Tres gandeiros de Santa Marta de Fixos, no concello de Lugo, -Marcos, Luis e Ramón- asociáronse no ano 2006 para constituír a SAT Dorna. A situación de partida daquela era a de tres pequenas explotacións gandeiras de carácter familiar, cun total en conxunto de 85 vacas, 800.000 litros de leite de produción anual e 36 hectáreas en propiedade.
Dez anos despois SAT Dorna ten arredor de 300 vacas, das que unhas 190 están en muxido, e xestiona unha base territorial de 85 hectáreas, das que 45 son en propiedade. Teñen unha produción anual de 1,5 millóns de litros, case o dobre que hai dez anos, e a súa previsión é seguir aumentando a produción en función da situación do mercado lácteo.
“O primeiro efecto positivo non tardou en chegar: a industria empezounos a pagar 3 céntimos máis por litro por cantidades”, subliña Marcos Gandoi, un dos socios fundadores
SAT Dorna arrincou no 2006 cunha nave de 2.500 metros cadrados deseñada para 200 vacas en muxido, mentres as xovencas se aloxaron nas cortes vellas. Cada socio fixo unha achega de 60.000 euros para a construción da nave e a compra de maquinaria.
Un dos limitantes nos primeiros anos foi a falta de ordenación do territorio. E é que Santa Marta de Fixos é unha aldea situada no concello de Lugo na que non se fixo a concentración parcelaria, o que dificulta o traballo agrícola e obrigou aos gandeiros a realizar eles mesmos unha reordenación das fincas que faga máis rendible o traballo.
Unha ampliación do establo mirando cara o futuro
Malia os atrancos, o crecemento da gandería nos últimos anos e, sobre todo, as súas boas expectativas de futuro, empuxáronnos a realizar un proxecto de ampliación das naves noutros 2.500 metros cadrados, así como unha nova foxa de xurro. A nova nave albergará, entre outras, 80 prazas para vacas en cama de area. “A curto prazo, tamén queremos ampliar porque queremos ter as xovencas todas xuntas, e aforrar tanto tempo de traballo como custos de recría, uns 1.000 euros ao mes”, asegura Marcos.
Outro motivo que os leva a realizar esta ampliación é a necesidade dun almacén e, sobre todo, deixar as novas instalacións preparadas para a instalación dun robot de muxido. “Á volta de dez anos vanse xubilar 3 persoas na explotación e se o día de mañá vemos rendible mercalo, poderíamos facelo”, asegura Marcos Gandoi. Ademais, a nova nave está deseñada para a instalación de dúas nodrizas (máquinas para dar de mamar ás becerras). “Son unhas instalacións deseñadas para o futuro”, subliña.
En total, a nova nave permitiralle a SAT Dorna aumentar a produción ata os 2 millóns de litros anuais, un 25% máis que na actualidade.
Organización do traballo
Na explotación traballan un total de 6 persoas, entre socios e familiares. Un dos obxectivos que se marcaron dende un principio é profesionalizar o traballo na explotación, especializando a cada un nunhas tarefas, das que é responsable. Así, Ramón leva contabilidade e a reprodución; Marcos ocúpase do carro mezclador e da maquinaria; Luis dos cultivos e de maquinaria e recambios; Pilar é a responsable do muxido e do control reprodutivo; Consuelo leva o manexo da recría e das vacas en preparto e Marisol encárgase tamén do muxido e do control sanitario.
Cada traballador está especializado nunhas tarefas
En canto aos días de libranza, cada persoa traballa un fin de semana e libra dous. Respecto ás vacacións, en SAT Dorna os traballadores dispoñen de 15 días de vacacións en verán e 10 en inverno, sempre que non haxa un traballo forte.
A importancia do asesoramento e de ter dúas opinións
Segundo Marcos Gandoi, outro dos aspectos clave para a boa marcha da explotación “é que as decisións tómanse en base aos asesoramento dos técnicos, a veces mesmo de dous diferentes”. Así, en cultivos están asesorados polos técnicos da Cooperativa Agris, da que son socios ; en reprodución realizan un control ao mes pero a intención é aumentalo a dúas veces para mellorar a detección de celos e adiantar a preñez, e en alimentación traballan cun nutrólogo pero están pensando empezar a traballar con dous para ter unha segunda valoración. Servizo veterinario, xestoría e asesoramento tamén están en mans de especialistas.
“Buscamos un asesoramento profesional e independente, sen mirar o custo”
“Buscamos un asesoramento profesional e independente e por iso non miramos tanto o custo dos servizos como a súa rendibilidade, para nós é un investimento”, subliña Marcos Gandoy.
Redución dos gastos de maquinaria
Outro dos obxectivos de SAT Dorna é reducir ao máximo os gastos de maquinaria. Neste sentido, os traballos agrícolas son contratados a unha empresa de servizos, mentres que o mantemento da maquinaria agrícola intentan facelo na propia explotación. Dispoñen, iso si, dun carro mesturador.
En canto ao xurro, decidiron non mercar cuba e encargar a retirada do xurro a un camión cisterna especializado nestes traballos. “Temos unha balsa de 4 millóns de litros e sáenos máis rendible contratar a un camión que o retira e o espalla polas fincas”, salienta Marcos Gandoi.
Prezo do leite
SAT Dorna véndelle o leite a Central Lechera Asturiana: o 80% a 29 céntimos o litro e o 20% restante a 24 céntimos, aos que lles hai que sumar 3 céntimos por cantidades. Marcos Gandoi recoñece que intentaron facerse socios de Central Lechera Asturiana, algo que ata o de agora non foi posible.
A medida de produción nesta gandería está nos 33 litros, cun custo de alimentación de 4 euros por vaca e día. A ración para as vacas en muxido é de 22 kg de silo de millo, 19 kg de herba e 11,5 kg de penso.
Balance e perspectivas de futuro
En canto ao balance destes dez anos camiñando xuntos, Marcos Gandoy amósase convencido das vantaxes: “aforramos custos, melloramos a eficiencia e a rendibilidade e temos máis calidade de vida e tempo libre”.
Sobre o futuro, este gandeiro tampouco ten dúbidas: “Temos que poñernos as pilas e producir leite de calidade máis barato e adaptarnos ás circunstancias, sabendo que cada dous ou tres anos imos ter baixada de prezos”. “O gandeiro que non saiba adaptarse a esta nova situación vaino ter difícil”, conclúe.