SAT Os Carrís, redimensionando a explotación para encarar xubilacións

Esta gandeiría de Friol constituída no 2004 acometeu nos últimos tres anos varias ampliacións e obras de mellora pensadas para afrontar con garantías a saída de tres dos seus socios ao cumpriren os 65 anos

Toño, Claudio e José na ampliación da nave de produción feita no 2017

Toño, Claudio e José na ampliación da nave de produción feita no 2017

Moitas das gandeirías familiares que se asociaron en Galicia nas últimas décadas buscaban compartir tarefas e mellorar as súas condicións de vida a través do traballo en conxunto. Pero a chegada da idade de xubilación para algúns dos socios trastoca irremediablemente o funcionamento das explotacións e a organización das tarefas diarias en moitas SATs, que teñen que reinventarse para suplir esa man de obra e poder seguir adiante.

SAT Os Carris leva tres anos preparando ese escenario. Ubicada na parroquia de Nodar, no concello de Friol, foi creada no ano 2004 pola unión de tres explotacións da zona. Está formada por Toño Villar e o seu tío Claudio, por José Manuel Seijas e a súa nai Alicia e por José Corredoira e a súa muller Concepción. Traballan os seis e non precisan de man de obra contratada, pero a próxima xubilación de tres dos socios nos vindeiros tres anos obrígaos a ir buscando solucións.

“Eu o de medrar por medrar non o vexo, hai que medrar até poder sacar un soldo digno”, di Toño

“Traballamos dous de cada casa e até agora non tivemos persoal contratado porque dabamos feito o traballo nós, pero as tres xubilacións que se aveciñan van cambiar a situación”, afirma Toño. El ten 40 anos e xunto a José Manuel, de 32, son o relevo nesta SAT. Para Toño a gandeiría foi algo vocacional. “Os meus pais nunca tiveron vacas, pero a min sempre me gustaron e seguín coa explotación do meu tío. Traballei noutros sectores, como por exemplo na construción ou na xardiñeiría, pero prefiro isto. Cada fin de semana traballa unha das casas e temos días libres pola semana”, di.

Dúas ampliacións nos últimos tres anos   

Obras da última ampliación acometida a finais do 2019 para 80 vacas máis en produción

Obras da última ampliación acometida a finais do 2019 para 80 vacas máis

Con 340 cabezas totais e 170 animais en produción, esta explotación de Friol vén de acometer unha ampliación para 80 vacas máis, que se suma á feita no 2017 para un cento de animais. O medre constante nos últimos anos, nos que duplicaron o número de vacas que moxen, permítelles enfrontar con garantías a baixa de parte dos integrantes da sociedade. “Eu o de medrar por medrar non o vexo, hai que medrar até poder sacar un soldo digno”, asegura Toño.

Ese foi sempre o obxectivo dos socios desta SAT. Cando a constituíron no 2004 estiveron aínda un ano funcionando cada un na súa casa mentres non acababan as obras na nova nave, con 160 cubículos iniciais. No 2007 fixeron os silos pero o medre nos primeiros anos foi moi lento. “Os comezos foron difíciles, tivemos moitas baixas de animais e tiñamos pouca recría. Agora temos moita”, contan.

Como non teñen espazo dabondo para a recría cando as xovencas están preñadas bótanas ao pasto

Como non teñen espazo dabondo para a recría cando as xovencas están confirmadas como preñadas bótanas ao pasto

Iso levounos a facer no 2014 unha nave para a recría e tres anos despois outra nave pegada á de produción para muxir outras 100 cabezas cunha nova ampliación acometida a finais do 2019 para outras 80 vacas máis. A produción media desta explotación no 2018 foi de 10.516 litros de promedio por vaca, con 3,94% de graxa e 3,33% de proteína.

Moxen dúas veces ao día e desde abril de 2019 entregan a Naturleite. Antes levaban 11 anos con Larsa. “Naturleite esixe, pero o que pide xa o cumpriamos e sen embargo a empresa anterior non o valoraba, así que son dous céntimos máis por litro con respecto ao que estabamos cobrando facendo o mesmo”, indica Toño.

A diferenza de contar con carro propio

Estaban nunha CUMA pero no 2012 decidiron mercar un carro

Estaban nunha CUMA pero no 2012 decidiron mercar un carro mesturador

Xunto ao incremento no prezo do leite, unha serie de melloras no manexo fixeron que a rendibilidade da explotación se multiplicase nos últimos anos. “Nós melloramos moito desde que mercamos o carro mesturador propio, fai 7 anos. Ese foi, no noso caso, o elemento que fixo que a explotación despegara”, afirma contundente. “Estabamos nunha CUMA pero o servizo non era o adecuado, así que en maio do 2012 decidimos investir nun carro mesturador propio. Eu non estou en contra dunha CUMA, pero sempre e cando o servizo sexa bo”, engade.

“Contar con carro propio foi o elemento que fixo que a explotación comezara a despegar”

Cando mercaron o carro comezaron a facer a ración para as vacas de produción dúas veces ao día, mentres que para as secas e as xovencas seguiron facendo unicamente unha ración diaria. Destetan cando as becerras teñen entre os dous meses e os dous meses e medio de vida e logo téñenas en lotes con cama quente de palla até que están confirmadas como preñadas.

“Nese momento botámolas fóra porque non temos sitio para elas e están no pasto até que se aproximan ao parto”, explican. Teñen sufrido algún que outro ataque do lobo, aínda que só contabilizan unha baixa en todos estes anos por este motivo. Con este sistema aforran custos e logran bos resultados na recría. De feito, dúas das xovencas do 2018 desta explotación situáronse entre as 50 mellores da provincia de Lugo por ICO.

“O primeiro que che recomendan todos os nutrólogos é o millo, pero habería que mirar ben se compensa botalo” 

Vacas na nave de produción de SAT Os Carrís, ás que fan a ración dúas veces ao día

Vacas na nave de produción de SAT Os Carrís, ás que fan a ración dúas veces ao día

SAT Os Carrís dispón de 121 hectáreas de superficie agrícola pero “repartidas en mil fincas”, matiza Toño. Na súa zona non hai concentración parcelaria “e a xente é reacia a facer cambios”, engade. “Colles terreos que quedan libres pero algunha finca que colles non é nin sequera rendible traballala, de menos dunha hectárea temos moitas”, describe.

Dispoñen de 121 hectáreas de superficie agrícola, pero repartidas “en mil fincas”, polo que só botan 32 hectáreas a millo

Nesta explotación botaron na última campaña 32 hectáreas de millo. “Escollemos as parcelas que valen para o millo, aquelas que ademais de dar un bo rendemento son pezas algo xeitosas, e imos rotando para non botar sempre nas mesmas”, indican. Xunto ao minifundio, o xabarín é outro condicionante grave nesta zona.

Nas camas combinan a area nos cubículos coa palla no resto

Nas camas combinan a area nos cubículos coa palla no resto

“O primeiro que che recomendan os nutrólogos para producir leite é o millo, pero habería que mirar ben se compensa botalo”, argumenta Toño. “Nós estamos a 700 metros de altitude e é un sitio frío no que dependes moito do tempo para sacar forraxe. As colleitas de herba nesta zona veñen moi tarde, moitas veces non podes segar até maio, e iso retrasa e condiciona despois a sementeira e a colleita de millo para ensilar”, afirma.

Un sistema “que te arrastra”

Toño asegura que nos quince anos transcorridos desde que constituíron a SAT “cambiou moito o sistema de producir, é certo que as vacas dan moito máis leite, pero tamén duran moito menos”, di. “Entras nun sistema que te leva e te arrastra”, indica.

“As vacas agora dan moito máis, pero tamén duran moito menos”

Agás o picado da herba e do millo até o momento fan eles todo o traballo de campo. “Non estou en contra de externalizar cousas e se non tes xente para traballar está claro que tes que depender diso”, afirma Toño.

Contan cun sistema que enganchan ao tractor para bombear o purín desde o pozo vello até a fosa nova

Contan cun sistema de bombeo que enganchan ao tractor para enviar o purín desde o pozo vello até a fosa nova

No 2017, cando fixeron a primeira das ampliacións da nave de produción, construíron tamén un pozo de purín novo, cuberto e de máis capacidade e un estercoleiro pegado. Por falta de espazo víronse obrigados a facelo na parte alta da parcela e idearon un sistema para bombear até o pozo novo o purín. “Na parte de abaixo non tiñamos sitio e tivemos que facelo na parte de arriba, nunha zona máis alta que o establo. As arrobadeiras seguen barrendo para o pozo vello e cando a fosa antiga está chea bombeamos desde ela o purín para o pozo novo. Cando sacamos o purín para as fincas facemos ao revés, porque nos é máis doado cargar desde a fosa vella”, explica José.

Nese sistema a area dos cubículos que acaba no purín supón un problema engadido. “A area é xenial para as vacas, mamite cero, manexo doado e o custo non sae moi caro, pero o problema vén despois no pozo”, di Toño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información