SAT Salgueiriña, unha explotación mixta de cabras e ovellas para coidar do monte comunal

A CMVMC de Santa Mariña de O Viso, no Incio, ardía "un ano si e outro ano tamén" ata que, fartos desta situación, no 2010 un grupo de comuneiros decidiron introducir gando para manter o mato a raia. Desde entón non volveu haber incendios e a actividade serve de complemento a dúas ganderías de vacún de carne da parroquia

Belén e María co rabaño de ovellas da explotación ao fondo

Belén e María co rabaño de ovellas da explotación ao fondo nunha das zonas de pasto do monte comunal

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santa Mariña de O Viso, no municipio de O Incio, ten desde o ano 2010 un equipo de desbroce formado por un cento de cabras e medio cento de ovellas, unha brigada tan efectiva que o monte desta parroquia, que antes ardía todos os anos, non volveu facelo desde que hai gando. 

Grazas ao mantemento continuo que levan a cabo as cabras e ovellas o mato mantense a raia, controlado, e os piñeiros cos que os comuneiros repoboaron a zona medran libres de competencia e con máis vigor grazas ao abonado que producen os excrementos dos propios animais. 

Todo un conxunto de vantaxes a nivel social e ambiental máis aló do rendemento económico que poida xerar a propia explotación aos seus propietarios. “Dar dá pouco rendemento, pero tes o monte limpo, que era o obxectivo, non fai falla desbrozadora nin gastar en apagar lumes. As cabras para quen máis rendibles son é para a Administración. Ti sabes os cartos que leva aforrado aquí en extinción de incendios? Tiñan que potencialo moito máis”, argumenta María Castro, que xunto a Belén Pereiro e Jaime Pardo son os tres socios actuais de SAT Salgueiriña. 

Un aproveitamento diverso do monte da parroquia

Plantación de piñeiros, que ocupan 25 hectáreas, e que se encargan de limpar as cabras

Plantación de piñeiros, que ocupan 25 hectáreas, e que se encargan de limpar as cabras

“O noso exemplo pode servir a outras comunidades de montes a facer o mesmo: coidar o monte con animais. Grazas a iso temos o monte moi ben e facemos un aproveitamento diverso e variado del. Hai piñeiros, hai cabras e hai pradeiras que pacen as vacas das distintas explotacións”, engade María. 

As cabras para quen máis rendibles son é para a Administración. Ti sabes os cartos que leva aforrado aquí en extinción de incendios? Tiñan que potencialo moito máis

A CMVMC de Santa Mariña de O Viso posúe unha superficie total de 189 hectáreas, das que 25 están repoboadas con piñeiro, 33 son pastizais e o resto era improdutivo até a chegada das cabras e ovellas. “Eran toxeiras que foron elas desbrozando. Ano a ano vías como ía retrocedendo a maleza. É flipante ver como foron limpando o monte”, asegura Belén.

O rabaño de cabras e ovellas pace tamén a zona repoboada con piñeiros, que doutro xeito precisaría de labores de desbroce periódicos. “O proxecto de recuperación do monte comezou fai 13 ou 14 anos. A idea fundamental era ter o monte limpo porque este monte ardía ano sí e ano tamén. Empezamos plantando as 25 hectáreas de piñeiros. A continuación semillouse un cacho na parte alta, onde non valía para plantar, para facer pradeira. Logo viñeron as cabras no ano 2010, porque cando se plantaron os piñeiros dábanche 5 anos de mantemento, pero despois que, toxos e silveiras? Foi cando pensamos en meter gando para telo limpo”, relata María.

Constituíron unha SAT con parte dos comuneiros

A día de hoxe o rabaño está formado por un cento de cabras e medio cento de ovellas

A día de hoxe o rabaño está formado por un cento de cabras e medio cento de ovellas

Barallaron distintas opcións e decantáronse finalmente por un rabaño mixto de cabras e ovellas. Desbotaron, por exemplo, meter cabalos, porque na zona non había tradición de cabalos no monte. Non todos os comuneiros quixeron participar no proxecto de montar a explotación, así que a SAT Salgueiriña, que leva o nome do lugar onde se construíu unha pequena nave para o gando, botou a andar con 8 comuneiros como socios, dos que na actualidade quedan só 3, xa que o resto foron abandonando por mor da escasa rendibilidade inicial. 

Desbotamos os cabalos porque nestes montes non había tradición

Para habilitar legalmente a utilización do monte comunal para paceren os animais fíxose un arrendamento da CMVMC á SAT da que formaban parte os comuneiros que participaban no proxecto. Antes acometeuse o peche da superficie por parte da Comunidade de Montes coa axuda da Xunta de Galicia. “As estacas puxémolas os veciños á man cunha maza a relevos”, lembra María

Puntos de auga en todas as parcelas

A Comunidade de Montes fixo un pozo e unha balsa para paliar os problemas de auga no verán

A Comunidade de Montes fixo un pozo e unha balsa para paliar os problemas de auga no verán

A superficie total do monte comunal, 189 hectáreas, está perfectamente delimitada e rodeada de camiños perimetrais que fixo a propia Comunidade de Montes. Fixeron tamén un pozo na parte alta que pagou a Comunidade para ter auga e construíron unha balsa onde almacenan a auga que extraen e que serve para subministrar aos helicópteros e motobombas dos servizos de extinción de incendios e tamén para coller auga para o gando, cun sistema que impide a contaminación da auga da balsa. “No verán había escaseza de auga e iamos coas cisternas encher ao río, pero logo víñanos Seprona”, explican. 

Temos o monte pechado e cada parcela ten un bebedeiro. Temos dereito ao aproveitamento de dúas parcelas cada veciño

Cada veciño ten dereito ao aproveitamento propio de dúas parcelas de monte, que sumarían unhas 5 hectáreas de superficie. Esta zona de pastizal de uso individual está dividida en parcelas de entre 2 e 4 hectáreas e todas contan cun bebedeiro. Tanto as vacas propiedade dos veciños que pacen estas fincas, como tamén as cabras e ovellas, que dispoñen de puntos de auga repartidos polo monte para que poidan beber sen ter que baixar á nave, dispoñen de auga procedente do pozo comunal.  

Compatibilizan a explotación de ovino e caprino coa gandería de vacún

A nave serve de abrigo para o gando e para suplementar con herba seca o pasto

Imaxe da nave metálica que serve de abrigo para cabras e ovellas e para suplementarlles con herba seca o pasto

A explotación de ovino e caprino serve de complemento á gandería de vacún de carne, actividade principal tanto de María como de Belén. María conta con 27 nais reprodutoras e 1 touro de raza rubia galega e leva 21 anos producindo carne ecolóxica. Belén está en convencional e ten 17 vacas. O outro dos socios da SAT Salgueiriña, Jaime, traballa noutro sector aínda que mantén 8 vacas de carne.  

Coma o resto de veciños, eles tamén teñen parcelas no monte comunal que usan para as súas explotacións de vacún, a maiores da superficie que pacen as cabras e ovellas. “O que quedou para as cabras foi o que non valía para as vacas, o que estaba sen aproveitar porque era a zona menos produtiva, por pendente e porque estaba erosionada polos continuos incendios. Moitas destas zonas non son mecanizables, non se poden traballar nin con dobre tracción, son as cabras as que a cultivan”, di Belén. 

Dispoñen dun pequeno cobertizo para resgardar o rabaño das inclemencias do tempo e dos ataques do lobo

As áreas de menos pendente foron sementadas con herba e nelas rótase o gando para poder facer rolos de herba seca nos meses de máis produción de forraxe. “Son 50 ou 60 rolos que teñen á súa disposición no inverno e no verán”, explica.  

Dispoñen dun pequeno cobertizo para resgardar o rabaño das inclemencias do tempo e dos ataques do lobo. “Dentro témoslles a herba seca e está aberta sempre para que poidan entrar cando queiran. Baixan soas pola noite ou cando chove e tráense tamén cando van parir”, explica María. 

Produción en ecolóxico pero venda en convencional

Usan o penso ecolóxico Ecofeed da cooperativa asturiana Campoastur

Usan o penso ecolóxico Ecofeed da cooperativa asturiana Campoastur

Na parte máis accesible das 33 hectáreas, xunto á nave onde meten o gando, teñen unha parcela reservada para a época dos partos. “Temos separados os machos para ter un pouco controladas as inseminacións e os partos. Intentamos concentrar os partos para poder vender no verán, que é cando hai máis saída”, indican. 

Coa venda directa sairía gañando tanto o produtor como o consumidor

O 2020 non foi un bo ano para as explotacións de ovino e caprino. “O coronavirus afectounos moito. Levar levábanchos igual, pero pagábanchos moito menos. Penso que a pandemia foi usada como unha desculpa para pagar menos pola carne”, opina María, que avoga pola venda directa pois, con este sistema “sairía gañando tanto o produtor como o consumidor”, di. 

Aínda que o sistema de produción que utilizan segue os estándares fixados polo Craega, á hora de vender os años e cabritos non lles serve para revalorizalos. “A explotación está en ecolóxico, pero os cabritos comercializámolos en convencional porque en ecolóxico non hai a quen vendelos”, asegura Belén.  

“Era un gando que non coñeciamos, tivemos que ir aprendendo o seu manexo”

María e Belén con Angus e Tina, os dous mastíns da explotación

María e Belén con Angus e Tina, os dous mastíns da explotación

A uns 800 metros de altitude, as nevaradas fan estragos no piñeiral. “A plantación que fixemos estropéanola moito a neve, porque é un terreo de lousas onde os piñeiros teñen pouco agarre e túmbanolos a neve”, recoñece María. No gando, as baixas veñen por outros motivos. “Entrounos dúas veces o lobo e despeñounos as ovellas”, relatan. “Houbera moitas feridas e acabaron morrendo todas porque ás que lles traban non curan”, din. Para tratar de evitar que entren teñen o cercado perimetral electrificado e para defender o gando en caso de que logren franquealo contan con dous mastíns, Augus e Tina, convivindo coas cabras e as ovellas de xeito permanente.  

O rabaño de cabras e ovellas pace nas 33 hectáreas de monte nun sistema en extensivo no que prima a liberdade dos animais pero tanto María coma Belén están moi pendentes deles. “Imos todos os días a velas e pola noite baixan soas, tanto as cabras como as ovellas, para a nave que temos e polo día se empeza a chover tamén”, explican. 

As cabras e as ovellas andan xuntas pero non revoltas porque as ovellas apártanse das cabras

Aínda que as cabras e as ovellas andan xuntas, non se mesturan. “As ovellas apártanse das cabras, normalmente están en dous grupos separados. A cabra fai moitos máis quilómetros ao día, mentres que as ovellas quedan nas fincas de máis cerca”, contan. 

Problemas co verdín

Unha das pradeiras que se atopa a carón do establo, na que están as cabras na época dos partos

Unha das pradeiras que se atopa a carón do establo, na que só están as cabras na época dos partos

Cada grupo ten tamén as súas preferencias de alimentación. “A ovella é de pastizal, non vai á zona de toxo, e a cabra ao revés, vai máis á zona de monte onde están plantados os piñeiros”, conta María. De feito, para as cabras a herba de retroño é contraproducente. “Na primavera non lles deixamos ir aos pastizais porque en dous días morren co verdín”, advirte.  

As cabras non poden estar sempre no pastizal porque senón morren co verdín

“Para nós é máis doado o manexo das cabras que o das ovellas, pero son máis delicadas as cabras que as ovellas. As ovellas son máis duras e aguantan moito máis, mentres nas cabras hai máis mortandade”, aclaran. “Era un gando que nós non coñeciamos. Aquí os veciños tiñamos vacas pero non cabras e ovellas, para nós era un gando novo, eran animais cos que non estabamos familiarizados”, recoñece María. 

Ataques do lobo, o raposo e o gabián ás crías

Unha das cortes individuais nas que están os años e os cabritos pequenos ano naceren

Unha das cortes individuais nas que están os años e os cabritos pequenos ao naceren

Un dos momentos de máis traballo é a época dos partos. Tamén aquí hai diferenzas en canto ao comportamento das dúas especies. “Cando paren as ovellas as nais non se separan dos años até que son capaces de camiñar e levan as crías con elas para o rabaño ou mesmo as baixan para a nave. Coas cabras temos que estar máis pendentes porque paren e xa deixan soas ás crías. Por iso as temos na época dos partos na finca que temos pechada ao redor da nave para poder controlar os nacementos e meter dentro aos cabritos, que doutro xeito quedarían indefensos no monte”, explican.  

Nós nunca tiveramos cabras nin ovellas, tivemos que aprender, pero agora xa temos o manexo máis controlado

Tanto os años como os cabritos pequenos ao naceren quedan uns días dentro para protexelos do lobo, o raposo e o gabián. “Veñen as nais ao establo para que mamen”, explica María. Contan cunhas pequenas cortes onde poder separar, tanto ás crías como ás nais, do resto do rabaño e onde suplementan a alimentación con penso ecolóxico Ecofeed que mercan á cooperativa asturiana Campoastur. 

Unha vez ao ano sacan o esterco que fan as cabras e as ovellas e bótano nas pradeiras para abonalas. “Non temos tampouco moito esterco porque os animais pasan pouco tempo na nave, a maior parte do día están fóra”, aclara María. 

Aumento paulatino do número de cabezas a base de recriar

Os dous sementais actuais do rabaño

Os dous sementais actuais do rabaño, que renovaron para evitar os problemas de consanguinidade

Desde que puxeron a andar a explotación no 2010 o número de animais foi aumentando pouco a pouco a base de recriar. “As cabras viñeron das Nogais e o macho procedía de Andorra. Empezamos con moi poucas cabezas, un par de ducias soamente, e logo fomos recriando para aumentar”, explican. Para evitar os problemas de consanguinidade cambiaron xa dous castróns e un año usados como sementais. 

Pero nestes 10 anos sufriron toda unha serie de contratempos que retrasaron o medre da explotación e o aumento paulatino de cabezas. “Tivemos algún sabotaxe nos peches e no ano 2015 entrárannos a roubar. Levárannos 70 cabritos, e o problema non foi xa a perda de produción en si, senón a recría dese ano. Fora o que máis nos doera, porque custa moito medrar deste xeito, pouco a pouco, en base á recría propia”, lamenta María.  

Una idea sobre “SAT Salgueiriña, unha explotación mixta de cabras e ovellas para coidar do monte comunal

  1. Manuel González Abril

    Mismas felicitaciones a esas luchadoras de la naturaleza ( Belen y Maria ) sobre su gran compromiso en hacernos ver que quien quiere puede y deve hacer por el planeta tierra es pena que no hagais algun taller o os suvencionen el hacerlo pues no se debeira olvidar ese gran oficio sin mas decearles un buen futuro con la madre naturaleza ( SALGUEIRIÑA muchas felicidades desde mi tierra chica CONDADO- PARADANTA Pontevedra

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información