Este martes cumpríase medio ano da entrada en vigor do Real Decreto Ley 8/2019, de 8 de marzo, de medidas urxentes de protección social e de loita contra a precariedade laboral na xornada de traballo, que entrou en vigor o pasado 12 de marzo. O cambio normativo supuxo unha modificación no Estatuto dos Traballadores, instaurando a obriga de rexistrar a xornada laboral de todos os traballadores na totalidade das empresas e independentemente da modalidade de contrato.
No caso das explotacións leiteiras, esta obriga legal de facer fichar aos empregados trastocou en moitos casos os horarios establecidos para os traballadores, axustados normalmente até ese momento ás horas de realización das tarefas de muxido e coa xornada partida, polo tanto, como sistema máis habitual.
En caso de incumprimento do rexistro da xornada laboral, as sancións van desde os 626 euros aos 6.250
Ás dificultades para atopar persoal, recurrentes na maioría das granxas, engádese agora o feito de ter que cadrar os horarios e ter en conta cuestións como os periodos de descanso, que se fan difíciles de cumprir en momentos como as campañas de ensilado ou sementeira ou mesmo por problemas sobrevidos dentro da propia xornada laboral ordinaria (as vacas non son máquinas que se poidan apagar a unha determinada hora e mesmo a algunha pode que até lle dea por poñerse a parir xusto cando teóricamente remataría a xornada laboral). En moitos casos, pois, o cumprimento estricto do Real Decreto de control horario fixo aumentar as necesidades de persoal nas explotacións.
É o caso da SAT Os Penedos, ubicada nunha das parroquias máis leiteiras de Galicia, a de Álvare, no concello da Pastoriza. Esta explotación familiar, formada por 5 socios traballadores, contaba até agora con un empregado, que reforzaron con outro a maiores para poder cumprir coas esixencias da nova normativa.
“Tivemos que facelo para axustarnos á xornada laboral, porque non só contan as horas efectivas de traballo que se realicen no día, senón que tamén hai que ter en conta os periodos mínimos que deben pasar entre unha xornada e a seguinte”, explica Manolo Eiros, un dos membros da SAT. “Tés que cumprir cos descansos, os empregados teñen que ter un mínimo de 12 horas de descanso entre a hora de saída e a de comezo e iso ás veces é difícil neste sector”, engade o seu cuñado Manuel Penedo, tamén socio da explotación. “Isto é igual que os camioneiros, imos ter que poñerlles tacógrafo aos traballadores nas granxas”, bromea.
Xornada continua
SAT Os Penedos quere facer as cousas ben e cumprir coas novas esixencias legais. “Se che din que hai que ir por aquí hai que procurar ir o máis recto posible”, defende Manolo. Coa incorporación do segundo empregado queren facer turnos de traballo, de maneira que un deles traballe pola mañá e o outro pola tarde e organizalos en función dos horarios de muxido, que fan ás 7 da mañá e ás 6 e cuarto da tarde.
Aínda que esa obriga de fichar non afecta aos socios da SAT, que quedan excluidos expresamente do deber de control horario no Real Decreto, esas melloras nas condicións laborais quérenas tanto para o persoal contratado como para eles mesmos. “Queremos seguir medrando até que nos permita vivir cunhas xornadas laborais coma as que hai noutros sectores. É a única maneira de que a xente se anime a seguir. No noso caso, aquí nesta explotación hai relevo, pero se as condicións son peores que as dos outros sectores tarde ou cedo estás condenado a pechar porque a xente cánsase”, razoa.
“Os empregados, para que che duren, tés que coidalos”, di Manolo.
Os turnos de traballo e descanso que teñen sérvenlles para librar como mínimo un día á semana. “Descansamos un matrimonio o sábado e o outro o domingo, imos rotando e cando che toca librar o sábado libras tamén o venres pola tarde”, explican. “Os traballadores libran coma nós, o mesmo número de días, porque o que non queiras para ti non llo poñas ao empregado. Os obreiros para que che duren tés que coidalos”, asegura Manolo.
Mellora das instalacións
Unha maneira de reducir as xornadas de traballo nas explotacións é facendo melloras nas instalacións que sirvan para acurtar os tempos de realización de determinadas tarefas. A sala de muxido representa, pois, neste sentido, un dos principais aspectos a ter en conta.
A súa substitución está xa no punto de mira desta explotación. “Temos unha sala de 16 puntos traseira e lévanos moito tempo muxir. Son tres horas á noite e tres horas e vinte pola mañá sen contar o tempo de lavar a sala”, explican. Muxen sempre entre dúas persoas polo que este é un dos puntos no que queren mellorar para aforrar tempo.
“A sala temos que xubilala. Co que gastamos en maquinaria aínda que gastemos algo na sala non pasa nada, é algo que usas todos os días e róubanos moito tempo”, admite Manolo.
Optimizar os traballos diarios
Ao igual que o muxido, hai outra serie de tarefas de realización diaria nas que a incidencia da reducción de tempos se multiplica por 365 días do ano. O arranxo das camas das vacas é unha desas tarefas. “Os cubículos facémolos á man pero imos mercar unha minicargadora, que nos vale para a area e tamén nos valería se cambiamos para compost”, detalla.
Neste momento as vacas de produción téñenas en area. “Para as vacas é o mellor, pero é un sistema a extinguir, temos que cambialo cando poidamos”, razoa Manolo. Gastan unha bañeira de area á semana, é dicir, unhas 27 toneladas semanais.
Só os animais que están producindo teñen cama de area e o lote de recría de 8 a 13 meses aproveita a area que retiran da fosa de purín. O resto repártense entre palla e compost. “As vacas secas están en cubículos de palla para non botar tanta area para a fosa”, conta Manolo.
Empregan cama fría de compost para algúns dos lotes de recría e palla para as secas
No caso da recría, as condicións do chan son distintas para cada un dos cinco lotes nos que a teñen dividida en función dos espazos dos que dispoñen para elas. Así, as becerras pequenas están até o destete, mentres están na amamantadora, en palla, que cambian cada 3 días. Entre os 3 e os 8 meses pasan a cama fría de compost, con bos resultados. “Só tivemos unha coxa desde fai un ano e iso sen sulfatar nin baño de pés nin nada. O compost funciona ben, pero temos excesiva carga de animais para os espazo que temos e non seca tan ben, sobre todo no inverno”, recoñecen. Logo pasan a area reciclada e despois, entre os 13 e os 15 meses están en colchoneta. “É un sistema que non me gusta nada e non recomendo a ninguén”, di Manolo. Dos 15 meses ao parto pasan novamente a cama fría de compost, que fresan todos os días.
Axustar o tamaño da explotación ao persoal dispoñible
SAT Os Penedos conta neste momento cuns 500 animais, dos que 216 son vacas en produción. “Temos moita recría, case temos tantas xovencas como vacas en muxidura porque inseminamos moito con sexado nas primeirizas”, explican. A primeira e a segunda dose nas xovencas é seme sexado sempre en todas elas. Inseminan eles mesmos e contan tamén con indentificación e detector de celos nas vacas en produción.
A súa intención é seguir incrementando o número de cabezas até que o tamaño da explotación se axuste á man de obra da que dispoñen tralo reforzo do segundo empregado contratado este verán e da incorporación de Rubén no 2018.
Rubén é fillo de Begoña Cruz e de Manuel Penedo, un dos dous matrimonios desta SAT, que se completa co formado por Marina Penedo e Manolo Eiros. Entre os cinco continúan coa tradición da gandería familiar, na que Rubén representa xa a cuarta xeración. “Había vacas na casa xa desde os nosos avós”, conta Manolo. Marcos (o outro fillo de Manuel e Begoña) e Manuel (fillo de Manolo e Marina) están aínda estudando e non teñen decidido se van quedar tamén na explotación. A formación dos mozos e mozas para a súa incorporación ás explotacións é unha das necesidades nas que incide Manolo. “Botamos de menos que a Admininstración se preocupe máis de formar aos chavales, paréceme unha cousa fundamental”, di.
Para poder aumentar a súa produción gastaron 150.000 euros en cuota, que foron mercando até multiplicala case por dez
O crecemento foi unha constante nesta granxa desde que constituíron a SAT fai xa 20 anos. “Antes muxiamos 40 vacas. No 98 fixemos a sociedade e o primeiro establo para 92 vacas. Logo fomos mercando cuota doutras explotacións para poder seguir medrando. Nós tiñamos 221.000 litros no 98 cando empezamos e acabamos cando desapareceron as cuotas con 2.100.000 litros despois de meter máis de 150.000 euros en cuota”, lembra Manolo.
Unha ampliación cada tres anos desde o 2005
No 2005 uniuse á SAT Manuel, que tamén tiña vacas na súa casa e continuaron medrando, con 4 ampliacións desde entón, cada tres anos unha. A última coincidiu coa incorporación de Rubén no 2018, coa construción dunha nave para a recría e unha fosa de purín cuberta de 2 millóns de litros. Xa tiñan outras dúas fosas dun millón de litros cada unha.
Esa era unha das limitacións que tiñan para seguir aumentando o número de animais. Precisan tamén ampliar as instalacións, que lles volveron quedar pequenas. “Estamos xa saturados, porque medras día a día e cando te dás conta estás outra vez a tope, non traballas cómodo e os resultados son peores”, din. “Pero para seguir medrando xa temos que facer estudo de impacto ambiental”, explica Manolo.
Negocian a venda do leite en conxunto coa veciña SAT Os Foros
Venden hoxe unha media de entre 240.000 e 250.000 litros ao mes, que entregan a Lactalis. “Eramos xa clientes de Lauki e seguimos en Lactalis cando o grupo Besnier mercou Lauki”, explica Manolo. Negocian a entrega do leite en conxunto coa veciña SAT Os Foros.
Limitados pola escaseza de superficie
Outro dos condicionantes cos que se atopan para seguir ampliando é a escaseza de superficie dispoñible nesta zona. “Estamos limitados pola propiedade, nesta zona págase moito a terra”, explican. Chegan a pagar até 500 euros por hectárea de aluguer ao ano pola competencia que hai entre as distintas explotacións existentes nesta parroquia.
En Álvare chegan a pagarse 500 euros ao ano de aluguer por hectárea
SAT Os Penedos dispón neste monento de 80 hectáreas de superficie, 70 delas en rotación anual de millo e raigrás. “Até o de agora chegounos a superficie que temos, só mercamos o concentrado e a palla para as secas e a recría”, indica Manolo.
Fan eles mesmos todos os traballos agrícolas, agás o picado, para o que non dispoñen da maquinaria necesaria. Ensilan na explotación e dispoñen de carro mesturador propio para facer as distintas racións de alimentación. Elaboran catro distintas, unha para as vacas de leite, outra para as secas e dúas diferentes para a recría. “Até os 3 meses están na amamantadora, aos 90 días destétanse e comen até os 6 meses a ración de produción. Logo facémoslles racións específicas para elas, unha para cando teñen entre 6 e 15 meses e outra distinta dos 15 meses até o parto”, explica Manolo. En conxunto fan 5 carros ao día porque “ás vacas en produción facémoslles dúas veces ao día”, conta.
Separadores flexibles importados de Alemaña buscando máxima comodidade para os animais
Unha das novidades que introduciron nesta granxa e que hoxe xa se pode ver tamén noutras explotacións, como na Lagoa Serabel SC de Xermade, son os separadores de cubículos flexibles. Evitan moitos golpes e accidentes do gando, sobre todo naqueles animais de maior idade. “É coma se compras un coche con airbag ou sen el, hai diferenza”, asegura Manolo.
No canto dos ferros tradicionais para separar unhas camas das outras, neste caso empréganse uns tubos de plástico semirríxidos que dobran no caso de que unha vaca se apoie ou bata neles á hora de se levantar, por exemplo. Iso evita os frecuentes percances por impacto e tamén que as vacas poidan quedar atrapadas debaixo deles.
“Quedáronnos dúas vacas descalcificadas non fai moito. Levantámolas coa pinza e non se mancaron nada. Se en vez de estar nesta parte da nave, na que ampliamos con este tipo de cubículos, estiveran na parte antiga, onde aínda temos os ferros para separar, igual xa non as dabamos sacado”, relata Manolo. “Se volvemos a ampliar, desde logo, volveriamos a poñer este sistema”, asegura. “Son algo máis caros, pero merece a pena, porque as vacas non se golpean nada”, xustifica.
Nesta SAT da Pastoriza copiaron este sistema de granxas europeas onde comezaron a ulitizalo. “Vímolos fai dous anos nunha viaxe a Dinamarca e Alemaña. Mercámolos aló directamente e custounos moito que o fabricante aceptase, non nolos querían vender porque aquí non tiñan distribuidor”, conta Manolo. Pero a súa teima por introducir esta novidade na última ampliación que fixeron serviu para abrir mercado en Galicia a este modelo, que ten tamén outra vantaxe: o feito de que tampouco teñan apoio vertical facilita os traballos á hora de facer as camas.
Revisión de podoloxía unha vez ao ano
Na procura de confort para o gando, a saúde das patas é un aspecto importante. “Facemos unha revisión a todos os animais unha vez ao ano”, explican. Este ano esperaron a que pasara o verán para facela para que non coincidira en días de moita calor “porque queiras que non as vacas estrésanse bastante nestas revisións”, asegura Manolo.
SAT Os Penedos é unha explotación moi saneada en materia de podoloxía, non acostuman ter problemas agás por algún golpe ou accidente puntual. Dos traballos neste eido encárgase a empresa Sepogán, de Ribadeo, que conta con 5 potros en circulación para atender as distintas urxencias que se presentan nas explotacións que teñen contratados os seus servizos.
“Son moi rápidos, chámalos e aquí están, traballan moi ben”, di Manolo, que explica que “cando se trata de facer as revisións a toda a cabana veñen con 3 potros e na mañá revisan 200 vacas”.