SAT Esteba, unha gandería que aposta pola autosuficiencia en maquinaria

Con 240 cabezas, esta explotación do concello de Monterroso comparte con outra de Palas todos os apeiros necesarios para completar a totalidade dos traballos agrícolas e de alimentación do gando  

SAT Esteba, unha gandería que aposta pola autosuficiencia en maquinaria

Carlos, Sonia e a súa filla Naiara

Facer o ensilado no momento óptimo e unha maior autonomía. Son as razóns que levaron a SAT Esteba a facerse cun importante parque de maquinaria que lle permite non depender de contratacións externas á hora de completar o proceso de sementado e recollida da forraxe coa que posteriormente alimentar ao seu gando.

Esta é unha das características principais desta gandería familiar situada na parroquia de San Miguel de Penas, no concello lucense de Monterroso, e que conta na actualidade con 240 cabezas, das que 120 son vacas en muxido. “Temos moito investimento feito en maquinaria, é certo, pero dá bo resultado porque collemos as colleitas, tanto a de millo como a de herba, no seu momento óptimo”, defende Carlos Rodríguez, o seu propietario.

A SAT, constituída no ano 2005, está formada ademais de pola súa muller, Sonia Vilar, polos seus pais, Abel Rodríguez e Carmen Carnero, xa xubilados pero que seguen figurando na sociedade. Foron eles os que comezaron con 9 vacas de leite. No ano 2000 incorporouse Carlos e fixeron o primeiro establo para 85 vacas en estabulación libre e sistema de alimentación mediante carro mesturador. No 2005 Carlos casou e sumouse ao proxecto a súa muller Sonia.

 Carlos: “Medramos moito en pouco tempo e con moito esforzo”

A explotación seguiu medrando e foi necesaria a construción dunha nave de produción, outra para xovencas preñadas e outra para vacas secas. O establo vello foi reconvertido para acoller as becerras pequenas até o momento da súa inseminación, en torno aos 15 meses de vida. A última mellora das instalacións tivo lugar no ano 2017 coa construción dunha sala de muxido nova e dunha leitería. “Medramos moito en pouco tempo e con moito esforzo”, resume Carlos.

“Facemos o ensilado de xeito escalonado en función do estado de cada finca e logramos recoller as colleitas no momento óptimo”

Para atender a explotación contan ademais cun empregado, Hugo, natural de Paraguai, que leva ano e medio traballando con eles. Ese reforzo permítelles que a granxa non quede desatendida nas épocas nas que é maior a carga de traballo fóra, por exemplo nas épocas de sementeira, ensilado ou abonado.

Teñen a medias con outra explotación, Zarralleiro SC, de Palas de Rei, a maquinaria necesaria para o laboreo das terras, a sementeira e a recollida e ensilado tanto do millo como da herba. “Tamén nos axudan outras dúas explotacións, coas que facemos o traballo a medias”, explica Carlos.

“Se a explotación che funciona igual sen ti penso que este sistema dá bo resultado porque facemos o ensilado de xeito escalonado en función do estado de cada finca e logramos recoller as colleitas no momento óptimo. Pero está claro que se non tes xente na casa que te supla nas épocas de traballo nas terras tes que desistir deste sistema porque onde están os euros é nos animais que están na granxa, non nas terras”, argumenta.

Pouca superficie agraria dispoñible nesta zona

SAT Esteba conta en total cunhas 50 hectáreas de terreo, entre propias e alugadas. En 33 delas fai rotación de cultivos anual entre millo e herba. “Coas fincas que temos non poderiamos botar máis millo, porque as restantes non son moi boas e no millo se non obtés certos quilos por hectárea non é rendible”, razoa Carlos, que recoñece que “a superficie que temos é pouca”.

A totalidade das fincas atópanse nun radio de 4 quilómetros desde a explotación. “Non somos de ir alugar terras moi lonxe e nesta zona non hai moitas fincas dispoñibles porque aínda quedan explotacións pequenas de leite e hai moitas de carne”, explica.

A falla de superficie dispoñible é unha das razóns que fan que esta explotación non pense en medrar polo momento. Pero hai máis. “Medrar significa depender de man de obra externa e ter que mercar máis insumos”, xustifica. Coa superficie forraxeira que teñen, en anos de colleitas frouxas andan bastante xustos pero nese caso Carlos prefire “meter un quilo máis de penso na ración en vez de ter que andar mercando forraxe”.

Carro propio

Do mesmo xeito que a explotación conta coa maquinaria precisa para pechar o ciclo da produción de forraxe, tamén dispón de carro mesturador propio para a elaboración da ración diaria para a alimentación do gando. “Temos un carro autopropulsado que mercamos hai dous anos co que facemos a ración dúas veces ao día para as vacas en produción para tratar de aumentarlles a inxesta de alimento” conta Carlos. “Non sei se é o máis rendible ter carro propio, pero o que somos é máis autónomos e iso permítenos adaptarnos mellor ás necesidades dos animais”, argumenta.

A ración das vacas en muxido está nesta granxa en 25 quilos de silo de millo, 12 quilos de silo de herba, 2 quilos de palla moída e 12,5 quilos de penso. Carlos ten claro que paga a pena gastar na alimentación do gando e di que “o que haxa que mercar hai que mercalo para as vacas en produción e darlles produtos de calidade”.

José Manuel García Ferrería, un veterinario asturiano que leva xa 30 anos afincado en Monterroso, leva a parte clínica, de reprodución e de nutrición na explotación. “Preocúpase de que todo nos vaia ben. O apoio técnico é unha parte importante nunha explotación”, defende Carlos.

Sala de muxido nova no canto de robots

A última mellora posta en marcha nesta SAT foi unha sala de muxido nova de 2×10 puntos de muxido traseiro. Ten o dobre de capacidade que a anterior, de 2×5 puntos, o que lles permitiu reducir considerablemente os tempos de cada muxido.

“Foi un cambio enorme, tanto para nós como para o gando, porque ao muxir na metade de tempo conseguimos reducir á metade tamén os tempos de espera das vacas. Antes ás mañás botabamos case tres horas muxindo e agora como moito é hora e media pola mañá e hora e cuarto pola tarde. Son máis de dúas horas de tempo que aforramos todos os días. Penso que reducir os tempos de muxido é unha cousa moi importante na explotación e que lle saca moito estrés tamén ao persoal que traballa nela”, defende Carlos.

Cando hai un ano decidiron modernizar esta parte da granxa valoraron a posibilidade de introducir robots de muxido pero finalmente decantáronse por unha sala nova. “Valorámolo, pero decidímonos pola sala e non polos robots, malia que co investimento que fixemos en maquinaria, 130.000 euros, máis o necesario para facer unha nave nova para a sala case poderiamos mercar dous robots, pero pensamos que é mellor muxir nós en vez dunha máquina e temos claro que se nalgún momento temos que deixar de facer algo porque non damos atendido a todo, deixariamos os traballos agrícolas e centrariámonos en atender o muxido”, indica. Nesta SAT moxen dúas veces ao día, ás 7 da mañá e ás 6 e media da tarde.

Máis comodidade durante o secado

Outra das obras recentes nas instalacións foi a construción dunha nave para as vacas secas, con cubículos máis amplos, de 1,25 metros de oco fronte aos de 1,20 metros da nave de produción. Ademais, as vacas secas dispoñen dunha finca de media hectárea. “Teñen aberto e saen e entran cando queren. Para a súa mobilidade é moi importante. Nós conseguimos mellores lactacións desde que adaptamos esta zona para as vacas secas con cubículos da area máis amplos e cómodos e desde que habilitamos esta zona para saíren fóra. Desde que fixemos iso penso que as vacas chegan máis fortes ao momento de parir e de producir”, defende Carlos.

 “Desde que melloramos o benestar das vacas secas, chegan máis fortes ao parto e teñen mellores lactacións”

Tamén dá importancia ao feito de adiantar o secado. “Tentamos secar aos 7 meses de preñadas pero ás veces temos que alongar o período de muxido un par de semanas, até os 7 meses e medio, porque chegan aos 7 meses dando moito leite”, explica.

As camas da zona de produción son de carbonato con serrín, mentres que as das vacas secas son de area por ser algo máis económica. Amañan as camas dúas veces ao día, coincidindo cos muxidos. “Gastamos uns 1.000 euros ao mes nas camas para telas en condicións, pero o que gastas por un lado afórralo por outro, por exemplo en tratamentos. Nós de mamite non temos ningún problema”, indica Carlos.

Carro mesturador que comparten con outra explotación

Superpoboación na zona de recría

A próxima obra que precisa acometer esta explotación é aumentar as instalacións para as becerras. A corte vella, que foi adaptada para elas no momento da construción da nave nova, xa quedou pequena. “Recriamos case todo e nas xovencas poñemos seme sexado en todas, nas vacas non, seleccionamos só as mellores”, explica. No que fora o establo vello as becerras están até os 15 meses de vida, idade na que son inseminadas e pasan a outra nave.

“Agora nas explotacións aliméntanse moi ben e ves xovencas de 14 meses que teñen un desenvolvemento corporal que fai anos non se lograba até os 18 meses”, compara Carlos. Ao lograr adiantar a idade de inseminación conseguiron tamén facer que as primeirizas estean paridas antes dos dous anos de vida. “Mandamos a matadoiro vacas que mesmo farían outro parto sen problema ningún, pero o excedente de recría que temos empúrranos a iso”, conta.

O diñeiro gastado en cota foise todo ao garete”

SAT Esteba entrega o leite a Lactogal (Celta) desde o ano 2005. Naquel momento aínda estaba plenamente vixente o sistema de cotas lácteas. Carlos lembra o importante investimento feito na súa explotación para adquirir dereitos de produción suficientes que lle permitiran medrar en número de cabezas. “Empezamos con 89 toneladas de cota e acabamos con 710, todas mercadas. Todo iso que gastamos foise ao garete”, lamenta, mentres reflexiona sobre se non tería sido vantaxoso para as explotacións galegas o mantemento das cotas lácteas logo da forte reconversión á que se viron sometidas para poder medrar e ser competitivas co sistema anterior.

O problema trala desregulación, di, son os prezos baixos do leite. “Moves moito diñeiro, pero queda pouco no peto”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información