SAT O Liñar, unha explotación preocupada polo confort das vacas

Miguel López incorporouse á explotación familiar no 2014. Desde entón ampliou cubículos, camas e pasos para que os animais estean máis cómodos. Pretende aumentar o número de cabezas para poder contratar un empregado e ter tamén el máis benestar

Miguel López, na súa explotación de San Martiño de Fontao, en Sarria

Miguel López, na súa explotación de San Martiño de Fontao, en Sarria

SAT O Liñar é unha explotación familiar con relevo xeracional que mira cara ao futuro. Miguel López incorporouse fai 5 anos e investiu desde entón sobre todo no benestar das vacas. Xa dobrou o número de cabezas que antes atendía a súa nai, Belén, e pretende dimensionar a granxa para que sexa viable contar con man de obra externa que lle permita tamén a el ter a calidade de vida da que agora disfrutan as súas vacas.

Miguel, coma moitos outros mozos e mozas fillos de gandeiros, non se formou pensando en seguir coa explotación. El fixo un Ciclo Superior de Mantemento Industrial e traballou como empregado fóra do sector agrario. “Pero a min as vacas gústanme e fastidiábame moito deixar isto, polo que tanto loitaron os meus pais, sen relevo. É certo que invistes moito para gañar pouco, así que ten que gustarche. E eu estiven debaixo de xefes e prefiro traballar para min”, di Miguel.

“Cando chegue ás 100 vacas en produción pararei, non quero perder o control do establo”

Así que se animou no 2014 a seguir coa gandería e desde entón non parou de facer cambios, unhas melloras que quere seguir acometendo de xeito progresivo, para non hipotecar a viabilidade da explotación, e en paralelo ao aumento no número de vacas co que financiar os investimentos.

Pasou xa das 60 cabezas que había cando tomou o relevo a 125. Está muxindo neste momento 67 vacas e quere que sexan 80 en menos dun ano. A súa intención e chegar, cando complete as melloras e ampliacións previstas, a entre 90 e 100 vacas en produción. “Teremos que meter entón unha persoa a traballar, pero non quero medrar máis porque senón perdes o control do establo e eu son da idea de facer eu as cousas e se aumentas moito e metes moita man de obra perdes ese control”, razoa.

Mellora das instalacións

O Liñar aumentou a zona para as vacas en produción con máis cubículos e máis amplios

O Liñar aumentou a zona para as vacas en produción con máis cubículos e máis amplos

De momento a explotación aténdena el e a súa nai. “Meu pai bótanos unha man cando sae de traballar e as fins de semana, ou tamén en campaña, cando eu me dedico máis ao traballo agrario”, explica. Cos cambios que foron facendo na granxa nestes últimos anos tamén foron gañando en comodidade á hora de traballar e agora “co mesmo traballo ca antes temos o dobre de animais e o dobre de produción e tamén máis beneficios”, afirma Miguel.

“Hoxe unha explotación para que sexa algo rendible tes que tela cómoda e ordenada, que haxa confort tanto para as vacas como para o gandeiro. Foi no que me centrei nos últimos tres anos. Dinlle unha volta ao que había buscando sobre todo maior confort tanto para as vacas como para min”, di.

“Hoxe unha explotación para que sexa algo rendible tes que tela cómoda e ordenada, que haxa confort tanto para as vacas como para o gandeiro”

O primeiro que fixo foi reformar os cubículos e aumentar o número de prazas dispoñibles coas que contaba. “Ampliei os cubículos, as camas e os pasos e puxen panel sándwich nesa zona. As vacas están aí todo o tempo, iso quere dicir que están máis cómodas nesa zona, así que quero cambiar o resto do teito e poñer panel sandwich ao resto da nave tamén”, explica.

Máis espazo para a recría

Precisan dunha zona nova para as becerras, que están moi apertadas

As becerras e xovencas están moi apertadas, polo que precisan dunha zona nova para elas

A prioridade para Miguel no momento de incorporarse foi mellorar antes de nada e en primeiro lugar as instalacións das vacas en produción, co que notou xa un incremento inmediato na rendibilidade. Pero agora, en segundo lugar, tocaralle o turno á recría, algo que tamén terá efectos sobre a produción nas primeiras e sucesivas lactacións dos animais. Ten xa solicitado un plan de mellora para facer unha nova nave de 12×18 metros destinada ás becerras e xovencas.

A súa intención é ter toda a recría en cama fría de compost separada en lotes por idades. “Botarei 40 centímetros de compost de inicio e logo movereino cada 3 días en inverno e cada máis tempo no verán porque cando fai bo tempo seca máis e non é necesario movelo tanto”, calcula.

“Ao final gastas en xenética e non lle sacas todo o rendemento, porque ao ter as xatas apelotonadas por moito que as mimes non logras resultados. Estanme parindo aos 26 meses, polo que estou perdendo 3 meses de leite en cada unha por non ter instalacións axeitadas”

“As becerras témolas moi mal de espazo e están bastante apertadas. Paren aos 26 meses, estou perdendo 3 meses en cada unha por non ter instalacións axeitadas”, recoñece. “É moi raro que teñamos unha becerra con neumonía ou con descomposición. Até o destete, que facemos con 2 meses ou 2 meses e medio, van moi ben, porque a miña nai é un fenómeno para as becerras porque ten moita paciencia e trátaas moi ben, pero todo ese traballo vaise ao traste despois por non ter sitio”, indica. “Ao final gastas en xenética e non lle sacas todo o rendemento, porque ao telas apelotonadas por moito que as mimes non logras resultados”, conclúe.

Na SAT O Liñar poñen seme sexado nas xovencas coa intención de medrar no número de cabezas. No traballo que fai en xenética, tanto nas primeirizas como nas vacas con máis dun parto, Miguel o que prioriza son calidades e litros. Está entregando neste momento a Naturleite.

A sala quedou tamén pequena

A sala de muxido quedoulle tamén pequena. “Temos 6 horas diarias de sala entre muxir e lavar”, conta. Ten só 6 puntos polo que o tempo nela alóngase cando ás 7 e media da mañá e ás 7 e cuarto da tarde se poñen a muxir. Miguel decántase por unha nova sala no canto de poñer robots. “Meterei sala outra vez, porque un robot non me chega e para dous non teño gando dabondo”, argumenta.

“Notamos moito aumento de produción ao mellorar a comodidade das vacas e en tres anos pasamos de 27 litros de media a 32”

Pero a súa substitución terá que agardar. “O primeiro é rematar a ampliación para as vacas en produción e facer a nova zona para a recría e despois cambiar a sala, os cambios teñen que ser escalonados e ir por fases, e teño claro que o primeiro é a comodidade das vacas e despois a miña á hora de muxir”, razoa.

Eses cambios que foi facendo xa deron resultados. “Por mellorar o manexo aumentei en tres anos a produción de 27 litros de media a 32 e seguimos subindo”, explica. “Notamos moito aumento de produción ao mellorar o confort das vacas. Ao ampliar os cubículos as vacas están máis cómodas e iso notouse tamén no leite”, di.

“Son un esclavo das forraxes”

Na ración coida as forraxes e reduce o uso de concentrado

Na ración reduce o uso de concentrado

Nese programa de mellora progresiva que Miguel ten previsto, despois de acabar coa ampliación das instalacións e coa substitución da sala de muxido, tocaralle o turno a mercar un carro mesturador propio. Agora mesmo está nunha CUMA.

O ensilado realízao na propia explotación e a ración é única: 21 quilos de silo de millo, 19 de herba e 10 de penso. “Non é tampouco unha ración de alta produción. Eu son un esclavo das forraxes pero limito moito o concentrado porque nós non queremos saír en revistas, queremos ter rendibilidade a final de mes e se non superas o 50% do cheque do leite en pensos, unha media de 32 litros é tan rendible como unha de 40 con máis penso”, di.

“Nós queremos ter rendibilidade a final de mes e unha media de 32 litros con menos penso é tan rendible coma unha de 40 litros con máis concentrado”

Dispoñen de 26 hectáreas de terreo, das que botan a millo 16 e o resto están a herba. Pero a intención de Miguel é aumentar máis superficie para non ter que facer rotación anual de millo e raigrass en tantas fincas. “O millo quere ir cedo e ben traballado e rotando pégaste un tute grande pero non abonas nin fas os traballos igual e o rendemento non é o mesmo. Eu saco de media entre 40 e 42 toneladas por hectárea. Con menos de 30 non compensa botar millo porque sáeche en 1.300 ou 1.400 euros por hectárea, que son moitos cartos”, afirma.

Na zona na que se atopa esta SAT hai varios gandeiros sen relevo, pero San Martiño de Fontao está pegado a Sarria e iso encarece moito os prezos. “Merquei 3 hectáreas pero pagamos a 4 e a 4,50 euros o metro cadrado”, conta Miguel. “Tiven que ir coller terras a 10 quilómetros porque aquí están carísimas”, engade.

Separador de purín e cama de compost

O separador funciona dous días á semana e en seis horas logra 14 metros cúbicos de compost

O separador funciona 2 días á semana, en 6 horas logra 14 metros cúbicos de compost

O primeiro que fixo Miguel ao incorporarse á granxa dos pais foi mercar un separador para o purín. “Non me chegaba a balsa e así reducín a necesidade de ter máis balsa”, explica. Outra razón foi mellorar o confort das vacas nas camas. “Tiña cascarrilla e cal e facía eu a mestura na casa porque mercada era insostible. Tiña 700 euros de custo ao mes pero as vacas mancábanse moito porque botaba cada 10 días e baleirábanse moito os cubículos”, lembra.

Reduciu as células case á metade ao empezar a mover o compost das camas todos os días

Así que non o pensou moito. “Fun ver dous separadores a Navarra no mes de xullo do ano pasado e aos dous días merqueino. Vin convencido porque estaba aburrido das camas baleiras e area non podía poñer porque teño emparrillado e balsa de lona”, explica.

Mercou unha gradilla para mover o compost e en 20 minutos ten todas as camas feitas

Mercou unha gradilla para mover o compost e en 20 minutos ten todas as camas feitas

“Decanteime por este polo prezo, porque aforraba algo en comparación con outros separadores que hai no mercado e tés o mesmo produto”, considera. Aínda así o investimento é grande. “Moita xente pregúntame se me compensa para unha explotación pequena coma esta e eu digo que si, porque só por ver as vacas ben, limpas e cómodas, xa me merece a pena. Tardarei 2 anos máis en pagalo seguramente con respecto a unha explotación máis grande pero penso que é rendible igual o investimento”, xustifica.

O modelo que Miguel instalou distribúeo a empresa de Sarria Corbar Maquinaria e comezou a funcionar na súa explotación hai agora un ano. Xunto ao instalado na SAT Ladeira do Páramo foi dos primeiros en poñerse en Galicia. Así que empezou todo “un pouco á aventura”, di Miguel. “Cando comecei tiña recontos de 240.000 células e botei así meses. Cando empecei a mover todos os días o compost e a telo seco baixei até as 130.000”, conta.

“A 70ºC non matas todas as bacterias, matas as malas, como o E-coli, pero levas as bacterias boas para a cama das vacas”

Defende que a utilización de compost nas camas ten importantes beneficios para a saúde dos animais. “A 70ºC, que é a temperatura á que sobes o compost, non matas todas as bacterias, matas só as malas, como o E-coli, pero levas as bacterias boas para a cama das vacas”, argumenta. Como o custo do material é inferior a sistemas como a area, o carbonato ou a cascarilla, as camas están sempre máis cheas, coa vantaxe de que o sobrante volve ao pozo do purín e non se perde, xa que volve ao circuito e é reciclado e reutilizado.

Cubrir a balsa e fertirregar

Pretenden separar a parte sólida do purín para botar nas terras do millo e fertirregar coa parte líquida

Pretenden separar toda a parte sólida do purín para botar nas terras do millo e fertirregar coa parte líquida

Coa dimensión que ten SAT O Liñar o separador non ten que funcionar todos os días para dispoñer da cantidade de compost precisa para encher os cubículos. “Separo dous días á semana, cada día 6 horas e logro 14 metros cúbicos de compost. Encamo cada 5 días e móvoo todos, que é o ideal”, di. Mercou unha gradilla para mover o compost nos cubículos diariamente para que deste xeito non se apelmace para que as vacas estean máis cómodas e ao airearse seque mellor tamén, sobre todo no inverno. “Coa gradilla aforras traballo, porque con 20 minutos ao día tes as camas amañadas”, explica.

Miguel ten solicitado tamén cubrir a balsa do purín para empregalo para botar nas segundas cortas e nun futuro fertirregar con ela e pasar a separar todo o purín en compost para botar ao millo. “Boto 10 hectáreas de millo que están a 4 quilómetros e cando levas o purín a metade é auga, así que non optimizas o transporte. Se en vez de purín levara compost todo o que vai na viaxe é abono”, argumenta.

Pouca potencia de luz

Miguel instalou placas solares e non notou incremento na factura polo uso do separador

Miguel instalou placas solares e non notou incremento na factura polo uso do separador

Esta explotación ten un problema coa potencia de luz da que dispón, unha situación que se repite en moitas granxas que deciden ampliar. “Teño 8 Kw e ando moi xusto, grazas a que non teño arrobadeiras, senón non me chegaría. E o separador teño que poñelo nas horas nas que non muxo”, conta.

Coma moitos outros gandeiros na súa mesma situación, atópase co problema de que para ampliar a potencia que ten contratada é necesario reforzar antes a liña eléctrica que chega até o seu establo, pero a compañía subministradora obrígao a ter que pagar el o custo que isto supón.

Os problemas de subministro eléctrico e a falla de potencia é unha situación que vén de vello e que tratou de mitigar coa instalación de placas solares. “Puxen só 8 Kw porque era a potencia máxima que tiña contratada. Instalei as placas cando puxen o separador e non notei aumento na factura da luz como consecuencia do seu funcionamento”, asegura.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información