SAT A Capilla, unha experiencia de unión en vacún de carne

Os veciños do lugar de Vilaverde, na parroquia de Folgueiras, no concello de Navia de Suarna, levan dúas décadas traballando en conxunto as súas fincas. Na actualidade contan cun rabaño de 290 cabezas de gando e crean dous postos de traballo. "Se non nos tiveramos xuntado no seu día, hoxe non habería vacas na aldea", aseguran

José Mon e Alberto López, os dous socios asalariados da SAT, xunto ao gando un día de néboa na montaña de Lugo

José Mon e Alberto López, os dous socios asalariados da SAT, xunto ao gando un día de néboa na montaña de Lugo

A carón da capela dos Remedios de Vilaverde, unha pequena aldea do Concello de Navia de Suarna, pacen as vacas e os xatos. Pertencen a 8 familias do pobo, case todas as que hai, que fai xa 20 anos apostaron por xuntar o gando e as terras.  

A unión de explotacións para traballar en conxunto e a constitución de Sociedades Agrarias de Transformación, ou outro tipo de entidades ou figuras legais asociativas semellantes, son frecuentes en vacún de leite, pero moi pouco habituais aínda no sector da carne en Galicia. Por iso, o exemplo de SAT A Capilla constitúe unha experiencia singular e interesante. 

A fusión de explotacións e a creación de SATs, habituais en vacún de leite, son aínda pouco frecuentes nas ganderías de carne

Cando hai 21 anos os veciños de Vilaverde decidiron xuntarse, tomaron como referencia unha iniciativa similar que foran ver a Asturias, en concreto, La Figuerina, en Allande. Hoxe eles tamén poden servir de exemplo para outros lugares. 

Cando decidiron xuntarse, tomaron como referencia La Figuerina, unha iniciativa similar posta en marcha no municipio de Allande, en Asturias

“Visto con perspectiva, estamos contentos coa experiencia, non hai que pensar que dá moitos cartos, e menos nestes tempos, pero se fora coma antes, coas vacas estabuladas cada un na súa casa, sería imposible ter esta cantidade de gando e menos atendelo entre dúas persoas soas”, conclúe Alberto, que xunto con José son os dous socios asalariados que ten A Capilla para encargarse do coidado dos animais. 

Un revulsivo para o mantemento da actividade agrogandeira

Coma noutros núcleos de poboación da montaña de Lugo, o despoboamento e o abandono da actividade agrogandeira leva anos ameazando a supervivencia da propia aldea, onde só se contan 11 casas e 18 habitantes. Pero a decisión dos veciños de xuntarse, hai xa 21 anos, funcionou como un antídoto válido a imitar noutros moitos lugares de Galicia. 

“Se non fora pola SAT, hoxe non habería vacas en Vilaverde, habería abandono e monte sen coidar. Constituímos a SAT en marzo do ano 2000. Con vacas eramos 6 casas naquel momento, pero todos tiñamos poucas, unha media de 10. A que máis tiña era eu, que tiña 17 ou 18, pero xa tiña decidido deixalas en canto falecera a miña nai”, afirma Inés. 

Con vacas eramos 6 casas naquel momento, pero todos tiñamos poucas e a maioría tiñamos xa decidido deixalas

Ela é unha das 8 socias e socios de A Capilla, que ten agora 5 membros na SAT e 3 máis nunha SL, ao tratarse de veciños que contaban con fincas pero non tiñan xa gando e, por este motivo, non podían entrar na SAT.  “O gando está todo a nome da SAT e as fincas son propiedade dos veciños e téñenas cedidas á SAT. A maiores contamos con monte comunal”, explica Alberto.

290 cabezas de gando e 150 hectáreas de superficie

SAT A CAPILLA (Navia) gandoHoxe teñen en total 290 cabezas, das que unhas 180 son reprodutoras. Tanto as vacas como os xatos están sempre fóra, agás no momento final do cebo dos tenreiros, que realizan nas cortes antigas dos distintos veciños. 

A Capilla dispón dunhas 150 hectáreas de superficie para pastoreo e a maiores tamén recollen forraxe noutras fincas de aldeas próximas. “Facemos silo e herba seca coa herba que nos dan”, conta José. 

A maioría dos pastizais están no monte, onde fixemos unhas 80 hectáreas de pradeira

A maioría dos pastizais están en terreos que antes eran monte. “Fixemos 75 ou 80 hectáreas de pradeira, unha gran parte era monte comunal e o resto fincas privadas de monte que pertencían aos veciños”, lembra Alberto. “Roturar todo custounos cartos, porque o que era monte comunal, que antes só tiña toxos e xestas, fíxonolo a Xunta, pero o terreo privado tivemos que facelo nós”, explica. 

Dous lotes de animais por mor da estrada

A superficie adicada a pastoreo está toda xunta, tan só separada pola estrada que atravesa o pobo, o que condiciona tamén os cercados e os dous lotes nos que teñen dividido o gando, en función da superficie que queda a un lado e a outro da estrada, para evitar deste xeito teren que andar cruzándoa co gando.    

Tanto as nais como as crías están fóra todo o ano, agás no momento final de ceba dos xatos

No lote máis pequeno teñen 56 vacas e no outro, o máis grande, o resto, unhas 125. Contan con parcelas de distintos tamaños, de entre 2 e 20 hectáreas, pechadas en función da fisionomía do terreo e polas que van rotando os animais de cada lote a medida que van esgotando o pasto. “A finca máis pequena ten 2,5 hectáreas e a máis grande, que pasa das 20 hectáreas, é a que usamos para ter o gando no inverno”, explican.  

Silos e pozos de auga

Placas solares e un muíño de vento alimentan as bombas coas que extraen a auga para dar de beber ao gando

Placas solares e un muíño de vento alimentan as bombas coas que extraen a auga para dar de beber ao gando

É nesta parcela, que conta cun piñeiral dunhas 6 hectáreas que fai abrigo natural para o gando os días de chuvia, na que construiron tamén os silos de trincheira que enchen na primavera e tamén onde están os pozos de barrena dos que sacan a auga para dar de beber aos animais. 

“Hoxe temos auga en todas as fincas. Contamos con dous pozos alimentados por placas solares e un muíño de vento que sacan auga para un depósito 120.000 litros de capacidade desde o que repartimos a todas as parcelas”, indican.

As bombas de extracción de auga están alimentadas mediante un muíño de vento e placas solares

“É algo que tamén nos aforra moito traballo, porque o rabaño máis grande pode beber ao día nos días de calor durante o verán uns 10.000 litros de auga. Sabémolo porque antes de ter o depósito feito levabámoslles a auga con cisterna e facíannos falta 3 ao día”, explica Alberto.

Redución de custos

A crianza en extensivo, tanto das nais como das crías, permítelles reducir a necesidade de man de obra e os custos de alimentación e mantemento de instalacións.

“O manexo que facemos é sinxelo, imos cambiando o gando a medida que acaban o pasto e no inverno suplementamos con silo de herba. Este ano o pasto durou máis tempo, pero noutros anos en setembro xa lles temos que dar e polo menos ata o mes de marzo temos que suplementar”, conta José.  

Non temos comedeiros nos prados, senón que sacamos o silo cunha desensiladora e repartímosllelo en tacos na parcela para que coman

O silos están na zona de monte,  xunto ao depósito de auga, na mesma parcela a carón do piñeiral a onde levan as vacas no inverno, o que lles facilita a alimentación por non teren que andar carretando o silo ás distintas fincas. “Non temos comedeiros nos prados, senón que sacamos cunha desensiladora e repartímoslles en tacos na parcela para que coman, por iso nos é máis cómodo o silo que a herba seca para as vacas”, xustifica. 

Silo para as vacas e herba seca para os xatos

Colgaron espellos para escorrentar aos corvos, que lles picaban o plástico e lles comían o penso nos comedeiros dos xatos

Colgaron espellos para escorrentar aos corvos, que lles picaban o plástico e lles comían o penso nos comedeiros

Na primavera, cando hai excedente de pasto, fan un corte para ensilaxe de herba para o inverno. “A metade da superficie ensilámola, a maioría nos silos de trincheira, aínda que facemos tamén algún rolo. De herba seca só facemos uns 100 rolos para darlles aos xatos cando se apartan das vacas os últimos 2 ou 3 meses”, detallan.

Malia atoparse nunha zona de montaña, a superficie é doada de traballar 

O traballo agrario fano entre José e Alberto con maquinaria propia da SAT, que dispón de tres tractores, un autocargador picador, un rastrillo, unha abonadora e unha desensiladora. Malia atoparse nunha zona de montaña, a superficie é perfectamente mecanizable. “Estamos entre 650 e 670 metros de altitude, pero a maioría das fincas son chas e boas de traballar”, matizan.  

Aforro en fertilizantes

SAT A Capilla produce pasto e forraxe en base a prados naturais. “Cando nos constituímos fixemos as pradeiras e desde entón non volvimos renovar nada, tan só fixemos hai 6 ou 7 anos sementeira directa nunhas 18 hectáreas, pero sen levantar a pradeira e a verdade é que nos funcionou moi ben con ese sistema”, asegura Alberto. 

Este ano reducimos a factura de abonado de 30.000 a 12.000 euros. Analizamos as terras e tiñan o triplo de fósforo do recomendable

As prácticas que utilizan, tanto no manexo do gando como das terras, son respectuosas co medio ambiente, aínda que non producen en ecolóxico. “Estamos en convencional e, a maiores do que fertilizan as propias vacas, botamos abono químico en grao unha vez ao ano. Pero este ano fixemos analíticas de solo nalgunhas fincas e vimos que estaban moi altas en fósforo, polo que cambiamos o tipo de fertilizante. Até agora usabamos triple 15 pero desta volta abonamos con NAC-27. Iso permitiunos reducir a factura de xeito importante, xa que pasamos de gastar 30.000 euros anuais a uns 12.000”, concreta. 

Comercializan a través de Agrigga

Parque de maquinaria da SAT, que aproveitou os tractores e os aperos que tiñan os socios

Parque de maquinaria da SAT, que aproveitou os tractores e os aperos que tiñan os socios

SAT A Capilla ceba uns 100 becerros ao ano, marcados como Ternera Gallega Suprema, que comercializan na actualidade a través de Agrigga. “Empezamos coa Carqueixa e despois coa cooperativa de Baralla. Agora mandámolos a través de Agrigga. Véñenos cargar aquí e mándanos a sacrificar ao matadoiro do Ribeiro. Non temos un prezo fixo para todo o ano, senón que cobramos segundo vai o mercado”, explica Alberto. 

Non vendemos nada para vida e só recriamos entre 15 e 20 xatas ao ano para nós, para repoñer baixas

“Este ano os prezos oscilaron entre 4,50 e 4,60 euros kg/canal a maior parte do tempo, cando outros anos se situaban arredor dos 4,80€”, recoñece José, que se queixa das trabas coas que se atopan os produtores á hora de estandarizar un prezo fixo para o seu produto: “sempre hai un motivo para rebaixarnos o prezo, se son animais pequenos porque son pequenos e se son moi grandes porque son moi grandes, sempre te penalizan”, di. 

Agrupamento natural de partos

Un dos obxectivos que persegue a IXP Ternera Gallega é concienciar aos gandeiros da necesidade de facer un reparto homoxéneo da súa produción ao longo de todo o ano, para evitar así os altibaixos no mercado provocados por un exceso de oferta en determinadas épocas do ano. 

Dispoñen dunha manga de manexo para facilitar labores como o saneamento, a desparasitación ou a carga dos becerros para o matadoiro

A Capilla ten agora mesmo tres sementais de raza limusin (antes eran de raza asturiana) para lograr tenreiros cruzados cunha boa actitude cárnica. Están nos lotes xunto ás vacas (dous touros no rabaño grande e outro no máis pequeno). “Ao primeiro o que faciamos era crialos nun rabaño e logo cambialos para o outro para evitar problemas de consanguinidade pero desde hai un ano deixamos de facelo, porque levábano mal ao cambialos dun lote para o outro”, explica Alberto. 

Os sementais están sempre coas vacas, polo que non fan unha programación de partos, que acaban por confluír de xeito natural na primavera. “Non facemos agrupamento de partos pero cando máis nacementos hai é ao principio da primavera, sobre todo no mes de marzo”, recoñecen. 

“As axudas polos ataques do lobo son unha tapadeira para calar á xente”

Os membros de SAT A Capilla ven con preocupación a actual prohibición da caza do lobo decretada polo Goberno. “O lobo a nós fíxonos moito dano hai 2 ou 3 anos. No mes de outubro matáranos máis de 20 xatos e varias vacas”, lembra Alberto.

Desde entón sufriron menos ataques, pero aínda este ano lles desapareceron dous xatos. “Non puidemos acceder ás axudas de compensación de danos porque non apareceron”, explican. “As axudas son unha tapadeira para calar á xente”, engaden. 

Dá máis traballo dar os partes ca vale o que che dan polo xato, iso contando que apareza

“Daquela vez que nos matara as vacas tardaramos dous anos en cobrar as axudas por elas. E por un xato danche 250 euros, non miran que despois podía chegar a valer 1.000 euros”, argumentan. 

Pero máis aló da perda económica directa que supoñen os animais mortos, hai outros danos no rabaño que non son cuantificados polas liñas de axudas oficiais. “Os xatos que morde o lobo, aínda que os trates, non saen adiante e morren todos e ás vacas os ataques do lobo cáusalles moito estrés e nerviosismo, ademais de coller mamite cando lles matan a cría. Esas cousas tiñan que miralas tamén os de benestar animal”, ironiza Alberto. 

Ás vacas cáusalles moito estrés e nerviosismo o ataque do lobo; iso tamén tiñan que miralo os de benestar animal

Para tratar de defender o gando fronte ao lobo e minimizar as consecuencias dos ataques, SAT A Capilla ten mastíns. “Temos dous, pero os mellores mastíns son as propias vacas; mentras están xuntas o lobo non ataca, pero como ten todo o tempo do mundo para esperar, cando as vacas marchan ao pico da serra e queda o xato só é cando o collen”, aseguran. 

Acostumados a lidiar cos ataques, din sen embargo non estar en contra do lobo. “Non estamos en contra de que o haxa, pero hai moitas maneiras de telo, e desde logo o primeiro é que paguen o gando polo que vale e a tempo”, reclaman. 

Por que non podemos levar ao monte os xatos que morren ao nacer? O lobo se está cheo mata menos

Ademais, propoñen algunha medida práctica sinxela. “Penso que podería ser útil, por exemplo, que nos deixaran levar ao monte os xatos que morren ao nacer, non por ningunha enfermidade, para que os comera o lobo, porque o lobo se está cheo mata menos, pero o lobo queren telo e que llelo manteñamos nós co noso gando”, quéixase Alberto. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información