SAT Sabadelle, unha gandería que moxe en robot e non dá silo de millo ás vacas

Xurdida hai 20 anos da fusión de tres explotacións familiares, abandonaron o cultivo do millo polas características do terreo no que se atopan. Na actualidade xestionan 120 hectáreas nas que priorizan a produción de herba

SAT Sabadelle (Chantada) nave producion establoNa parroquia de Sabadelle, en Chantada, atópase unha gandería inusual en Galicia, onde o 80% do leite é producido en base ao cultivo de millo, sobre todo nas explotacións de maior tamaño.

Na SAT Sabadelle están a muxir na actualidade arredor de 120 vacas en dous robots, pero prescinden por completo do silo de millo na ración. Son dúas decisións, a de automatizar a granxa e a de deixar de cultivar millo, que tomaron en base ás características propias da explotación.

“A adaptación que nós fixemos está motivada por dous factores: por un lado, temos xa máis de 50 anos e un dos traballos nos que máis se sofre fisicamente é na sala de muxido, por iso puxemos os robots; e por outro lado, debido á ubicación e ás condicións de clima e solo nas que nós estamos, cultivar millo era problemático. Pero cada granxa ten que facer a súa propia evolución, porque as circunstancias en cada unha non son as mesmas, e evidentemente se estiveramos no norte de Lugo a estratexia tería que ser distinta”, razoa Lois Lareu, un dos tres socios actuais da SAT.

A piques de cumprir 20 anos

SAT Sabadelle (Chantada) vacas producionA granxa comezou a funcionar en 2002, polo que está a piques de cumprir 20 anos. É o resultado da fusión de tres explotacións familiares. “Naquel momento houbo un boom das SATs, pero eu vexo que despois, co paso dos anos, deixaron de producirse fusións deste tipo. Non sei se é porque as explotacións familiares medraron e non se ve necesario xuntarse co veciño ou porque as ganderías foron desaparecendo e non queda con quen xuntarse”, argumenta Lois.

José Manuel Fernández, María Suárez e Lois Lareu son os tres socios actuais da SAT

Das tres familias iniciais, a día de hoxe quedan dúas. “Na actualidade somos tres socios e un empregado. No inicio traballabamos entre 7 e 8 persoas, pero cando un dos socios fundadores tivo que abandonar a SAT (fíxoo por enfermidade hai 12 anos), produciuse unha redución tanto no número de traballadores como de animais”, explica.

2 robot desde marzo deste ano

SAT Sabadelle (Chantada) robot Lely2Malia teren pasado xa dúas décadas desde a súa construción, o establo está en boas condicións e simplemente fixeron nestes anos investimentos en eficiencia enerxética e obras de adaptación para a instalación do novo sistema de muxido con robot.

“A nave que se fixo no 2002 practicamente é a mesma que temos na actualidade. Houbo un esforzo económico importante no inicio para ter unhas instalacións novas e modernas para aquel momento e que están aínda en bo uso a día de hoxe”, conta Lois.

Nos últimos anos fixeron investimentos en aforro enerxético, tanto placas solares como intercambiador de calor

Pero con miras a enfrontar os vindeiros anos tomaron a decisión de investir na automatización do muxido. “Este ano substituímos a sala, que era rápida e estaba ben, por 2 robots. O motivo principal foi que un dos socios ten 60 anos, e os outros dous temos 54 anos e comezabamos a notar os achaques típicos da idade á hora de muxir, posto que as pernas e ombreiros resíntense tendo que pasar tres horas na sala á mañá e tres á tarde. E outra das razóns é a dificultade de atopar man de obra cualificada”, recoñece.

SAT Sabadelle (Chantada) ventiladorA adaptación dos animais ao robot foi “rápida e doada”, di. Para iso, antes de comezar a muxirse no robot as vacas fóronse afacendo a comer nel o penso durante dúas semanas.

A ración de produción leva 30 kg de silo de herba, 1,5 de palla, 1,5 de alfalfa e 9,5 de penso, máis o punteo do robot (6 kg máximo)

O paso ao robot supúxolles un incremento duns 8 litros de leite por vaca e día. “Antes estabamos nuns 32 litros de media e desde a instalación do robot acadamos os 40 litros”, di. A composición media do leite é dun 3,6% de graxa e un 3,1% de proteína. “A graxa e proteína descendeunos moitísimo coa implantación do robot”, admite Lois.

Lote de gando en pastoreo para reducir custos

SAT Sabadelle (Chantada) vacas secas e xovencas pastoreo

Lote de vacas secas e xovencas, con saída ao pasto

A robotización da granxa levounos a modificar algunha rutina de manexo do gando, sobre todo no relativo ao secado. “Co robot hai un incremento de gasto en concentrado, polo que nós se vemos que unha vaca que está no robot non ten a produción axeitada e non nos compensa tela no lote de produción o que facemos é secala e pasala ao lote de pastoreo, onde o custo de alimentación é baixo”, di.

Para minimizar o gasto en concentrado adiantan o secado nas vacas que perden produción

Dispoñen dunhas 20 hectáreas arredor da granxa que pastorean coas vacas secas e xovencas. “Iso axúdanos a reducir de  xeito significativo o custo de alimentación dese gasto”, afirma Lois.

“Facemos un carro para xovencas e secas, que levan a mesma alimentación. E se no mes de agosto, cando non hai pasto, temos que facer un carro diario, cando hai pasto ese mesmo carro dura tres días”, exemplifica. Non é un carro estritamente seco, porque bótanlle herba seca da que eles colleitan, máis uns quilos de silo de herba de segundo corte, máis o concentrado.

Beneficios na recuperación das vacas

As vacas recén paridas ou con algún tipo de problema seguen saíndo fóra

As vacas recén paridas ou con algún tipo de problema están tamén fóra

Lois considera que os períodos de pastoreo, ademais de aforrar custos, melloran a saúde dos animais e alongan a súa vida útil. Antes de muxir co robot as vacas en produción saían a fóra e neste momento seguen mantendo esta práctica para determinados animais.

Cando hai unha vaca con problemas, ao botala fóra mellora moito máis rápido

“Temos un pequeno grupo de vacas adultas que saen fóra, ben sexa por problemas de pés ou porque están recén paridas e vemos que deste xeito melloran máis rapidamente o seu estado sanitario e podal”, asegura.

O inverno aquí non é extremo, pero o verán si que é duro para o pastoreo nesta zona

Na zona de Chantada os invernos non son extremos, pero é habitual que a seca afecte de cheo no verán. “Os nosos solos son areosos e secan moito nos meses de xullo, agosto e setembro”, explica Lois. Por iso, a alimentación do gando en SAT Sabadelle susténtase a base de ensilados de herba, unha vez que foron deixando paulatinamente de botar millo.

Abandono do cultivo de millo

Desde hai 13 anos apostan exclusivamente polas pradeiras para a produción de forraxe

Desde hai 13 anos apostan exclusivamente polas pradeiras para a produción de forraxe para a ración

“O cultivo de millo para nós era un sufrimento. Obtiñamos unas producións moi baixas e cando había boa colleita tiñamos problemas co xabarín, ademais do traballo que nos supuña. Eu non discuto que o millo sexa interesante para a produción leiteira, pero cada quen ten que analizalo nas súas circunstancias”, argumenta Lois.  

“Na zona na que nós estamos, cando durante varios días a temperatura pasa de 30 grados, que foi o caso deste ano, o millo xa non era capaz de recuperarse viñera despois o tempo como viñera”, di.

O millo para nós era un sufrimento, cando non era a seca era o xabarín, os corvos ou a rosquilla

Hai 13 anos que deixaron definitivamente de botar millo e apostaron polas pradeiras permanentes.  Son basicamente de raigrás italiano e trevos que pouco a pouco se van introducindo e colonizando de forma espontánea as parcelas de pastoreo.

Xestión do minifundio

As fincas son areosas e secan no verán

As fincas son de pequeno tamaño e o solo é areoso e seca no verán

SAT Sabadelle bate cunha das dificultades habituais en Galicia, a do minifundio. “Xestionamos unha superficie de 120 hectáreas distribuídas catastralmente en 427 parcelas, o que supón un esforzo non só físico, senón tamén mental para poder xestionar todas esas leiras”, di Lois.  

Traballamos 427 parcelas en tres concellos: Chantada, Taboada e Carballedo. Supón un esforzo físico e mental importante

O tamaño real das parcelas de traballo foise incrementando a base de apezar fincas. “Co paso do tempo foron pechando explotacións no noso entorno e iso permitiunos ter pezas de 5 ou 6 hectáreas, pero cunha salvedade, polo medio está cheo de marcos que temos que respectar no laboreo para non modificar a estrutura de propiedade da terra”, indica.

A superficie en propiedade é dunhas 40 hectáreas e o resto, unhas 80, son alugadas e están moi dispersas, o que dificulta a súa xestión. “Manexamos fincas en varios concellos e tiñamos xente que nos pastoreaba esas fincas no inverno e que nos servía para facer o corte de limpeza e telas dispoñibles para o abonado de xaneiro. Pero hoxe esas explotacións están pechando e vémonos xa obrigados a triturar unha parte delas”, admite.

Manexo das pradeiras de sega para lograr a resementeira sen laboreo

Apostan polas pradeiras para a produción de forraxe

SAT Sabadelle fai unha xestión forraxeira das pradeiras enfocada a lograr un corte para silo a finais de abril ou principios de maio e un segundo corte para silo ou herba seca a partir do 15 de xullo.

Para iso, a estratexia de abonado consiste na aplicación de xurro no mes de xaneiro en toda a superficie, logo do corte de limpeza do inverno, e unha fertilización con NAC do 27% a mediados de marzo.

 “Abonamos con xurro en xaneiro e nitróxeno en marzo. Habitualmente botabamos uns 250 kg/ha de abono químico, pero este ano reducimos a 150 kg/ha polo custo do fertilizante e notouse, a produción das pradeiras non foi a mesma”, admite Lois.

Co abono de xaneiro-febreiro de xurro e o nitróxeno de marzo chega para a produción de herba de todo o ano

“No segundo corte, se o tempo é propicio, ás veces volvemos a fertilizar con xurro. Pero se sobe a temperatura, como pasou este ano, deixamos de botar purín, porque consideramos que facemos máis dano á pradeira que beneficio”, razoa.

Silo en pacas

Fan rolos de herba seca e pacas para silo co segundo corte

Fan rolos de herba seca e pacas para silo co segundo corte

O primeiro corte coincide normalmente a finais de abril ou comezos de maio, en función de como veña a climatoloxía. “Ensilamos todo a un tempo a través dunha empresa de servizos, de maneira que en 3 días temos toda a forraxe ensilada, o que nos permite que non haxa variacións na composición do silo e na ración durante todo o ano”, destaca.

O segundo corte repártese entre herba seca e silo empacado. “Empezamos a facelo en pacas porque ese segundo corte para ensilalo en trincheira tiñamos problemas de conservación polas bolsas de aire, porque era herba que era difícil de pisar. Así, ao ensilalo en pacas non temos ningún problema”, di. Con ese método fan unhas 200 pacas de silo de herba, que empregan para o carro das xovencas e secas.

Colleita de semente

Collen a semente dunhas dúas hectáreas de raigrás para resementar con elas unhas 20 hectáreas cada ano

Collen a semente de raigrás cunha colleitadora para resementar con ela unhas 20 hectáreas cada ano

Pero no segundo corte a protagonista é a herba seca, tanto polo tipo de forraxe como método de resementeira natural das pradeiras. “Collemos rolos de herba seca nunhas 100 hectáreas, pero delas eleximos sempre un par de hectáreas, as que teñen máis calidade, que as collemos cunha colleitadora de cereal para aproveitar a semente. Con esa semente resementamos fincas que o necesitan, ben por estaren en boas condicións ou nas que ensilamos o segundo corte, porque nas que collemos herba seca non fai falla, coa semente que cae xa chega”, di.

Facemos o corte de herba seca cunha colleitadora de cereal nunhas dúas hectáreas e coa semente que collemos resementamos o resto de parcelas

Cada ano, a principios de setembro reparten esa semente que recolleron nunhas 20 hectáreas, para ir renovando deste xeito de maneira natural e sen laboreo as pradeiras. “Botamos a semente cando o terreo está seco, para que non teña competencia á hora de saír. Non pasamos rulo nin botamos xurro ata que a planta está ben implantada para non pisar nin machacar, unicamente depositamos a semente na superficie cunha sementadora Amazon pero sen facer laboreo e cando veñen as primeiras chuvias xa se encargan de facer que a semente entre en contacto co terreo. É un método barato que nos está dando bos resultados”, explica Lois.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información