O confort e comodidade das vacas é un factor básico que determina a producción. Concienciados deste feito, os gandeiros galegos poñen cada vez máis o foco na cama na que descansan os animais. Palla, serrín, carbonato, area… distintos sistemas coas súas vantaxes e inconvintes pero, en todo caso, sempre un importante gasto para as explotacións.
En SAT Ladeira empregaban area até hai tres meses. Supoñíalles un desembolso de 1.000 euros ao mes, máis outros 4.000 euros para sacar a area que se ía acumulando na fosa do purín. En total, uns 15.000 euros ao ano. Era un material que lles daba bo resultado desde o punto de vista produtivo e hixiénico-sanitario, pero decidiron mudalo e probar unha alternativa habitual en explotacións de Inglaterra, Francia ou Holanda pero inusual en Galicia.
O sistema consiste basicamente en usar nas camas a propia bosta das vacas logo dun proceso que separa, seca e fermenta a parte sólida do purín para convertelo nun compost orgánico co que cubrir os cubículos.
O proceso arrinca coa separación da parte sólida e líquida do xurro. Colócase un depósito intermedio antes do pozo de purín, de 25.000 litros, que conta cun sinfín que separa a bosta dos ouriños. A parte sólida é bombeada a un silo de fermentación e a parte líquida continúa camiño cara o pozo de purín, con capacidade para 4 millóns de litros. No silo de fermentación a materia orgánica sométese a un proceso de secado mediante unha turbina de aire quente a 70 grados que esteriliza os excrementos matando microbios e bacterias ao sometelas a un proceso semellante á pasteurización.
Tres días despois, convertido xa nun produto inerte, o compost está listo para usarse nos cubículos, onde se reparte coa encamadora, de igual xeito que a area. Ao tratarse dun material orgánico, o resultante de facer as camas ou o que os animais arrastran volve ás canles de limpeza para reiniciar o proceso que permite a súa reutilización continua. O material sobrante pode esparexerse nas terras como abono.
Gastaban 15.000 euros ao ano en area
Con este material evitan o uso das 27 toneladas de area que precisaban á semana e con el os problemas derivados da súa utilización nas explotacións: desgaste nas instalacións e nos cascos dos animais, acumulación no pozo do purín e depósito final nas terras.
Factores medioambientais
Pero as vantaxes van máis aló de aspectos como a durabilidade das instalacións ou o aforro económico. “Vemos que en pouco tempo o tema do xurro vaise poñer moi restrictivo e que os aspectos medioambientais van limitar o medre das explotacións e condicionar a súa rendibilidade, como xa acontece noutros lugares de Europa, por exemplo en Holanda, onde desaparecereron as cotas lácteas, como no resto da UE, pero as granxas teñen cotas de emisións que acaban sendo igualmente límites á produción. Aquí acabará pasando o mesmo, polo menos para as explotacións máis grandes, porque ás pequenas terán que deixalas á marxe destas normativas, senón acabarán de afundilas e faranlles pechar irremediablemente”, argumenta Toño López Mouronte, un dos tres socios de SAT Ladeira.
“Dentro de pouco os factores ambientais van condicionar o medre das explotacións e con esta solución reducimos metano ao purín”
Converter un refugallo en recurso é precisamente a base da chamada economía circular e co sistema aplicado nesta explotación logran reutilizar o principal residuo das explotacións leiteiras e reducir o seu contido contaminante. “Deste xeito, ao eliminar a parte sólida, retírase metano do purín e facilítase a súa inxeccción na terra en caso de que acaben obrigando a inxectalo”, explica.
200.000 euros de investimento
Aínda que o aforro económico nun produto como a area é importante, o sistema adoptado nesta explotación do Páramo require dun investimento elevado e non está tampouco exento de gastos para o seu funcionamento. A tecnoloxía que permite a reutilización da bosta das vacas ronda os 200.000 euros. O máis caro é o silo de fermentación, que supón case a metade do investimento total.
Ademais, o funcionamento de todo o sistema require dun consumo elevado de enerxía, uns 500 euros ao mes, necesario principalmente para o secado da materia orgánica. Para reducir este custo, en SAT Ladeira instalaron paneis solares cunha potencia de 24 Kw cos que aforrar nun terzo a factura eléctrica da explotación. “Gastamos 23.000 euros na instalación, dos que nós puxemos 7.000. O resto, 16.000 euros, recibímolos a través dunha subvención do INEGA”, explica José Manuel Rodríguez, outro dos socios da SAT.
Sepárase a parte sólida do xurro e pasteurízase con aire quente a 70 graos para converter a bosta nun material inerte
Coma esta, o resto das decisións que toman nesta explotación son con miras a longo prazo. “Aínda que é un investimento forte, pensamos que o sistema de compost vai resultarnos moi rendible a longo prazo”, considera. Até o de agora, nos tres meses que levan con el, os resultados son satisfactorios.
Inovación constante
SAT Ladeira constituiuse no ano 2005 da unión de tres gandeiros do concello do Páramo, das parroquias de Vileiriz e San Vicente. Ao ano seguinte xa recibiron un premio na Semana Verde de Silleda pola maneira de constituir a SAT. “Arrendamos as fincas e as naves ás nosas propias explotacións e non investimos nas instalacións, investimos en dous robots e no tanque de leite”, explica Toño. “Logo fomos ampliando as naves, pero seguen sendo instalacións simples, aquí non se gastou nunha ventá de aluminio”, exemplifica.
Pouco a pouco acabaron por concentrar todo o gando nas actuais instalacións, na parroquia de San Vicente. As últimas en chegar foron as xovencas. A nave que acolle á recría fixérona eles mesmos. “Empezamos en febreiro do ano pasado e acabamos en maio”, explican.
Foi aí onde comezaron a probar as camas de compost, aínda que cun sistema diferente, a chamada cama fría de compost, na que se mestura serrín coa bula, que se grada todos os días. Os animais non están en cubículos, senón nun patio aberto. Nesta SAT usan este sistema, que tamén empregan outras explotacións da provincia de Lugo, como Gandería Varela, nas vacas secas e na recría.
Todo automatizado para gañar calidade de vida
SAT Ladeira é a explotación máis grande que hai nesta zona. Conta con 400 cabezas, das que 230 son vacas en muxidura. A produción anual sitúase en 3,2 millóns de litros.
A granxa está toda automatizada, con catro robots de muxido, achegador e amamantadora. “O que máis gañamos foi calidade de vida ao xuntarnos e apostar pola robotización”, asegura Toño, que di que “non é un traballo físico, é máis ben estar pendentes” e asegura que “a explotación aténdena perfectamente dúas persoas soas”.
Teñen un empregado, Mohamed, de nacionalidade marroquí, que leva dous anos na explotación, e os tres socios vanse turnando. “Somos tres socios, pero aquí só traballa un por semana. Traballamos por semanas completas, de martes a martes, e logo libramos 15 días seguidos”.
Os tres socios vanse turnando na explotación: traballan unha semana completa e logo libran 15 días seguidos
Contan con 4 robots de muxido que logran medias de entre 3,1 e 3,2 muxiduras diarias por animal e 40 litros de leite de produción. Para sacarlle o máximo partido posible ao investimento realizado, están tentanto medrar até as 260-270 vacas en produción porque “os robots unha vez que os tés hai que exprimilos”, di Toño. Pretenden chegar ao límite máximo recomendado das 65 vacas por robot dentro dun ano.
Para iso apostaron por poñer seme sexado ás primeirizas e tamén nas de segundo parto ás que lle detectan celo natural. “Tiramos de seme sexado para medrar pero non o usamos nas que sincronizamos os celos”, contan. O 90% do seme que mercaron o ano pasado era A2 A2 e despois de tres intentos inseminan con limusin. Fan control reprodutivo unha vez cada quince días e aproveitan unha vez ao mes para facer tamén o contol da mamite porque xa as teñen presas.
Ademais da podoloxía periódica, dúas veces ao ano, no final do outono e no comezo da primavera, esquílanlles o rabo e quéimanlles os pelos do ubre ás vacas en produción para que estean máis limpas e dean menos fallos os robots.
Non acostuman dar moitos problemas se están as postas a punto ben feitas e o mantemento ao día, din, aínda que “ás veces temos que vir por tonterías”, recoñecen, polo que decidiron poñer cámaras na explotación para facer o seguemento a distancia e valorar deste xeito se é urxente ou non acudir en función da gravidade do problema.
“A báscula é coma un can grande, úsela ou non xa asusta, e debería habela en todas as explotacións porque se amortiza soa e rápido”
Hai catro anos decidiron tamén instalar unha báscula. “A báscula é coma un can grande, cando te achegas pensas se trabará ou non, pero xa mete medo. Pois a báscula igual, úsela ou non, xa asusta”, compara Toño. Por iso di que “é unha das cousas que se amortiza rápido”, e asegura que “debería habela en todas as explotacións que teñen un certo tamaño e que moven grandes cantidades”. “No noso caso, é unha ferramenta imprescindible, todo o que entra e sae da granxa pasa por ela: o penso, o abono, o millo, mesmo o leite”, relata.
Primeira CUMA de Galicia
Para os traballos agrícolas, a explotación non conta con maquinaria propia. Forman parte dunha CUMA, a primeira que se constituiu en Galicia. “Nacimos a partir dun parque de maquinaria, eramos 13 gandeiros e a proposta inicial era xuntarnos todos, logo fixemos a SAT”, explica José Manuel.
A CUMA está composta neste momento por dúas SATs e 5 gandeiros individuais. Failles todo a CUMA, incluída a sementeira, a sega ou botar o purín, pero decidiron mercar un carro mesturador para uso da propia explotación para poder adaptar mellor a ración aos distintos lotes.
“Facemos catro racións diarias: dúas para vacas en produción, unha para secas e outra para a recría. O carro da CUMA custábanos 500 euros ao mes por ración, así que serían 2.000 euros mensuais, por iso decidimos facer o investimento necesario para mercar un carro propio. Énos máis rendible porque a partir de certo volume compensa, para poucas vacas non, é mellor alugar”, di José Manuel.
Sen contar o carro, que é deles, pagan 7.300 euros ao mes polas tarefas que realiza a maquinaria da CUMA na súa explotación. A cuota está fixada en función das horas de traballo realizadas.
“O maior handicap que temos é o minifundio”
SAT Ladeira dispón dunhas 100 hectáreas de superficie, entre as que pertencen aos tres socios (70 hectáreas) e outras alugadas (unhas 30 hectáreas). Pero atópase cun problema gravísimo que mesmo pon en risco a viabilidade da explotación: o minifundio.
“Estamos mirando de diversificar noutros sectores en vez de aumentar neste porque nestas condicións parécenos inviable”, alerta José Manuel. Pon un exemplo: “Para a PAC temos declaradas 64 hectáreas, formadas por 370 parcelas. Temos que traballar unhas 500 parcelas para sumar as 100 hectáreas actuais da explotación”, relata.
Para xuntar 100 hectáreas teñen que traballar unhas 500 parcelas
Este foi un dos motivos que fixo que diminuiran considerablemente a superficie adicada a millo. “Antes adicabamos a millo a metade da superficie que temos, botabamos unhas 50 hectáreas. Pero desde o ano pasado só botamos 20 hectáreas. Adicamos máis a raigrass e o millo para ensilar mercámolo porque aquí son todo leiros, fincas de pouco tamaño e así non compensa botar millo”, di José Manuel.
Gastan un 30% máis en horas de traballo da maquinaria por mor do minifundio
“Se as fincas foran grandes podías mesmo poñer rego e ter millo, pero para un ferrado non podes poñer o rego”, quéixase. “Nesta zona terreo hai, pero aínda que che deixen as fincas de balde non vale a pena traballalas. Na CUMA gastamos un 30% máis polo problema do minifundio que temos nesta zona”, calcula.
Solicitude conxunta de 5 parroquias para pedir a concentración parcelaria
O concello do Páramo supera as 5.000 cabezas de gando concentradas nas parroquias de Friolfe, Grallás, Vileiriz, Gondrame e San Vicente fundamentalmente. É unha zona chá dunhas 3.000 hectáreas de superficie.
“Temos pedida a concentración desde o ano 2001. No ano 2002, cando Diz Guedes era conselleiro de Medio Rural e veu inaugurar o parque de maquinaria díxonos que recolleramos sinaturas. Pasamos o traballo de ir casa por casa, presentámolas e non valeu para nada. Xa van máis de 15 anos, presentamos a solicitude as cinco parroquias xuntas e a única que ten algo feito a día de hoxe é Friolfe”, quéixase José Manuel, que lembra que “nesta parroquia, en San Vicente, non houbo un só veciño que non firmara, así que non sería conflictiva”. “Se simplemente facilitaran e simplificaran as permutas e os cambios entre os veciños xa estaba medio feita a concentración”, asegura.
“Hai 15 anos recollimos sinaturas para a concentración parcelaria e non volvimos saber máis nada”
“As concentracións parcelarias eran facilísimas de facer se houbese vontade política, habería que tocar a fiscalidade dos que se negan”, engade Toño. “Deron cartos para peches, se en vez de dar axudas para iso as deran para permutas, para xuntar terras e para pagar os gastos de notario e che mandaran un técnico para facer o proceso, xa estaba”, di.
Máis información
– Xestión da fracción sólida dos puríns para a cama das vacas.