Sat Candesa: Unha gandería con futuro grazas á unión

Sat Candesa é unha gandería de Boqueixón que naceu da unión de dúas granxas que non tiñan viabilidade de forma independente. Hoxe é unha das principais provedoras de leite para Queixerías Bama, un referente do sector. Contamos a súa historia...

Sat Candesa: Unha gandería con futuro grazas á unión

De esquerda á dereita: Nieves, Estefan, Elvira e Manuel

SAT Candesa é hoxe en día unha das principais ganderías do concello de Boqueixón (A Coruña) grazas a que hai cinco anos os seus socios foron quen de ver que unirse era a mellor alternativa para mellorar a súa calidade de vida e asegurar o relevo xeracional.

Neste momento conta con 160 vacas en muxido -e 350 animais en total- nun moderno establo inaugurado en xaneiro de 2015 e cultivan algo máis de 120 hectáreas de base territorial repartidas polos concellos de Boqueixón e de Santiago de Compostela. Na explotación traballan as dúas familias socias, Nieves Fandiño Mareque e o seu fillo Estefan Senande Fandiño, e o matrimonio formado por Elvira Fernández García e Manuel Caneda Raviña. Ademais, contan con dous asalariados, Rubén Brea Ferreiro e Manuel Gómez Segade.

“No noso caso, a miña nai contaba con 25 vacas en muxido, trabadas, e manexábamos unhas 10 hectáreas de terreo. Eu estivera traballando en empresas de servizos agrícolas, e de sempre tivemos moi boa relación cos nosos veciños Manuel e Elvira. No meu caso quería incorporarme pero a explotación non daba para dous salarios, polo que comezamos a falar de crear unha Sat con eles”, explica Estefan.

A súa nai, Nieves Fandiño Mareque, engade que “teño 55 anos e aínda me quedan moitos anos por cotizar e o traballo, tal como era o noso establo, muxindo con cántaras, facíaseme cada vez máis duro para facelo eu soa”.

Manuel Caneda: “Coincidiunos moi ben ás dúas familias: nós queríamos ampliar e eles querían incorporar a Estefan”

No caso dos seus veciños de Gandería Caneda, Manuel e Elvira muxían 70 vacas e contaban cunhas 30 hectáreas de base territorial. Sen embargo, as súas instalacións estaban saturadas e precisaban facer un establo novo. “Tiñamos 70 vacas nun establo deseñado para 40 e, se queríamos continuar, estabamos abocados si ou si a ampliar”, recoñece Manuel. “Coincidiunos moi ben ás dúas familias”, destaca.

Así foi como constituíron a SAT Candesa no ano 2013 e en xaneiro de 2015 trasladaron todo o rabaño para as novas instalacións, nas que investiron preto de 1 millón de euros.

“Nos dous anos previos estivemos recriando moitos animais, porque o noso obxectivo era non gastar en comprar gando. Así, cando viñemos tiñamos en total sobre 100 xovencas e outras 100 vacas en muxido”, explica Manuel

A valoración que fan hoxe da decisión tomada é moi positiva. “Podemos turnarnos e se alguén enferma ou precisa coller un día non hai problema, pero se estivéramos sós sería un hándicap moi grave”, destaca Estefan.

Pola súa parte, Manuel valora que “o máis importante nunha SAT é o capital humano, por moi boas instalacións e gando que tivéramos, se non nos entendéramos ben a gandería non iría adiante”.

Organizan o traballo de forma que Felisa, Elvira e os empregados encárganse do muxido; Estefan e os empregados da maquinaria e dos traballos agrícolas e Manuel da reprodución e da sanidade animal.

Están a facer selección xenética para o xenotipo BB da Kappa Caseína

Outro factor clave que os animou a embarcarse neste proxecto foi o apoio da Cooperativa Pico Sacro. “Cando nos reunimos con eles presentounos un proxecto moi interesante para venderlle leite en exclusiva a Queixerías Bama, e decidimos sumarnos”, destaca Manuel.

A queixería garántelles a recollida e a cambio esíxelles uns estándares de calidade, con controis do leite e de toda a alimentación das vacas. “O proxecto de Bama e de Pico Sacro danos confianza no futuro porque nos permite aumentar a produción tanto como queiramos”, subliña Estefan.

Actualmente, as vacas de SAT Candesa producen unha media de 37 litros ao día cun promedio de 3,9% de graxa e 3,3% de proteína. Queixerías Bama garántelles o prezo do leite todo o ano, unha estabilidade que se traduce nun prezo medio final nesta gandería de entre 34 e 35 céntimos o litro.

Precisamente, con vistas a aumentar o valor do seu leite, nesta gandería están a facer acoplamentos para que as súas vacas produzan leite co xenotipo BB da Kappa Caseina pois ten ata un 6% máis de rendemento queixeiro, e confían en que a industria queixeira o primará no futuro.

En total realizan 3 muxidos para as vacas de alta produción, unhas 80, e dous para as de baixa produción, a outra metade do rabaño. “Ás 6 da mañá empeza o lote de alta e logo facemos o de baixa; a mediodía só muximos o de alta e ás 7 da tarde primeiro muximos o de baixa e logo o de alta para darlles máis tempo e espaciar os muxidos”, explica Elvira.

“O que máis nos prexudica é ter fincas pequenas e dispersas”

A ración das vacas en produción está composta por 30 kg de silo de millo, entre 16 e 20 de silo de herba e 10 kg de penso para as de baixa produción e 14 para as de alta. O concentrado subminístrallelo a cooperativa Pico Sacro, que é tamén a que recolle o leite para Queixerías Bama.

Todas as forraxes son producidas na propia explotación, nunhas 120 hectáreas repartidas en algo máis de 100 fincas dos concellos de Boqueixón e de Santiago de Compostela.

“As vacas con boa forraxe funcionan moi ben pero con mala comida, por moito penso que inclúas na ración, o rendemento non é o mesmo. Por eso queremos seguir mellorando a calidade, e sobre todo a dixestibilidade das forraxes”, recoñece Manuel.

Sementan unhas 60 hectáreas de millo forraxeiro, que rotan con raigráss, e outras 60 de pradeiras permanentes, nas que fan dous cortes para ensilar e un terceiro para herba seca. “Moitas das fincas son alugadas ou cedidas polos propietarios, e a cambio mantémosllas ben coidadas, cos roleiros ben limpos, e cando lles hai que levar un tractor de esterco para plantar as patacas levámosllo”, engade Estefan.

O ano pasado gastaron 30.000 euros en gasóleo debido á dispersión das fincas

En SAT Candesa todos os traballos agrícolas procuran realizalos eles tras unha mala experiencia cunha empresa de servizos agrarios, debido ao incumprimento dos prazos.

Pero ao igual que moitas ganderías de Galicia, a base territorial é a gran limitación de SAT Candesa para medrar e mellorar a súa rendibilidade. “Temos que traballar nun entorno caótico, onde non hai ordenación ningunha do territorio e obríganos aos gandeiros a traballar fincas pequenas e afastadas entre si, cando o normal é que a administración nos botara unha man para que a terra arredor dos establos fora traballada polos gandeiros. Só o ano pasado gastamos 30.000 euros en gasóleo”, quéixase Manuel.

Proxectos de cara o futuro: Mellorar a recría e a xenética do rabaño

En canto aos proxectos para o futuro, en SAT CANDESA están a traballar para mellorar a xenética do rabaño e producir máis con menos animais. Non en van, unha das ganderías fundadoras, Gandería Casa Caneda, foi elixida a segunda mellor explotación de España por ICO no ano 2008 e un dos seus animais, Bos Caneda Naomi Storm ET recibiu no 2014 a Medalla de Ouro de CONAFE despois de acadar 15 estrelas.

Así, neste momento, unha vez cubertas todas as prazas do novo establo, están a seleccionar as mellores vacas e xovencas para inseminar con Holstein, principalmente con touros de Xenética Fontao, e no 60% restante inseminan con Azul Belga, unha raza cárnica cuxos becerros llos pagan a mellor prezo e que permite ás vacas estar máis días en leite.

“A nosa aspiración é ter vacas que produzan 40 litros de media e estar sempre por riba do 3,7% de graxa e do 3,2% de proteína, células por debaixo de 200.000 e bacterioloxía por baixo de 10”, resume Manuel

Outro dos cambios que pensan facer é construír novos silos ao lado do establo, pois os actuais están nas instalacións vellas, onde tamén está a recría.

“Estamos ampliando a zona de vacas secas e a parideira e estamos a construír un sitio específico para as becerras, co obxectivo de mellorar a recría e instalar un milktaxi e non ter que andar con caldeiros”, engade este gandeiro.

Reportaxe de Gandería Caneda en 2014: 

candesa sat caneda 1

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información