SAT Niveiro: como facer rendible a mellora xenética do gando Frisón

Esta explotación gandeira de Val do Dubra (A Coruña) rendabiliza dende hai 6 anos a súa aposta pola mellora xenética a través da venda de xovencas para vida. En 2015 foi distinguida por Fefriga co título de Mestre Criador e contan coa mellor vaca de Galicia, adquirida na desaparecida Unidade de Transferencia Embrionaria de Bos

SAT Niveiro: como facer rendible a mellora xenética do gando Frisón

A venda de xovencas é unha das fontes de ingresos de SAT San Vicente de Niveiro

A SAT San Vicente de Niveiro é unha das explotacións de vacún de leite de referencia en Galicia en xenética Frisona. Non en van, o pasado mes de novembro foi distinguida por Fefriga co título de Mestre Criador e conta no seu rabaño coa mellor vaca Frisoa de Galicia, Bos Champion Tara ET, adquirida na desaparecida Unidade de Transferencia Embrionaria de Bos, e valorada pola súa xenética superior con máis de 10 puntos.

Pero un aspecto diferenciador desta gandería é que está a conseguir sacarlle rendemento económico á mellora xenética, non só no rendemento da súas vacas, senón tamén na venda de xovencas para outras explotacións.

Un pouco de historia

Para coñecer o punto de partida remontámonos á orixe desta SAT: hai 12 anos 4 explotacións da parroquia de Niveiro, en Val do Dubra (A Coruña) decidiron agruparse nunha sociedade para reducir custos e aumentar a calidade de vida. Hoxe en día son 3 os socios, Javier Fraga Landeira, José Manuel Abelenda Gándara e Jesús Casas Lamas, os que dirixen esta gandería de case 500 cabezas, das que 226 están en muxido.

Xestionan unha base territorial de 96 hectáreas das que 24 son de pradeira permanente con raigrás inglés á que lle dan cinco cortes ao ano (marzo, abril, maio, xuño e un de limpeza cara outubro). Descartaron sementar leguminosas, como os trevos, co raigrás xa que teñen xurro suficiente para aportar nitróxeno ás súas terras. Sementan tamén 72 hectáreas de millo forraxeiro, das que en 55 rotan con raigrás híbrido ao que lle dan dúas cortas antes da sementeira do millo.

Ao igual que noutras explotacións, en SAT Niveiro un dos problemas é a dispersión e o pequeno tamaño das parcelas, xunto coas plantacións forestais en terras agrarias. “As 96 hectáreas están repartidas nunhas 100 parcelas, o que da idea da situación”, explica Javier Fraga.

“Xenética, alimentación e manexo teñen que ir unidas”

A media de produción das vacas é de 40,5 litros diarios, corrixida ao 3,50 de graxa e 3,22 de proteína. Realizan só dous muxidos: un ás 6:15 da mañá e outro ás 18:15 da tarde.

Estas boas medias de produción baséanse, segundo Javier Fraga, “nunha boa xenética, bo manexo e boa alimentación”. “Todo ten que ir unido”, subliña. En canto á alimentación, a ración diaria media por vaca en SAT Niveiro é de 28 quilos de silo de millo e 17 de silo de herba, en canto ao forraxe producido na explotación, e 11 quilos de concentrado que lles subministra Feiraco, da que son socios. Véndenlle o leite a esta cooperativa a 0,301 euros o litro, coa dobre A e máis calidades e IVE.

“Na mellora xenética buscamos bos valores de graxa, proteína, boas patas e ubres”

Pero, sen dúbida, a base para quitarlle o máximo rendemento a unha boa alimentación e un bo manexo é a xenética da cabana gandeira. Neste sentido, Javier Fraga explica que “aínda que nas nosas explotacións familiares xa se facía mellora mediante acoplamentos dos touros, dende que constituímos a SAT, no ano 2004, apostamos de forma máis decidida pola mellora xenética”.

 “Foi un moi bo investimento mercar vacas da UTE de Bos”

Así, por unha parte en SAT Niveiro seleccionaron touros “que foran positivos en índices de graxa, en proteína e con boas patas e boas ubres”. E por outro lado, mercaron vacas de alto valor xenético. Boa parte delas mercáronas no ano 2011 na desaparecida Unidade de Transferencia Embrionaria de Bos. Neste centro adquiriron mediante poxa un total de 9 vacas de alta xenética das que seguen extraendo embrións para mellorar a súa cabana gandeira. “A día de hoxe vemos que foi un moi bo investimento” recoñece Javier Fraga.

SAT Niveiro conta coa mellor vaca de Galicia

Bos Champion Tara ET

Bos Champion Tara ET

Proba disto é que varias desas vacas adquiridas por SAT Niveiro foron recoñecidas por Fefriga no mes de novembro como Vacas Estrela por ser “nais de vacas que combinan á vez unha alta produción, unha conformación superior e unha adecuada lonxevidade”.

Unha delas é Bos Champion Tara ET, distinguida con máis de dez estrelas e que a día de hoxe é a vaca frisoa viva con mellores cualidades de Galicia. “Mercámola o 19 de abril de 2011 nunha poxa na que pagamos por ela 4.000 euros”, asegura Javier Fraga. Dentro do top ten das Vacas Estrela a SAT San Vicente de Niveiro tamén ten a Bos Alen Cuxa ET, con 9 estrelas, ou Pandio San Trone, con 5.

“Todo isto permitiunos ir vendo ano a ano unha mellora progresiva do noso rabaño tanto en produción de leite como nas medias de cualificación”, salienta Javier Fraga. Un efecto non buscado desta mellora foi que as vacas foron aumentando de tamaño o que levará no futuro a ter que facer cubículos máis grandes.

En 2015 venderon máis de 30 xovencas para vida

A mellora do seu gando permitiu que dende hai 6 anos a SAT San Vicente de Niveiro empezara a vender xovencas para vida con destino a outras explotacións de Galicia. Poden permitirse realizar esta recría ao dispor de instalacións suficientes. “Vendemos tanto xovencas sen preñar, como próximas ao parto ou paridas, e ata o de agora sempre tivemos máis demanda que oferta”, salientan dende a SAT.

Veñen sacando ao mercado entre 20 e 30 xovencas ao ano, que en 2015 lle reportaron á SAT uns ingresos de 46.500 euros, que supoñen un interesante complemento para a explotación. “Agora estamos recollendo os froitos do que sementamos”, conclúe Javier Fraga.

Sat Niveiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información