SAT Grueira Fernández, medrar apostando polas vacas Procross

Nesta explotación de Castro de Rei levan catros anos mellorando, ampliando e modernizando as instalacións para asegurar o relevo xeracional. Probaron os animais cruzados, que trouxeron de Holanda, dos que destacan a súa fortaleza e fertilidade, e desde entón inseminan con rotacións de hosltein, montbeliard e rojo sueco

Ana e Iván nas instalacións da gandería, ubicada na parroquia de Santa Leocadia, en Castro de Rei

Ana e Iván nas instalacións da gandería, ubicada na parroquia de Santa Leocadia, en Castro de Rei

Modernizarse mirando ao futuro. Esa é a máxima que move desde fai catro anos aos irmáns Ana e Iván Fernández en todas as melloras que están a introducir na súa explotación, SAT Grueira Fernández, ubicada no barrio de Barxa, en Santa Leocadia (Castro de Rei). 

Ampliaron a nave, cambiáronlle o teito, fixeron instalacións para a recría e as vacas secas pero, sobre todo, variaron o tipo de gando buscando animais máis duradeiros e rendibles cos que aumentar o número de cabezas. Fai agora tres anos trouxeron 15 xovencas Procross de Holanda e desde entón apostan polo gando híbrido no seu establo. 

As procross manteñen máis tempo o leite, non teñen o baixón que sofren as outras, e dan máis graxa e proteína que as frisonas puras. Ademais, teñen maior fertilidade e enferman menos

“As procross manteñen máis tempo o leite, non teñen o baixón que sofren as outras e con iso compensan unha produción diaria algo inferior pero que chega aos 40 litros nas vacas de segundo parto, con máis calidades en canto a graxa e proteína, con niveis moi por enriba das frisonas puras. Ademais, teñen maior fertilidade, en dous anos podes sacarlles tres partos, algo que é difícil nas outras, e paren moi ben e enferman menos, é parir e esquecerse delas”, destaca Ana.

Na busca de calidades

Mercaron xovencas cruzadas a outras explotacións de Galicia, Huesca e Holanda

Mercaron xovencas cruzadas a outras explotacións de Galicia, Huesca e Holanda

A experiencia con eses primeiros animais e a facilidade de manexo levounos a cruzar tamén as vacas que tiñan na casa, con cruzamentos rotatorios de montbeliard, rojo sueco e holstein. “Ás vacas que vexo que valen a pena póñolles montbeliard e as xovencas se vexo que teñen talla dabonda xa as insemino tamén con montbeliard. Se son máis pequenas cambio a rotación e empezo poñéndolles rojo sueco e logo sigo con montbeliard no segundo parto. Xa temos moitas das nosas primeirizas inseminadas con procross e xa pariu unha das que cruzamos nós na casa de frisón con montbeliard. O resto das vacas, das que non quero criar, insemínoas con cruces cárnicos, como por exemplo angus, para sacarlle un pouco máis rendemento aos becerros”, conta.

SAT Grueira Fernández entrega o leite a Entrepinares desde o ano 2014 e por iso focaliza a súa produción á obtención de sólidos. “Entrepinares págache moi ben as calidades e esa é outra das vantaxes das vacas procross”, asegura Ana.

Entregan a Entrepinares desde o ano 2014 e teñen medias que se sitúan entre o 4,20 e 4,40% de graxa e entre o 3,40 e o 3,60% de proteína

Nesta explotación manteñen unha produción media moi estable, situada nun promedio de 35 litros diarios por vaca case todo o ano e cuns niveis de graxa e proteína que varían entre o 4,40% de graxa e o 3,60% de proteína dos meses de inverno e o 4,20% de graxa e o 3,40% de proteína no verán. E Ana ten claro que “se vas a calidades non podes ir a cantidades”. 

Con todo, algunhas das xovencas procross que mercaron nos últimos meses para aumentar ás vacas en produción lograron tamén moi bos resultados en canto a litros de leite. “Trouxemos fai pouco 6 xovencas de Huesca, dunha granxa de Sangarrén que se chama Explotaciones Ganabar que pariron en xuño e xullo e algunha chegou a dar 42 litros de primeiro parto”, di. 

Mercaron tamén outras dúas xovencas holandesas máis e catro xatas na SAT Cabarqués, en Trabada, apostando en todos os casos por animais híbricos seguindo o método procross de cruzamentos que aplican tamén no seu gando.

Aumentar o número de cabezas

No ano 2017 fixeron unha ampliación para 120 vacas en produción e cambiaron o teito da nave

No ano 2017 ampliaron o establo de 78 a 120 vacas en produción e cambiaron o teito da nave

Ademais de cambiar o tipo de gando co que están a traballar, están a aumentar tamén o número de cabezas para redimensionar a explotación. No ano 2017 ampliaron a capacidade da nave de produción até as 120 vacas en muxido, 50 máis das que tiñan, pero o incremento no número de animais foi progresivo desde entón até ir completando o aforo máximo do establo nos vindeiros anos. “Aínda non está chea de todo a nave, muximos 106 neste momento e estaremos en 110 o mes que vén”, conta Ana. 

Unha cuarta parte dos animais en produción son xa procross neste momento

En total, esta gandería dispón a día de hoxe con 192 cabezas, das que 106 son vacas en produción e 6 son xovencas primeirizas a piques de parir. “Das vacas que estamos muxindo cerca dun 25% delas son xa procross a día de hoxe e temos tamén moita recría procross”, detalla Ana. 

Posta ao día das instalacións

Ana, muller vital e loitadora, pasou por un sinfín de dificultades das que sempre saíu adiante coa mesma determinación coa que agora quere deixar ben encarrilada a explotación para que continúe con ela o seu irmán Iván, que se incorporou no ano 2014.

Ana está próxima á xubilación, ten 62 anos, pero Iván é máis novo, ten 41, e moitos anos por diante para rendibilizar os investimentos que levan feitos nos últimos anos

“Fixemos case todo novo nos últimos 5 anos. No 2017 gastamos 300.000 euros na ampliación do establo, en tres silos (xa tiñamos dous), dúas fosas de purín cubertas e o cambio da metade do tellado da nave de produción. O investimento foi grande, así que os robots van ter que agardar aínda”, bromea Ana. 

Comodidade para vacas secas e xovencas

No verán as secas e as xovencas saen fóra

No verán as secas e as xovencas saen fóra

Reformaron tamén toda unha ala do establo para gañar en comodidade nos lotes de secas e xovencas. Neste espazo fixeron 60 cubículos para a recría de máis idade, unha sala preparto tanto para as vacas como para as xovencas que están máis próximas, onde collen media ducia de animais, e dúas parideiras.

A última obra consistiu en habilitar unha zona para as vacas secas nesta ala do establo, a continuación do espazo da recría. “As secas están en cama quente de compost a partir dun aporte inicial de serrín”, explica. Estrearon esta zona no mes de xuño con bos resultados, xa que é un espazo amplo para a carga de gando que ten, que é a día de hoxe dunha ducia de animais. Até agora no verán as vacas secas saían fóra, igual que as xovencas máis grandes, as que xa están preñadas, tamén saen cando queren. 

Cambiar a sala

sdf

A sala de muxido, a segunda traseira que se puxo na zona, foi instalada no ano 1999

Seguen muxindo nunha sala que xa ten máis de 20 anos e cambiala é unha necesidade. “Foi montada no ano 1999. Fora a segunda sala traseira que se puxo nesta zona despois da de Reigada. Poñémoslle o que rompe pero xa non hai repostos dalgunhas pezas. Ten os días contados. Iván está máis polo robot, pero a min dame moito medo o periodo de adaptación, así que en principio case seguro que volvamos poñer outra sala”, di.  

Teñen os animais en muxidura divididos en dous lotes, separados en función da súa produción e dos días en leite

Como a sala na que moxen é pequena tardan dúas horas pola mañá e outro tanto pola tarde en muxir, unha tarefa que levan a cabo ás sete e media da mañá e ás sete da tarde. “As vacas en produción témolas en dous lotes para que esperen menos tempo á hora de muxirse, porque a sala de espera tamén é pequena. Están separadas por produción e días en leite, é dicir, as recén paridas comezan nun deles e ímolas pasando despois ao outro a medida que van quedando preñadas e se achegan ao secado”, conta. 

Reforma dos cubículos

Cama de carbonato e serrín. Queren reformar os cubículos para baixarlles a altura e facelos máis amplos

A cama é de carbonato e serrín pero queren reformar os cubículos para pasarse á area e facelos máis amplos

Na mente de Ana e Iván está tamén modificar os cubículos para facelos máis confortables para as vacas. Con todo, a prioridade actual é o cambio da sala de muxido, por ser unha necesidade máis urxente, polo que esta outra reforma quedará pendente polo de agora.

“Coa incorporación de Iván fixemos a ampliación da nave, tellado novo, fosa de purín e silos e agora tiñamos que cambiar os cubículos para facelos máis baixos e máis amplos e preparalos para poder usar area”, indica Ana. Na actualidade empregan carbonato e serrín nas camas e fixeron un almacén para o carbonato en forma de silo que ten un tellado de quita e pon para facilitar a descarga co camión que o transporta.

A superficie agrícola non abunda na zona

Dispoñen de carro mesturador propio, co que elaboran dúas veces ao día a ración das vacas en produción

Dispoñen de carro mesturador propio, co que elaboran dúas veces ao día a ración das vacas en produción

SAT Grueira Fernández atópase nunha das principais zonas produtoras de leite de Galicia, nunha parroquia, Santa Leocadia, onde as explotacións abundan e a terra dispoñible escasea. Otero Novo, Varela, Reigada, Condado, Pedrón A Ponte ou SAT do Ferreiro son explotacións importantes situadas preto da de Ana e Iván.  

“Por aquí a terra anda xusta e estase pagando a uns 300 euros/hectárea pero xa estivo a máis. Xa empezan a pechar explotacións e o prezo está a baixar algo. Nun ano ou dous hai media ducia de ganderías de 30 ou 40 vacas que van pechar porque se xubilan os titulares e non teñen relevo”, explica.   

As nosas fincas son todas alugadas, agás onde temos o establo

Iso suporá unha oportunidade para que Grueira Fernández poida gañar superficie e aumentar deste xeito a súa autosuficiencia nas forraxes. Botan todos os anos unhas 34 hectáreas a millo e mercan, dependendo do ano, outras 6 ou 8 porque non lles chega.

“Esta é unha zona moi boa para o millo e nós temos bastantes fincas a carón do río. Por aquí este ano o millo foi bo e non notou a seca, pero como choveu retrasouse o ensilado”, conta Ana. Para elaborar as racións dispoñen dun carro mesturador propio e ás vacas de leite fanlles dúas veces ao día. 

Pouca maquinaria

Pa telescópica, coa que tamén encaman os cubículos

Pa telescópica, coa que tamén encaman os cubículos

“Contratamos todos os traballos, maquinaria case non temos, só dous tractores vellos, o carro, unha pa telescópica e unha cisterna”, conta Ana. Para encher os cubículos dispoñen dunha encamadora que vai enganchada á telescópica que mercaron. “É unha das ferramentas que máis traballo saca, porque é estreita e entra por todos os pasillos”, di Ana.

Na explotación traballan tres persoas: Ana atende ao papeleo e encárgase do ordeño e o control das vacas; o seu irmán Iván é o responsable da alimentación, traballa coa maquinaria e fai as reparacións, tanto no establo como nos distintos apeiros; e Casimi, un empregado marroquí, apóiaos co resto de tarefas. “Leva 17 anos traballando con nós, controla e manexa xa todo na gandería”, explican.

Unha historia de dificultades e superación

A historia desta gandería é unha historia de atrancos e de ter que volver comezar varias veces. Ana comezou tendo vacas na casa dos seus sogros. “Estaban presas e no ano 98 matounos todo a tuberculina”, lembra. Mercaron entón a finca de 14 hectáreas onde se atopan as instalacións na actualidade e fixeron alí un establo novo. “Non queriamos volver meter vacas na corte vella polo que entre unha cousa e outra estivemos un ano sen vacas. En agosto do 99 mercamos 35 vacas de Alemaña e como aínda non tiñamos o establo novo feito pechámolas cun fío do pastor e puxemos unhas trabadizas. O 12 de outubro daquel ano estreamos a sala pero pasaron o inverno fóra mentres faciamos o establo. Foron para dentro o 21 de marzo”, recorda. 

Sobre a base daquel gando mercado en Alemaña foron medrando e catro anos despois, no 2003, xa dobraron. “Fixemos para 78 vacas”, conta. No 2014 ela e o seu ex marido separáronse e el vendeulle a súa parte. Foi entón cando se incorporou o seu irmán Iván, que traballaba nunha empresa de servizos e no 2017 acometeron a ampliación actual, con capacidade para 120 vacas en produción. 

A explotación leva os apelidos de Tania, a filla de Ana e da que se sinte moi orgullosa. “Traballa en China, nunha multinacional americana”, conta a súa nai. Tania acaba de ter un fillo ao que lle puxo Víctor, un nome que se pronuncia igual en español que en ruso, a nacionalidade do seu pai, Álex, enxeñeiro electrónico de inxección nunha empresa alemana do sector do automóbil. Tania veuse a finais de xaneiro, cando comezaban os problemas polo coronavirus en China e tivo a Víctor en Galicia. Regresarán a Shangai o 30 deste mes pero grazas a este ano de pandemia mundial Ana puido disfrutar uns meses do seu neto en Castro de Rei.  

“O leite materno dá máis traballo pero é agradecido”

SAT Grueira Fernandez boxes recria3SAT Grueira Fernández cría as becerras con leite de vaca e por iso non pensa por agora instalar unha amamantadora. “Dar o leite ás becerras foi algo que fixen toda a vida e non me supón ningún problema facelo. Teño outras prioridades antes que a amamantadora”, asegura.

Ana está convencida de que non hai nada como o leite materno para lograr unha correcta inmunización e crecemento. “Cando nacen doulles tres litros de costro e están dous días na parideira coa nai. As becerras procross maman soas, non hai que dárllelo, son moito máis listas”, afirma. 

Damos tres litros de costro e as xatas procross mámano soas, son moito máis listas, e non fai falta dárllelo

Destetan aos dous meses e en todo este tempo as becerras toman leite de vaca. “Non é o mesmo que darlles leite en pó. O leite materno dá máis traballo pero é agradecido, non é sucedáneo, é leite. As nosas xatas maman leite das nais e doulles a demanda, algunha procross chegou a mamar 14 litros ao día”, conta. 

Témolas sempre moi ben estradas nos boxes, o que gastamos na palla aforrámolo en sobres e medicamentos

Ana non lles chora o leite e tampouco a palla das camas. “Mentres non as destetamos témolas en boxes individuais con palla abundante. O que gasto en palla afórroo en sobres e medicamentos”, razoa. 

Nave para a recría

Nave para a recría, onde están até o ano. A partir desa idade xa son inseminadas

Unha vez destetadas as xatas pasan para unha nave propia de recría onde están até que logran a estatura para seren inseminadas. “Tiña un problema coas xovencas, porque engrasaban moito, agora adiantei a idade de inseminación e estou poñendo a primeira dose con 12 meses e están parindo con 21 meses, por iso ás veces non me atrevo a poñerlles montbeliard e póñolles rojo sueco ou pinto para o primeiro parto”, explica Ana. 

Cando chegan ao momento da inseminación pasan para un lateral da nave principal, a un lote que está fronte ás vacas en muxidura, onde prepararon na última ampliación unha zona con 60 cubículos para telas. “As xovencas están fronte ás de produción, na outra ala da corte, así véxoas e contróloas máis para vixiar os celos”, di.

Nas primeirizas invirte a orde dos cruzamentos e ponlles rojo sueco no primeiro parto se teñen pouca talla buscando facilidade de parto

Nas primeirizas invirte a orde dos cruzamentos poñendo rojo sueco buscando facilidade de parto

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información