Cando hai 11 anos os matrimonios formados por Manuel Legaspi e Yolanda Alba e por Pilar Legaspi e Suso Otero decidiron xuntarse nunha SAT cambioulles a vida. Xuntaron as vacas das dúas explotacións e comezaron un camiño de mellora imparable que os sitúa entre as mellores explotacións de Galicia por produción, cunha media en 2016 de 13.532 quilos de leite por vaca, con 3,89% de graxa e 3,13% de proteína.
E todo, a base de constancia e traballo organizado. Ese é, para Manuel, a clave do seu éxito. Hoxe, só unha década despois, e con esa receita, lograron aumentar un parto de media a duración das súas vacas e pasar de 2,6 a case 4 lactacións. E iso nótase na produción e, sobre todo, na rendabilidade da explotación. “Aquí hai vacas moi rendibles e que dan diñeiro, porque duran e fano sen dar problemas nin gasto a maiores”, explica Yoli, que é veterinaria e encárgase de todo o relativo a enfermidades e control reprodutivo.
Contar cunha veterinaria na casa axuda porque “o gando está sempre moito máis controlado”, admite a súa cuñada, Pili, pero máis aló desta vantaxe “para que as vacas duren 6 ou 7 partos hai que tratalas con moito mimo, coidalas e estar pendente delas, e aquí témolas coma nun hotel”, engade. Por exemplo, limpan as camas, que son de area para as vacas en produción e a recría e de palla para as recén paridas e as secas, até cinco veces ao día.
Pero as instalacións do resort de produción hai tempo que quedaron pequenas e por iso están acomentendo unha obra de ampliación con capacidade para un cento de hóspedes que estará lista en primavera. Trasvasarán a ela unha parte dos animais que agora están amoreados na nave actual, que conta cun déficit duns 20 cubículos, e logo irán completando o resto das prazas con recría propia que até agora se vían obrigados a vender por falta de espazo. “Estamos moi saturados e por ese problema de espazo todos os anos tiñamos que vender 8 ou 10 novillas, mesmo as temos levado a subastas”, explica Manuel.
Os animais que sairon ao matadoiro no 2016 fixérono cunha media de 55.000 litros e agora aínda contan con varias vacas que superaron os 100.000 litros
Coa ampliación en marcha a explotación será capaz de absorver a súa propia recría, da que se fixo excedentaria precisamente na medida en que foi logrando paulatinamente incrementar a lonxevidade das vacas en produción. Os animais que sairon ao matadoiro no ano 2016 desta granxa fixérono cunha media de 55.000 litros producidos durante a súa vida e neste momento quedan na explotación varias vacas dando leite que xa superaron os 100.000 litros de produción vitalicia. E iso que a falla de espazo tamén fai que as vacas sexan reemprazadas antes. “Aquí non se aguantan as vacas, porque non temos onde telas, se baixan de 30 litros véndense”, conta Yoli.
“É mentira que as vacas duren menos con tres ordeños”
Entre os factores clave para aumentar a duración das vacas ela apunta como fundamental o paso de dous a tres ordeños diarios dado hai xa 8 anos. “Para evitar enfermidades é importantisimo o baleirado da ubre, sobre todo en animais de gran produción, e antes, cando estabamos en dous ordeños, vías cubículos cheos de leite; agora non”, di. “A teoría esa de que as vacas con tres muxiduras diarias duran menos non é certa, o que pasa é que as vacas hai que coidalas”, argumenta.
Muxen nunha sala de 16 puntos con retiradores automáticos, medidores electrónicos e identificación automática ás 5 e media da mañá, ás 12 e media do mediodía e ás 8 e media da tarde. “Variamos pouco, somos bastante categóricos coas horas de todos os traballos”, di Manuel.
A súa irmá Pili tamén opina que a constancia e o feito de contar cuns protocolos ben definidos é a clave para acabar obtendo resultados. “Dentro de cada modalidade, sexa pastoreo ou intensivo, o que hai é que facelo ben e está claro que para iso é necesario traballo e dedicación, porque se estás na casa metido en vez de estar na cuadra non podes ver celos nin vacas enfermas”, argumenta.
“A constancia é a clave en todo, tanto en xenética como no resto. Estar cambiando os métodos de traballo continuamente non é bo”, engade Yoli. Conta, por exemplo, que desde hai 12 anos seguen o programa de acoplamentos de Africor e isto fixo que puidesen evitar a consanguineidade das vacas, que acaba provocando animais máis débiles.
“Antes non sabiamos o que era un domingo”
Pero o verdadeiro cambio que notaron os catro socios desta SAT foi na súa propia calidade de vida. “Temos cada matrimonio 14 días de vacacións e libramos de xeito alterno unha fin de semana si e outra non. Agora temos algo de vida, que antes non sabiamos o que era nin un domingo”, explica Pili.
Os Foros conta na actualidade con 270 cabezas totais, que atenden coa axuda de dúas persoas máis contratadas. As 140 vacas en ordeño están na casa de Manuel e Yolanda, en Álvare, e a recría fana na cuadra de Pilar e Suso, na parroquia veciña de Aldurfe, pertencente xa ao concello de Riotorto, onde as xatas están desde que son destetadas aos dous meses até que volven á nave de produción con 8 meses de preñadas.
Neste momento en Aldurfe teñen 105 xatas, con moitos partos previstos a partir de primavera para ir enchendo a nova nave de produción que están a construír en Álvare. “Primeiro queremos alixeirar de animais a nave actual e despois ir gañando progresivamente outras 50 vacas en ordeño a maiores”, avanza Manuel.
“A superficie agraria escasea e págase ben; a hectárea en aluguer na zona está entre os 300 e os 500 euros anuais”
O medre desta explotación está condicionada pola superficie agraria dispoñible nesta zona. “Non nos viña mal conseguir algo máis de terreo, pero aquí é dificil, porque escasea e págase ben; a hectárea en aluguer está entre os 300 e os 500 euros anuais”, conta.
Así que de momento conformaranse coas preto de 70 hectáreas que teñen na actualidade, das que 50 son en propiedade, e nas que botan herba e millo (48 hectáreas en 2016). Agás a recolleita da forraxe e o seu picado para o ensilado, o resto dos traballos, incluído o laboreo, fanos os membros da SAT.
Tamén a ración, que fan dúas veces ao día, ás 8 da mañá e ás 7 da tarde. A das vacas en produción está composta por 30 quilos de silo de millo, 12 de silo de herba e outros 12 de concentrado. Na ración das vacas secas substitúen o silo de millo por palla.
Á dificultade para aumentar a superficie agraria dispoñible engádese outra razón para non que non pensen en novos medres a curto prazo. “Cando rematemos a apliación que temos en marcha miraremos de estabilizarnos, porque senón o único que fas é xuntar cartos para investir”, di Manuel, que se queixa dos prezos baixos do sector. “Se o prezo do leite fose outro e axudara un pouco animábaste a investir con máis decisión”, opina. Os Foros entrega a Lactalis, xa desde antes de constituír a SAT.
Unha parroquia viva
A parroquia de Álvare ten só uns 160 habitantes pero quince veces máis vacas (unhas 2.500), pertencentes a unhas 20 explotacións en activo, a maioría ben dimensionadas e cun bo funcionamento, o que converte a esta zona do concello da Pastoriza nunha das principais áreas produtoras de leite de toda Galicia. “Eu non sei os litros que sairán desta parroquia cada día, pero calcúlalle aínda que sexa só unha media de 30 litros por vaca e fíxate”, reflexiona Manuel.
As explotacións da parroquia xuntaron 460 rolos de forraxe que enviaron a gandeiros afectados polos lumes
A competencia pola terra en Álvare é grande e o seu prezo semella o dun solar urbanizable en primeira liña de praia, pero os gandeiros desta parroquia lévanse ben e son capaces de levar a cabo iniciativas conxuntas. Como a que puxeron en marcha neste outono logo da vaga de incendios forestais. Entre as distintas explotacións desta parroquia xuntaron 460 rolos de forraxe que enviaron de xeito solidario a gandeiros de Cervantes, na provincia de Lugo, e de Castro Caldelas, na de Ourense, afectados polos lumes. Un xesto ao que persoas coma Manuel restan importancia. “Puxémonos na pel deses gandeiros e quixemos axudarlles, simplemente”, di.
En Álvare non hai terras abandonadas nin plantacións de eucalipto e faise realidade ese obxectivo de lograr un medio rural vivo. Manuel dá outro dato para demostralo: “O concello da Pastoriza está formado por outras 18 parroquias, pero un de cada 5 cativos do colexio son desta parroquia”, explica. “Unha cousa leva á outra, se hai explotacións funcionando e xente nova que queda no sector tamén acaba habendo nenos”, opina. Coma Iker, o fillo de Pili e Suso, ou Xurxo, fillo de Manuel e Yolanda, e ao que con só 10 anos xa lle gustan moito as vacas. Quizais dentro duns anos sexan eles os que estean á fronte desta explotación.