A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Sat Caamaño: A experiencia de pasar de 3 muxidos en sala a robot

Coñecemos a experiencia desta gandería de Mazaricos no paso de muxir en sala tres veces ao día a facelo con dous robots Lely

Sat Caamaño: A experiencia de pasar de 3 muxidos en sala a robot

Fernando e Juan José, os dous socios de SAT Caamaño

¿Que vantaxes e inconvenientes ten pasar de muxir en sala 3 veces ao día a facelo en robot? Respondemos a esta pregunta visitando Sat Caamaño, unha granxa con 122 vacas en muxidura situada na parroquia de Alborés, no concello coruñés de Mazaricos, que no 2018 pasou de realizar o muxido en sala a facelo con dous robots Lely Astronaut A 4.

Esta sociedade, formada por Fernando e Juan José, viña realizando o muxido de 100 vacas en produción que tiñan nunha sala traseira de 12 puntos tres veces ao día. “O cambio fixémolo pola dificultade de atopar man de obra, non por outro motivo. Tiñamos dous empregados pero un tivo que coller unha baixa e foinos imposible atopar un substituto, e pasar de 3 a 2 muxidos non o viamos viable económicamente coas marxes coas que traballamos neste sector”, explica Fernando.

Partían cos tres muxidos dunha das produccións máis altas de Galicia: 44 litros diarios de media por vaca cunhas calidades de arredor do 3,5% de graxa e 3,15% de proteína, e un reconto celular que roldaba as 200.000 células. “Hoxe estamos nunha media de 41 litros e unhas calidades medias do 3,90 de graxa e 3,5 de proteína, porque a empresa á que agora lle vendemos o leite, Lácteos Ferrado Verde -a antiga queixería de Lácteos Pérez na Pereira, do grupo TGT-, prima as calidades e compénsanos”, destaca. En total, a produción media anual desta granxa roldará este ano os 1,6 millóns de litros de leite.

Iso si, dende SAT Caamaño recoñecen que “con respecto á sala si que co robot nos subiu algo o reconto de células, pero non é preocupante”.

Malia a mellora importante que tiveron na calidade de vida coa incorporación do robot -os dous socios libran un fin de semana de cada dous e teñen un mes de vacacións, mentres que o empregado co que contan libra pola semana e conta tamén cun mes de vacacións- recoñecen as vantaxes dos tres muxidos en sala.

“Desde que empezamos cos tres muxidos notamos que as vacas nos duraban máis, porque botas máis tempo con elas de forma que se teñen algún problema atállalo antes e iso supuña que na vida produtiva da vaca viñamos gañando un parto. Estábamos nunha media de 3,8 partos por animal e este ano como vendemos moitas vacas vellas baixounos a media a 3,2”, explica Fernando.

En canto á adaptación dos animais da sala ao robot, recoñecen que “as vacas adaptáronse ben”. “Durante unha semana pasábamolas polo robot para comeren o penso despois de muxilas na sala e logo xa pasaron a ser muxidas no robot sen problema. Foi mellor do que esperábamos”, subliñan.

SAT CAAMAÑO LEY PASILLO ESTABLO VACAS PESEBRE

Alimentación do gando e xestión da base territorial

En canto á alimentación das vacas en produción, en SAT Caamaño a ración por animal está composta por 6,5 kilos de penso, 8 de herba e 35 kg de millo, aos que hai que sumar os 6,5 kilos de penso que se lle dá no robot.

“De momento no pensamos modificar a ración pola suba do penso. A previsión é que en xaneiro é cando máis se empece a notar a suba do prezo do penso pero penso que non é unha solución baixarlle o penso ás vacas”, asegura Fernando.

Polo que respecta á ración das secas, que teñen nunha arboreda anexa ao establo, está composta por 15 kilos de silo de herba en rolos, 7 de silo de millo e 1,5 kilos de penso.

En SAT Caamaño manexan unhas 70 hectáreas de terreo para alimentar a súa cabana gandeira, repartidas tanto en Mazaricos como en Negreira. A millo sementan unhas 45 hectáreas, con ciclos 400 cos que nos últimos anos están logrando boas colleitas de arredor de 45 toneladas de materia húmida por hectárea. A pradeiras temporais teñen unhas 50 hectáreas con raigrás italiano e unhas 16 hectáreas para pradeiras permanentes.

Aposta polo asociacionismo

Fernando e Juan José son un claro exemplo de aposta polo asociacionismo no agro. Os dous socios constituíron SAT Caamaño no 2002 para mellorar calidade de vida e teren unha granxa máis competitiva. “Somos de dous concellos limítrofes, as nosas parroquias están a uns 7 kilómetros de distancia, e partíamos cada un de pequenas explotacións familiares coas vacas en amarre, cun total entre as dúas granxas dunhas 60 cabezas en muxido e unhas 30 hectáreas de base territorial. Eu empecei a facerlle horas a Juan José, e co tempo fomos vendo que xuntar as granxas era unha solución para gañar en calidade de vida. Así, no 2002 constituímos a SAT e trouxemos as vacas para o establo novo, empezando con 100 vacas en muxido”, explica Fernando. Posteriormente, no 2018, coa posta en funcionamento dos dous robots de muxido, ampliaron en 20 cubículos no lugar que ocupaba a sala de muxido.

Ademáis, SAT Caamaño é socia de Ganxabar e de Forxabar, os centros de recría e de forraxes en común, respectivamente, postos en marcha por varias ganderías das comarcas do Xallas e da Barcala. Iso permítelles gañar espazo e tempo no establo, ao externalizar a recría e os silos de forraxes. Tamén son socios de Piensos Albores SCG, unha fábrica de alimentos compostos para o gando que agrupa a uns 100 socios da comarca, e que lles suministra o penso para o carro, mentres que para os robots fornécello De Heus.

SAT CAAMAÑO LEY 2

Plans de futuro: Ampliar a nave e a fosa para instalar un terceiro robot de muxido

Dentro dos plans de futuro de Sat Caamaño están ampliar para un terceiro robot de muxido no 2022, condicionado á que reciban a axuda dun plan de mellora da Consellería do Medio Rural. “Ampliaríamos o establo para 60 cubículos máis, e tamén ampliaríamos a fosa de xurro, xa que a actual, con capacidade para 1 millón de litros, quedóusenos pequena”, avanza Fernando.

Para alimentar ese incremento da cabana gandeira xa teñen tratado o aluguer de máis base territorial. “E é que o futuro das granxas de vacún de leite, a parte de lograr que suba o prezo, pasa claramente por ser o máis autosuficientes posibles en alimentación para o gando e por sacarlle máis e mellores producións ás terras”, conclúen os dous socios desta granxa.

Yolanda Trillo: “As calidades do leite nesta granxa son excepcionais”

Yolanda Trillo Dono, Farm Management Support (FMS) de Lely, destaca de SAT Caamaño a “mentalidade empresarial do seus socios, que continúan o crecemento da gandería con perspectivas próximas a ampliar cun terceiro robot”, así como a calidade do seu leite.

“As calidades do leite son excepcionais: 137.000 cc/ml no reconto medio anual, a graxa e proteína con valores axeitados aos beneficios que obteñen e unha producción media de 4.800kg diarios”, subliña

Evolución da graxa e da proteína en SAT Caamaño ao longo do 2021:

SAT CAAMAÑO LELY LEITE

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *