
Antón Chaín, xunto á súa nai, Mari Carmen, e ao seu tío Toño
Logo dunha escisión traumática fai 5 anos da que lograron recuperarse, a actual SAT Murado Portela segue adiante como explotación familiar e con relevo xeracional asegurado. Entre os seus plans de futuro, a robotización das instalacións, o aumento da produción por vaca e o cebo dos becerros.
Constituida inicialmente como SAT Murado Romualdo, un mes antes da pandemia as dúas familias que formaran a sociedade decidiron seguir camiños distintos, dividindo o gando e as terras. Esta circunstancia segue condicionando a día de hoxe o manexo da explotación, debido á escaseza de superficie dispoñible na zona.
Os tres socios actuais, os irmáns Mari Carmen, Toño e Ángles Murado Iglesias (aínda que só Mari Carmen e Toño traballan a explotación), dispoñen de tres traballadores contratados, dous no turno da mañá e un no turno da tarde. Trátase, ademais, dunha granxa con relevo, xa que Antón, o fillo de Mari Carmen, vén de rematar o ciclo superior de gandería en Fonteboa coa intención de incorporarse á explotación.
Renunciei á incorporación este ano porque me veu denegado o Plan de Mellora
“Tiña aprobada xa a incorporación, pero ao virme denegado o Plan de Mellora asociado, decidín renunciar á incorporación. Queriamos poñer 4 robots de muxido, ampliar a fosa de xurro e facer parideiras no espazo que ocupa a sala actualmente, porque agora as vacas paren nos cubículos”, detalla este mozo de 23 anos.
O investimento total previsto era duns 470.000 euros pero ante a denegación do Plan de Mellora este ano e a previsible avalancha de solicitudes na nova convocatoria, debido ás peticións que quedaron fóra, onde terán prioridade os mozos que se incorporaron o ano pasado, optaron por deixar este proxecto de mellora da granxa en stand by mentres Antón segue estudando o dobre grado de Enxeñería Agrónoma e de Montes en Lugo.
Mellora xenética do gando

Lote de vacas secas da explotación
SAT Murado Portela aproveitou os bos prezos que acadaron este ano as vacas de desvelle para facer limpeza no establo, quedándose cos mellores animais e mandando a matadoiro os menos produtivos.
“Puxemos o punto de corte por baixo dos 22 litros e eliminamos vacas pouco produtivas que levaban xa moitas inseminacións, polo que moitas eran vacas gordas que deixaban moitos cartos”, recoñecen.
“Chegamos a ter 225 vacas en muxidura pero no transcurso dun ano reducimos até as 166. Non vale a pena aguantar vacas que dan pouco leite porque algunha chegou a deixar 3.000 euros. Preferimos ter menos vacas pero máis rendibles”, asegura Mari Carmen.
No último ano mandamos case 70 animais aproveitando os bos prezos da carne
Con esta decisión de vender vacas e facer caixa lograron un peto co que pretenden mellorar o nivel xenético da súa cabana gandeira, introducindo animais de alto valor xenético na granxa. “A nosa intención é volver a muxir 210 ou 220 vacas pero de máis produción”, din.
Compra de vacas por leasing

Vacas en produción, divididas en lotes de 60 animais
Para iso, están a valorar a posibilidade de traer un camión con 30 animais de importación procedentes de Alemaña mediante o sistema de leasing. “Con este sistema conséguense vacas dando leite que se pagan a si mesmas”, salienta Mari Carmen.
“Cos prezos que teñen hoxe as vacas, meter 30 animais supón uns 120.000 euros de investimento se as queres mercar de golpe. Deste xeito, pagamos unha cota mes a mes durante case 3 anos, até que a vaca xa é nosa, e non se nota tanto nas contas da explotación porque é un gasto ordinario máis que tes cada mes, como se pagaras unha cota dun préstamo para unha nave ou outra cousa. Se che aguantan os tres partos, que é o tempo que tardas en pagar a vaca, o resto do tempo xa é todo beneficio, pero é un risco que corres porque sempre hai baixas”, admite Antón.
Esta fórmula permite incorporar vacas xa dando leite e pagalas a prazo cos ingresos que elas mesmas xeran
Sería a segunda vez que esta explotación recurriría á fórmula do leasing para mercar vacas. A primeira vez foi no ano 2000. “Cando se desfixo a SAT touxeramos tamén un camión de vacas de Alemaña por leasing. Moitas delas vendémolas agora e deixaron tanto como custaran, polo que o leite que produciron estes anos foi todo rendibilidade”, destacan.
Ademais, aseguran, é unha alternativa que aforra o tempo da recría e evita traballo, instalacións e comida, algo importante nunha granxa coma esta, que conta cunha produción forraxeira limitada.
Aposta polo seme sexado

Antón, cunha das becerras de recría na zona da amamantadora
A nivel xenético, un dos factores que Mari Carmen, Toño e Antón valoran das vacas importadas de Alemaña é a súa maior lonxevidade. “A nivel produtivo non destacan sobre as vacas que pode haber aquí, con medias de 40 ou 41 litros, pero o que si que notamos é que son moito máis duras e enferman moito menos”, din.
“Para min son moi boas vacas; sobre todo en tema de patas, non hai comparación”, salienta Antón, que explica que “boa parte delas aguanta 5 ou 6 partos, algo difícil de lograr coas vacas que criamos aquí, onde se selecciona máis por tipo”, di.
As que veñen de Alemaña son vacas de subasta que traen unha alta valoración xenética
Trátase, explica, de vacas procedentes de subastas realizadas en Alemaña que traen unha alta valoración xenética e que na SAT Murado Portela queren usar de base para a futura recría na propia explotación. “Cando se desfixo a sociedade, non empreñaban ben as vacas e tiñamos pouca recría. Iso levounos a ter que aproveitar todas as xatas sen poder seleccionar moito”, recoñecen.
Agora pretenden ser máis esixentes na escolla das xovencas de reposición e nos touros que usan. “Estamos poñendo moito seme sexado, tanto nas xovencas como nas vacas de primeiro e segundo parto. Nos vindeiros 3 meses imos ter case 60 partos, dos que 42 van ser xatas, porque foron inseminacións con seme sexado”, detalla Antón.
Reorganización dos lotes
SAT Murado Portela fai a recría nas vellas instalacións a carón da casa, onde contan con amamantadora. “Cando pare unha vaca temos aquí a xata dúas semanas e deispois xa a levamos para a amamantadora, que está no establo vello, até que se destetan e van pasando aos distintos lotes para completar o proceso de recría até que volven ao establo novo”, explican.
No establo vello contan con amamantadora para a recría
Na nave nova está o lote de secas e os catro lotes de animais en lactación. “Diferenciabamos dous lotes de alta produción e dous de baixa, pero ao vender vacas e ter pouco silo de millo decidimos unificar a alimentación para todas”, conta Antón.
A nave de produción, con estrutura tipo invernadoiro, está estruturada en lotes de 60 animais, polo que se adaptaría moi ben para a instalacións dos robots de muxido. Foi constuída no ano 2008 e dispón dun sistema de apertura cenital, o que permite reducir a temperatura no interior nos meses do verán. “Temos 5 grados de temperatura menos dentro da nave a respecto a fóra. Este deseño funciona ben termicamente e non necesitamos ventiladores porque aquí corre bastante o aire, pero estamos barallando poñer aspersores”, indican.
Outro dos investimentos pendentes é a reforma do sistema de almacenamento de xurro. “Temos dúas balsas de lona descubertas dun millón e medio de litros cada unha, pero temos area nos cubículos e danos bastantes problemas despois nas balsas, por iso no Plan de Mellora incluíamos a construción dunha fosa de decantación cuberta feita en formigón e cunha rampa xa para baixar a retirar a area”, detalla Toño.
Organización do traballo

Dous dos empregados da granxa, de orixe senegalesa
SAT Murado Portela realiza tres muxiduras diarias, ás 5 da mañá, 1 do mediodía e 7 e media da tarde. Dispoñen dunha sala de 12×2 puntos e lévalles hora e media muxir. As medias de produción actuais da granxa sitúanse en 37 litros diarios, cun 4,05% de graxa, 3,54% de proteína e 205.000 células.
Ter empregados pódeche sacar algo de traballo físico, pero dache moitas dores de cabeza
Para organizar as quendas de traballo, cada semana un dos traballadores do turno de mañá rota para a xornada de tarde. “Os empregados teñen un horario máis definido e nós libramos en función das necesidades do momento”, admiten. A falta de man de obra cualificada é outro dos condicionantes da explotación e obrígaos a supervisar con frecuencia as tarefas realizadas para comprobar que se cumpren os protocolos establecidos.
Mari Carmen encárgase da xestión do persoal e a contabilidade da granxa, mentres que o seu irmán Toño se centra no mantemento das instalacións, a maquinaria e a parte agrícola. Tamén realizan a muxidura da tarde, mentres que as de primera hora da mañá e o mediodía levános a cabo os dous empregados do turno da mañá. O traballo agrario faino case todo unha empresa de servizos contratada, agás sacar o purín e abonar e sulfatar o millo, que o fan eles directamente.
Levaban 18 anos entregando a Leite Río pero na última renovación cambiáronse a Lácteos de Moeche
Levaban 18 anos entregando a Leite Río e estaban contentos coa empresa, coa que tiñan boa relación, pero na última renovación de contratos, desde o pasado 1 de agosto, cambiáronse para Lácteos de Moeche, que se está introducindo na zona co respaldo de Clun ofrecendo un prezo sensiblemente superior ao resto de industrias.
“Aquí a competencia polas terras é moi dura, porque en menos de 3 km somos 10 granxas e todas medrando”

Vista do establo de produción, construído no ano 2008, desde a finca de millo na que probaron unha variedade de ciclo moi curto que permite ensilalo en 3 meses despois de sementalo
A produción leiteira galega está a concentrarse no territorio. Mentres desaparecen granxas por toda a comunidade (358 no último ano), unha vintena de concellos, encabezados por Mazaricos, A Pastoriza e Lalín, concentran máis da metade da produción galega total.
O abandono de terras nalgunhas zonas contrasta coa pelexa por elas noutras. En lugares como A Pastoriza, a falta de superficie agraria dispoñible está a ser en moitos casos o factor limitante para o incremento da produción por parte das explotacións.
Segundo os últimos datos disponibles (ano 2022), neste concello da comarca da Terra Chá hai un total de 382 explotacións de vacún, que posúen un total de 21.300 cabezas de gando e manexan unha superficie total de 11.300 hectáreas. Segundo os datos do Censo Agrario, só 29 explotacións dispoñen de máis de 50 hectáreas.
Nos últimos 20 anos o número de cabezas de gando vacún incrementouse un 10% na Pastoriza, en sintonía co aumento da superficie agraria no municipio
Nos últimos 20 anos a SAU no concello da Pastoriza aumentou en 1.000 hectáreas, pasando de 10.279 no ano 1999 a 11.297 no 2020 (+10%), cando nese mesmo período o número de cabezas pasou de 19.398 a 21.271, o que representa un incremento porcentual semellante ao da superficie agraria disponible, manténdose a ratio de media hectárea de SAU por cabeza de gando.
Case 100 hectáreas para 200 vacas

Vista do frente do silo de millo, no que se basea a alimentación do gando
SAT Murado Portela traballa case 100 hectáreas de terreo, das que este ano labraron 75 a millo. “O ano pasado quedaron case 10 hectáreas sen recoller porque non se puido sacar, porque empezou a chover e non entraba a maquinaria nas terras, así que este ano xa non nos arriscamos a botalo nelas, porque é desesperante estar vendo o millo e non poder sacalo despois de ter feito un investimento importante nel. Foi algo que me desanimou moito”, recoñece Mari Carmen.
Unha parte da produción tíñana asegurada pero “o que paga o seguro non compensa para nada o valor real da colleita”, din, aínda que este ano aseguraron o 100% das hectáreas labradas.
O cambio climático está aí e dentro de pouco imos ter que asegurar tamén a herba
Tendo en conta a merma de colleita do ano pasado e como prevían quedar escasos de millo para este verán, optaron por probar un ciclo moi curto, de 100 días, que sementaron a carón do establo en 12 hectáreas de terreo para poder ensilalo cedo, antes de que veña o groso da colleita nas outras fincas, e suplir deste xeito ese oco dun par de meses que lles quedaría antes de poder abrir a forraxe deste ano. Prevén recollelo nuns 10 días, 3 meses e medio despois da súa sementeira. “Vai moi bo, con 2 e 3 espigas por planta”, destacan.
Sementaron 12 hectáreas cun ciclo de millo moi curto para poder ensilalo antes e suplir a falta de forraxe que tiveron o ano pasado
A produción de millo na zona sitúase entre 45 e 50 toneladas por hectárea. Cando levantan o cultivo, sementan herba en todas as fincas, nunhas raigrás só e noutras unha mestura de raigrás, veza e trevo. Queren probar tamén a alfalfa nas fincas que antes foron monte e que son parcelas costentas con moita pedra que non serven para o millo. “No seu momento xa probaramos tamén a remolacha forraxeira para ensilar, pero non nos decantamos por ela porque non é algo que che aforre millo na ración”, argumenta Antón.
O custo da alimentación do gando suponnos case a metade do cheque do leite
Para a alimentación do gando, valénse do carro mesturador de Irmandiños, que fai a ruta por esta zona todos os días ás 10 da mañá. A ración leva neste momento 21 kg de silo de millo, 10 de silo de herba e 15 kg de penso.
“Para necesitar menos sillo de millo probamos tamén no 2020, durante case un ano, o bagazo de cervexa. Viñan tres camións ao mes que aquí ensilabamos. Utilizabamos bastante cantidade, uns 7,5 kg por vaca e día. As vacas comíano ben e logramos aumentar a produción de leite, pero tivemos que deixar de usalo porque viñeron tres camións en mal estado e os animais inchaban, polo que decidimos parar de traelo”, explica Antón.
Faríanos falta máis terra, pero nesta zona non hai e estanse inflando os prezos
De cara ao futuro, Antón é optimista en canto ao sector a nivel global e a evolución dos prezos do leite.“Debido ao boom da carne, matáronse moitas vacas, porque nas que dan 20 litros gañas máis mandándoas que muxíndoas e, igual ca nós, fixeron o mesmo moitas outras granxas, polo que non hai animais para producir leite, por iso as entregas están caendo actualmente”, xustifica.
Pero, ao mesmo tempo, é consciente das limitacións que ten a súa explotación na zona na que se atopa debido á competencia polas terras. “Aquí estanse inflando os prezos das fincas moitísimo, chegando a prezos próximos aos 500 euros por hectárea, que é unha barbaridade, porque a vaca que vai comer daí non che dá para pagar a renda”, argumenta.

Dispoñen de pouca maquinaria propia, tan só a necesaria para sacar o xurro e abonar e sulfatar o millo
Coa súa experiencia nos intercambios que por medio de Fonteboa fixo en granxas de Normandía e Bretaña en Francia e en Lombardía en Italia, considera que “unha granxa máis pequena que teña terra e bote as vacas a pacer é máis rendible que unha granxa máis grande que alimenta o gando a base de penso e insumos”, di.
Pero é consciente da realidade de explotacións como a súa: “Se eu tivera 160 hectáreas nunha peza arredor da explotación, como teñen noutros países, tamén botaría as vacas a pacer”, asegura.
Pero a realidade na Pastoriza non é esa e iso condiciona o sistema de manexo. “Nos gastamos moito en instalacións para ter as vacas cómodas e en alimentación”, recoñece. Ante a falta de superficie dispoñible preto, SAT Murado Portela está valorando buscar áreas de produción forraxeira noutras zonas, sempre que se trate de fincas grandes que compensen os custos de transporte.
Máis que aumentar no mesmo sitio, eu penso que a tendencia de cara ao futuro será a de mercar ou alugar explotacións que pechen noutras zonas
Outra das alternativas de futuro que non descartan, se os prezos dos xatos cebados segue sendo alto, é o de enviar as xatas a un centro de recría e destinar ese espazo a cebar os machos azul belga que agora venden de 15 días (logo de dúas oportunidades con seme sexado e unha con convencional, poñen carne). “Co prezo que teñen hoxe os xatos, penso que daría para pagar o custo da recría dando moito menos traballo”, argumenta Mari Carmen.
Galego









Control OJD