvelles a mestura Galical, que xa lles encama no momento da descarga. Despois, diariamente, pasan unha gradilla dúas veces ao día, pola mañá e pola tarde, mentres as vacas dos distintos lotes están na sala de muxido. A media de células somáticas está en 149.000 e a de bacterioloxía en menos de 10.000 xermes.

A cama de palla das vacas secas e a recría cámbiana unha vez por semana

Están a renovar tamén os separadores dos cubículos, que teñen xa 25 anos, e instalaron un sistema de ventilación mercado en Dinamarca para mellorar o confort térmico das vacas durante os meses do verán.

“Ten un ventilador na cabeza da nave que mete aire do exterior e un sistema de distribución ao longo do establo con bocas de saída semellante ao dos aeroportos”, compara Adrián. O sistema completase cunha reforma das cumbreiras para que saia o aire quente. “O gasto enerxético é tamén menor que colocar ventiladores por toda a nave”, explica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información