SAT Loucenzo, unha unión entre veciños para gañar calidade de vida e mellorar a produción

Os socios desta gandería de Lalín (Pontevedra) buscaban ter unhas boas condicións de traballo ó crear a SAT. Con elo conseguiron ademais incrementar a súa produción e progresar na xenética dos seus animais. Coñecemos máis desta granxa

SAT Loucenzo, unha unión entre veciños para gañar calidade de vida e mellorar a produción

Isabel, David e Inés extreman esta tempada a distancia social no seu día a día na granxa pola ameaza sanitaria actual.

Hai 15 anos que os dous matrimonios que integran a Gandería Loucenzo, situada na parroquia lalinense de Cercio (Pontevedra), decidiron formalizar a SAT. “Dende aquela gañamos en calidade de vida, pero tamén melloramos na xenética dos animais e na produción. Xuntarnos foi un gran acerto”, explica David Gómez Blanco, que xunto coa súa muller Inés Carrón Baldonedo, é un dos socios da gandería de leite en intensivo.

Os outros dous membros da sociedade son o matrimonio formado por Ramón Vilar Asorey e Isabel González Molina. “Cada un dos socios temos o 25% da sociedade, o que nos permite ter un soldo e tamén os días de libranza correspondentes, tanto pola semana como as vacacións”, detalla.

A gandería conta cunhas 245 cabezas de gando frisón e nos últimos anos apostou por mellorar a xenética e benestar dos animais

Hoxe contan cun rabaño de 245 cabezas de gando frisón. Traballan apostando polo benestar dos animais para conseguir a maior rendibilidade de cada un deles. “Houbo un tempo que se buscaba producir a maior cantidade de leite posible, pero agora procuramos ter mellores animais, que xeren menos gastos e deixen maior rendibilidade na granxa”, concreta o gandeiro.

Vacas-producion-SAT-Loucenzo-Lalin-

Vista da nave na que se atopan os animais en produción.

A rendibilidade, máis alá do leite

Mellorar nas condicións de traballo que tiñan nas súas granxas e facer unha aposta conxunta foi o seu principal obxectivo á hora de formalizar a sociedade. “Daquela non tiñas dereito nin a enfermar un día, non podías faltar nunca”, recorda David. “Aínda hoxe, ese segue sendo un dos maiores problemas das granxas familiares e pequenas, ó igual que fixemos nós, creo que hai moitas que o poderían facer para mellorar as súas condicións”, valora.

“Fixemos a SAT porque senón non tiñas nin dereito a enfermar un día. Non podías faltar nunca”

Daquela, as súas granxas, situadas a poucos metros na aldea de Loucenzo, que dá nome á gandería, atopábanse con retos e en situacións dispares. A fusión foi tamén positiva para afrontalos. “Nós acababamos de ampliar e reformar a granxa e eles estaban mirando de mellorar o rabaño, fixémolo nun momento de cambio para as dúas ganderías”, comenta David. A unión fixo que melloraran na produción e na xenética dos seus animais.

David-Gomez-SAT-Loucenzo-Panel-inseminacion-

 David encárgase de realizar os acoplamentos e a inseminación na granxa. Os taboleiros informativos sobre os celos dos animais facilitan o traballo e a coordinación entre os gandeiros.

“Fomos apostando por ter bos animais, facendo nós os acoplamentos e contando con sementais canadenses e dos touros de Fontao”, explica o gandeiro. A vida produtiva media das vacas na granxa é de 3 partos. Levan anos apostando por aproveitar tamén aqueles animais cuxas condicións non se axustan para a produción de leite, optando por engordalos antes de vendelos.

“Incrementar a produción de leite é rápido, é o que máis axiña se consigue, pero non é a maneira de facer rendible a gandería”

Durante anos, traballaban procurando incrementar a produción láctea, pero nos últimos tempos decidiron buscar a rendibilidade da gandería centrándose na calidade e benestar dos seus animais. “Ter as vacas en boas condicións e que conten cunha boa xenética é a maneira de conseguir unha maior rendibilidade na granxa. Incrementar a produción de leite é rápido, é o que máis axiña se consigue, pero non é a maneira de facer rendible a gandería”, comenta o gandeiro.

Acadan unha produción anual de 143.000 litros cunhas 130 vacas en muxido.

Acadan unha produción anual de 1.430.000 litros cunhas 130 vacas en muxido.

Na actualidade, moxen unhas 120 vacas, ás que se suman unhas 20 vacas secas e o resto de recría. Teñen unha media de 36 litros por vaca e a última analítica do mes de xullo amosa unhas calidades de 3,81% en graxa e 3,27% en proteína, cun reconto de células somáticas de 166.000 células.

Nas instalacións máis novas teñen as vacas en produción, mentres que nas naves máis antigas, situadas a escasos metros, reparten o resto do gando. “Sempre tivemos moita recría. Para nós, é fundamental contar con animais que poidamos incorporar á produción en canto detectamos que algunha das vacas comeza a ter problemas. Non é rendible aguantar animais se están dando perdas, preferimos investir en xenética para contar con vacas con boa calidades”, concreta o produtor.

Recria-

Parte da recría dispón de patios exteriores ós que acceder.

O reparto das tarefas

Na gandería teñen un reparto de tarefas estable e tamén conseguiron complementarse ben nesta distribución dos labores. A supervisión e control do gando é unha das encomendas de David, mentres que os traballos de campo son responsabilidade de Ramón, agás nas campañas, cando tamén colabora David. “A el gústalle máis traballar coa maquinaria e encargarse de preparar as fincas. Eu prefiro estar na granxa cos animais. Cadramos ben tamén no reparto das tarefas”, indica.

O muxido, que realizan dúas veces ó día, é un traballo que asumen as dúas socias a maior parte das xornadas de forma conxunta. Cada matrimonio libra de venres a domingo cada 15 días. “No fin de semana encargámonos só de atender os animais e muxilos, trátase de facer o imprescindible, posto que só estamos 2”, explica.

 Inés e Isabel acostuman encargarse a diario do muxido do rabaño.

Inés e Isabel acostuman encargarse a diario do muxido do rabaño.

As vacas en produción e as secas téñenas en camas de cascarilla de arroz. “É unha alternativa que sae cara, pero as vacas descansan moi ben nela e a nós é a que mellor resultado nos dá”, recoñece. Probaron outro tipo de cama coma o de bicarbonato, pero desbotárono ó ter os pozos do xurro colocados xusto debaixo da granxa e resultarlles case imposible acceder con maquinaria para retirar o que se vaia acumulando no fondo. Por este mesmo motivo tampouco empregan a area. Tiveron tamén camas con serraduras de madeira, pero detectaron un incremento das infeccións mamarias, polo que decidiron deixar de utilizalas.

Renovan e limpan as camas dúas veces ós día e énchenas unha vez á semana. O gasto na cáscara de arroz, que mercan na cooperativa Cobideza, situada na mesma parroquia, e da que son socios, adoita supoñer uns 800 euros ó mes. A recría téñena en colchonetas de goma e contan cunha zona de patios ós que poden saír as xovencas directamente.

As vacas en produción téñenas en camas de cascarilla de arroz pola comodidade e limpeza dos animais, así como para evitar atascos no pozo do xurro.

As vacas en produción téñenas en camas de cascarilla de arroz pola comodidade e limpeza dos animais, así como para evitar atascos no pozo do xurro.

Para a alimentación do gando teñen contratado á cooperativa o servizo do carro mesturador. A ración das vacas de leite baséase no millo, posto que apórtanlle 38 quilos dese silo, ós que engaden 13 quilos de silo de herba, 11,5 quilos de penso e 1 quilo de palla. “Nós baseamos a alimentación no millo, por iso tamén dedicamos moito esforzo en producir un silo de millo de boa calidade e abundante”, explica David.

No caso das vacas secas, a ración é de 9 quilos de silo de herba, 2,5 quilos de palla e outros 2,5 de concentrado. Esta mestura é tamén a que reciben as xovencas preñadas. O silo de herba para este gando realízano tamén aparte e optan por facer bolos de silo. “O silo para as vacas secas queremos que vaia moito máis seco, por iso preferimos facer bolos a parte”, concreta o gandeiro. A recría máis nova, ata os 6 meses, aliméntana a base de concentrado e palla.

David-Gomez-SAT-Loucenzo-Millo-

O millo, o seu prato forte

A gandería manexa unha superficie de 55 hectáreas de terreo, boa parte delas nas proximidades da granxa, e delas unhas 16 son alugadas. A maioría das parcelas, unhas 32 hectáreas adícanas a millo. Sempre optan por ciclos longos de millo e por facer a sementeira cedo. O primeiro millo bótano a comezos de maio e como tamén escalonan o ensilado, realizan unha segunda quenda a finais dese mesmo mes. “Se cedo tes problemas, nesta zona se o botas tarde sabes que o millo non che vai valer nada”, explica.

Na campaña pasada obtiveron unha produción de 50 toneladas por hectárea

Este ano temeron que a seca reducise moito a produción. “Esta auga veulle moi ben. Houbo momentos nos que mesmo tememos que esta campaña tivésemos que mercar millo”, recoñece. Algunhas das parcelas máis próximas á gandería tamén contan cun sistema de rega. As tarefas máis importantes, como a sementeira ou o ensilado, realízallas a cooperativa. “Non nos é rendible ter unha gran inversión en maquinaria que só usas dúas veces ó ano”, valora o gandeiro.

Esta campaña mesmo rexistraron danos polo xabaril en parcelas próximas á granxa.

Esta campaña mesmo rexistraron danos polo xabaril en parcelas próximas á granxa.

Habitualmente enchen dous silos de 8 metros por 45 de longo de millo e dispoñen doutro, dun tamaño similar para a herba. O ano pasado lograron unha produción de 50 toneladas por hectárea. Teñen tamén outro pequeno silo de millo que empregan para alimentar o gando namentres agardan polo silo novo. “A forraxe é sempre dese mesmo ano, preferimos que non nos quede dunha tempada para outra”, comenta. Por iso, dependendo das previsións de millo tamén van variando a cantidade de herba que ensilan. “Nos últimos anos, a superficie que dedicamos a millo sempre vai a máis, mentres que de herba imos reducindo”, apunta.

Na zona tamén acusan importantes danos do xabaril. Esta tempada están tendo danos mesmo nas parcelas máis próximas ás granxas e a carón da aldea. Porén, os danos máis importantes estanos tendo nunha finca dunhas 10 hectáreas. “Buscan a maneira de entrar e saír aínda que teñas cerrado con fíos do pastor”, lamenta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información