En 1990 José Ángel incorporouse á explotación de seus pais. Tiñan unha ducia de vacas. Constituíron a SAT e un ano despois comezaron unha corte para 40 animais que tardaron en completar. “Fixémola cos nosos recursos e a nosa man de obra e tardamos tanto en rematala que cando chegou a subvención gastámola xa toda en vacas, comprando animais de calidade, vacas con carta”, lembra.
Desde entón o crecemento foi continuo ata hoxe, que muxen 135 vacas dunha cabana total duns 300 animais. Un ritmo de cremiento constante de entre un 5 e un 10% anual que agora pensan afrouxar. “Seguiremos medrando algo, pero de xeito pausado e en menor cantidade que até agora”, explica José Ángel.
A explotación seguiu medrando mesmo nas épocas de pouco prezo do leite. “Para non quedar atrás”, argumenta o seu propietario, que sempre mantivo o criterio de profesionalizar o funcionamento da granxa cunha visión empresarial adiantada moitas veces á mentalidade imperante no sector.
De feito, unha das características das Cavadas é ser pioneira na externalización da recría. Xunto a tres veciños José Ángel constituíu a comezos dos anos 90 Xercas, unha SAT formada por outras tres ganderías de Xermade: Gandería Penas, Casa Gil e Portalousa. “Todos somos da mesma idade, somos veciños, coñeciámonos de toda a vida e incorporámonos tamén todos máis ou menos nesa mesma época. Un día falando un dixo que tiña que facer unha nave para a recría porque, ao ir medrando, xa non lle collían na explotación e outro dixo pois eu tamén. Todos tiñamos esa mesma necesidade así que decidimos alugar unhas terras preto de aquí, en Castiñeiras, e facer unha nave para os catro”, relata José Ángel. Hoxe teñen nela entre 170 e 200 xovencas.
“Eramos catro rapaces que nos deu por facer aquilo e naquel momento fomos absolutamente pioneiros en Galicia e non sei se en todo o Estado español. Lembro que a xente dicía que estabamos tolos, porque daquela víase mal por exemplo ter as novillas fóra, ao aire libre”, di.
“Lembro que a xente dicía que estabamos tolos, porque daquela víase mal ter as novillas fóra, ao aire libre”
Pero non só non estaban tolos senón que o sistema funcionoulles tan ben que o seguen usando aínda a día de hoxe. As Cavadas desteta as xatas de recría aos dous meses durante os que son alimentadas mediante amamantadora. Cando teñen 4 meses de vida son enviadas á nave de recría conxunta de Xercas, de onde volven á explotación con case dous anos de idade e entre 7 e 8 meses de xestación. “Cada xovenca é propiedade da explotación na que naceu, o único que facemos é crialas en conxunto, que é algo que nos facilita o traballo e a xestión”, explica.
Fan un reconto de animais o día 15 de cada mes e pagan unha cuota mensual de 60€ por xata que cubre os gastos de alimentación. “O traballo facémolo nós, cada explotación encárgase unha semana ao mes”, conta. Na cuota mensual non entra o seme porque cada un usa o que quere.
Un entusiasta da mellora xenética
Desde aquelas primeiras vacas con carta que compraron a comezos dos 90, As Cavadas sempre apostou por animais de calidade e está situada, con 2.399 puntos, entre as mellores explotacións da provincia de Lugo por ICO, unha clasificación que mide os valores xenéticos de produción, morfoloxía e caracteres funcionais.
“Eu son un entusiasta da mellora xenética e aquí sempre apostamos pola xenética. No seu momento fomos dos principais clientes da finca de Bos, que tiña en Guísamo a Consellería de Medio Rural e Fefriga, e temos traballado moito con embrións. Agora, por falta de tempo, temos ese campo algo abandonado e o que facemos é poñer algo de seme sexado en xovencas, pero tampouco moito, porque o seme sexado empreña menos e require estar máis pendiente e no meu caso danse dúas circunstancias que non favorecen isto: por un lado temos a recría fóra da explotación, e por outro eu paso agora pouco tempo nela, así que non é doado estar tan pendiente”, explica.
Desde que foi elixido presidente de Clun, José Ángel ten que multiplicarse para poder seguir atendendo a súa granxa. “Suponme máis esforzo, ter que madrugar máis e deitarme máis tarde e non ter a explotación tan atendida como a tiña”, di. Na explotación traballan 2 empregados a tempo completo e outro que fai as libranzas tres días á semana.
Protocolos semanais
Malia ter man de obra contratada, a explotación segue dependendo en boa medida de José Ángel. “A supervisión da granxa sígoa facendo eu e todo depende un pouco de min, así que como agora non podo estar todo o día coas vacas trato da adaptarme ás circunstancias e aplicamos uns protocolos semanais para a maioría dos traballos”, relata. Por exemplo, todos os venres pola mañá fan control reprodutivo e unha vez ao mes vacinación de vacas secas para mamite. “Prefiro previr que curar, eu non quero dar tratamento para a mamite, prefiro vacinar antes as vacas para que non teñan mamite”, xustifica.
Tamén para o día a día usan protocolos fixos e pautas horarias. “Eu ás 6 da mañá todos os días estou na cuadra. É cando fago as inseminacións e os tratamentos. Teño detector de celos na sala e baséome no podómetro para revisar a actividade diaria de cada animal e tomar decisións”, explica. “Xa sei que non é o ideal, porque as vacas son animais vivos pero eu neste momento teño que adaptarme ás circunstancias e non teño máis remedio que facelo así, actuando como se fosen máquinas”, matiza.
O traballo rutineiro diario funciona case de xeito automático porque os obreiros fan todos os días á mesma hora o mesmo traballo. Ás 5 da tarde e ás 6 da mañá fanse as camas (cunha mestura de serrín, palla picada e carbonato, que se repón unha vez á semana, límpase e angázase 2 veces ao día e bótaselle cal unha vez ao día), logo ven o muxido (As Cavadas muxe dúas veces ao día) e a continuación límpanse os comedeiros.
““Non teño maquinaria, subcontrato todos os traballos á cooperativa”
Despois é cando ven o carro mesturador da cooperativa Os Irmandiños, á que José Ángel pertence desde fai 20 anos e preside desde fai 8. “Non teño maquinaria, subcontrato todos os traballos a Irmandiños, o abonado, o sementado o segado e o ensilado”, di.
Manexa unhas 80 hectáreas de superficie, nas que en 2017 deixou de botar millo por culpa dos danos que lle producía o xabarín. “O pasado ano non botei millo porque no 2016 botei unhas 30 hectáreas, tiven que botalo dúas veces e aínda así tiven moitas perdas”, quéixase.
Tamén lles causa danos o lobo, que non fai moito lles comeu tres xatas en Xercas, polo que decidiron traer dous mastíns. “Desde que os temos non volvimos ter máis problemas e iso que onde temos a recría non hai casas preto”, explica. Para evitar riscos, tamén reduciron as horas que as xatas pasan fóra. “Antes pasaban máis tempo fóra, pero agora case sempre as temos dentro da nave de recría para evitar riscos”, conta.
“As explotacións temos que ofrecer algo que lles interese ás industrias para que nos veñan comprar o leite”
José Ángel entrega a Celega e coñece en carne propia o que é ter problemas para que lle recollan o leite e o que é cobrar unha parte das entregas a un prezo diferente e que non cubre nin os custos de produción. “Vai haber un antes e un despois co fin das cuotas lácteas, aínda que de momento levamos pouco tempo para comprobalo. Sempre se lle viu por parte dos gandeiros á cuota a parte negativa, limitante da produción, pero a cuota era tamén un dereito e a ti con ese papeliño a industria víñache buscar o leite. Hoxe non é obrigatorio que che recollan o leite. Agora é como se tiveras un bar, ninguén obriga ao cliente a entrar. Pois aquí igual, as explotacións temos que ofrecer algo que lles interese ás industrias para que nos veñan comprar o leite”, argumenta.
Por iso considera que “indistintamente da empresa na que esteas, hai que ter leite de calidade”, polo que está apostando por mellorar nos componentes do seu leite (graxa e proteína), que se sitúan no 3,86% e no 3,27% respectivamente, segundo a media do ano 2016, cunha produción por vaca de máis de 11.000 litros.
“Se empresas como Goodleit se vai instalar en Teixeiro e Entrepinares decidiu vir para Vilalba fano buscando calidades. Ademais, en Galicia somos excedentarios en leite e mandar leite é caro se o que se manda ten poucos sólidos”, argumenta.
José Ángel defende unha relación transparente e de igual a igual dos produtores coa industria na busca do beneficio para ambas partes. Di que segue habendo gandeiros sen mentalidade empresarial na xestión das súas granxas e di que a asignatura pendente do sector é sobre todo a comercialización. Orgulloso de ser gandeiro, trata de inculcarlles iso mesmo aos seus fillos e móstrase preocupado polo futuro do rural galego. “A vida no rural, tal como estaba concebida até agora, xa é historia”, conclúe.