Ubicada no lugar de Maciñeiras, na parroquia da Rigueira, na Pastoriza, a gandería SAT Agosto Darriba vén de situarse como a mellor granxa de España en xenética de raza frisoa por Índice Combinado (ICO), que ten en conta aspectos de produción (leite, graxa e proteína), rasgos morfolóxicos (condición corporal, profundidade de ubre) e caracteres funcionais e de saúde como lonxevidade ou reconto de células somáticas, obtendo un total de 1.187 puntos na media global do rabaño.
Ese valor representa o progreso xenético da cabana gandeira desta explotación nos últimos anos, nos que apostou pola xenómica como ferramenta principal. O primeiro posto acadado no ránking nacional de CONAFE, no que foi escalando posicións nos últimos anos, recoñece o traballo de mellora continua realizado neste tempo e tamén o acerto nas decisións de selección levadas a cabo nesta granxa familiar.
Un punto de ICO representa aproximadamente 1 euro de rendibilidade por vaca e ano
Daniel Darriba Portela está á fronte da explotación logo da xubilación dos seus pais, Antonio e Gloria. Contan neste momento cunhas 60 vacas en produción, cunha media de 35 litros por vaca e día cunha porcentaxe de graxa do 4,15% e do 3,60% de proteína e entregan o leite a Queserías Sarrianas.
– Como é a vosa granxa?
– É unha granxa familiar pequena. Estamos muxindo nese momento 57 vacas, das que a metade son xovencas de primeiro parto, por iso a media de produción que temos neste momento é baixa. Como facemos probas xenómicas a todas as becerras e tiñamos xovencas que vimos que melloraban os animais que tiñamos no establo fixémoslles sitio dando saída a vacas adultas.

Robot de muxido instalado fai 5 anos, “o mellor investimento realizado na granxa”, asegura Daniel
– Cal é a historia desta explotación?
– Os inicios da produción de leite son aló polos anos 60 cando o meu avó, Germán de Agosto, cambiou as 3 ou 4 vacas teixas que tiñan por vacas de leite empezando a muxir á man e vendendo o leite en cántaras. Despois, cando a miña nai se casou e veu o meu pai fóronse modernizando o que puideron e montaron circuito no establo vello, que estaba pegado á casa.
No ano 1999 fíxose a nave actual e constituiuse a SAT e despois incorporeime eu. Fai 5 anos puxemos un robot de muxido, que foi a mellor compra que se fixo na explotación, porque nos permitiu mellorar a calidade de vida e sacar algo de carga de traballo.
– Que supón para vós un recoñecemento coma este? Porque xa tivestes a vaca número un por ICO de España, pero isto supoño que é diferente, porque valora a homoxeneidade do rabaño
– É un recoñecemento ao traballo duro do día a día, pero realmente foi algo inesperado para nós, aínda que levamos tempo apostando de maneira intensa polo progreso xenético da nosa cabana gandeira. Pero é certo que é máis doado ter un animal puntual bo que lograr isto, que puntúa a media de todo o rabaño. Isto é máis difícil de conseguir e é máis importante, porque de pouco che serve ter unha vaca que destaca se as outras son máis mediocres.
– Desde cando levades apostando pola xenética?
– Vén de moitos anos de atrás, non só desde que me incorporei eu, que como me gusta a xenética, insistín un pouco niso nestes últimos anos, pero cando estaba o meu pai á fronte da granxa xa se poñían sempre os mellores touros.
– Que ferramentas utilizades: xenotipades, usades embrións?
– Temos todo xenotipado. Ao principio xenotipabamos algunha puntual que nos parecía que podía ser interesante, pero agora facemos probas xenómicas a todos os animais que nacen para criar das mellores, segundo os criterios que a min me parecen máis importantes.
Facemos transplante de embrións que extraemos das nosas mellores vacas, que é unha maneira de mellorar máis rápido, porque deste xeito dunha vaca boa podes ter 4 ou 5 fillas nun ano, en vez dunha.
Desde fai 7 anos para aquí foi cando empezamos a apostar de maneira máis decidida pola xenómica e os embrións
Tamén compramos algunha xovenca fóra, en subastas en Francia, Alemaña ou Holanda. Normalmente unha ou dúas ao ano, se nos gusta e nos encaixa no prezo, porque non temos o mesmo orzamento que poden ter outras granxas máis potentes. O que facemos é participar online e póñencha despois na casa. Aventúraste un pouco a primeira vez e despois xa ves que che dá bastantes garantías.
– Como seleccionas os touros?
– Para o seme non son dunha única casa comercial. Intento poñer algo de todo. Busco os touros que máis me gustan independentemente de quen o venda. Emprego poucas doses de moitos touros, porque o problema da consanguinidade está aí e cantas máis liñas xenéticas teñas mellor é. É unha maneira de blindarte e de evitar riscos, porque as probas xenómicas teñen unha fiabilidade do 70%, pero queda ese outro 30% de marxe de erro e non podes fialo todo a un único touro.
Nas xovencas poñémoslles primeiro un embrión e se non prospera inseminámolas despois con seme sexado
Poñemos sexado nas mellores vacas e ao resto, as que nos interesan menos, carne. Nas xovencas o primeiro que facemos é poñerlles un embrión e, se non prospera, despois pasamos tamén a poñerlles sexado, outro intento, e despois xa convencional.
Os touros de tipo non están normalmente entre os mellores por ICO. Unha vaca que destaca polo seu valor xenético raramente é unha vaca de concurso, pero é unha vaca rendible nunha granxa. Estas son vacas máis pequenas e máis funcionais, non teñen patas estilosas nin costelas tan anchas pero seguramente duran máis.

Crown Selma, a vaca número 1 por ICO de España
– Que buscas ti nunha vaca?
– Sobre todo funcionalidade e que se adapten ben ao robot. Non miro tanto litros de leite senón a durabilidade da vaca, boas de patas e que non sexan moi grandes, para que non dean problemas nos cubículos. Como man de obra hai pouca, o que non queremos son problemas na granxa, sobre todo se se poden evitar, porque en cuestión de xenética un máis un tampouco sempre son dous.
Como man de obra hai pouca, o que non queremos son problemas na granxa
Eu busco unha vaca para min, que se adapte ao meu establo. Utilicei a mellora xenética para iso. Por exemplo para ter animais idóneos para o robot ou para os cubículos que nós temos, que son de colchoneta, por iso non queremos vacas moi grandes. Como tiña recría dabondo o que facía era que se había unha vaca que lle vía que non me encaixaba por algún destes motivos reemprazábaa por unha xovenca. O prezo das vacas de desvelle tamén compensaba.
Unha vaca que destaca por ICO raramente é unha vaca de concurso, pero é unha vaca rendible nunha granxa
Eu prefiro ter unha media de litros máis baixa e non ter problemas. Por iso tampouco forzamos as vacas coa alimentación. Á ración botámoslle 28 quilos de silo de millo, 8 quilos de silo de herba, 1,5 quilos de alfalfa e 7 quilos de penso máis o punteo do robot. Non me interesa exprimilas, prefiro non ter problemas e que me duren máis, aínda que dean un litro ou dous menos de leite; ao final iso afórralo no penso e nas menciñas.

Na primavera e o verán as xovencas preñadas están fóra, aínda que o ano pasado o lobo matoulle a Daniel no prado ao lado do establo á xata número 1 por ICO de España, un animal de 13 meses
– Vendedes animais a outras granxas?
– Agora mesmo non, pero esa é un pouco a nosa intención con vistas ao futuro, porque para cubrir as nosas necesidades sóbranos moita recría e queremos dar a posibilidade de que outras granxas que queiran mellorar a súa xenética tamén se poidan beneficiar do traballo que nós levamos feito estes anos, igual que nós melloramos comprando animais doutras explotacións en subastas.
A nosa intención é facer tamén este tipo de poxas na nosa propia granxa, xuntar un lote de 10 ou 15 animais e darlles saída desta maneira. É unha forma tamén de traer a outros gandeiros á nosa explotación e que poidan ver o tipo de animais que temos por se eles tamén están buscando o mesmo que buscamos nós.
Traballamos distintas liñas xenéticas; non se pode apostar todo a unha carta
Temos animais interesantes de distintas liñas xenéticas. Eu non aposto todo a unha carta, iso non se pode facer. Entre os nosos animais está a vaca que foi no último ano número 1 por ICO de España, e temos varias xatas entre as 10 primeiras, tamén a número un roxa e outra que foi top 10 en base americana en xaneiro, con máis de 3.000 puntos GTPI. Competimos con granxas que son moito máis grandes ca nós, que teñen moito máis orzamento para estas cousas e que levan moitos máis anos ca nós traballando nisto.
– A túa intención, entón, é facer da venda de xenética unha fonte máis de ingresos da explotación?
– Si, neste momento xa vendemos algún macho para Fontao e tamén algún embrión e a miña idea é seguir por esa liña e non pola de aumentar ás vacas, porque se quixera poñer outro robot xa tería que facer unha nave nova, porque esta non teño para onde ampliala.
A miña intención non é aumentar, non hai garantías no prezo do leite
É un investimento moi elevado porque te vas por enriba do medio millón de euros e non existen garantías no prezo do leite que te animen a meterte a iso. Se tiveramos un prezo estable aínda te podías aventurar, pero vemos que as industrias aquí neste momento baixan os prezos mesmo en contra do mercado europeo, cando os custos dos investimentos se dispararon, porque o mesmo robot que eu merquei fai 5 anos hoxe custa 60.000 euros máis.

SAT Agosto Darriba subcontrata todo o traballo agrario, agás botar o purín
– Canta superficie agraria manexades? Supón a falta de terra un hándicap nesta zona para que as granxas de leite poidan seguir medrando e evolucionando?
– Traballamos unhas 40 hectáreas e en 30 delas facemos rotación anual millo-pradeira. Nesta zona a falta de terra é un problema, porque moitas granxas medraron e están sobredimensionadas en número de cabezas a respecto do terreo dispoñible.
Unha explotación de pequeno tamaño ben levada tamén pode ser rendible. Eu considero que a miña o é. Pretendo seguir mellorando e modernizando a granxa. Fai dous anos cambiamos os separadores de ferro por separadores flexibles e agora puxemos unhas colchonetas máis altas, para que as vacas estean máis cómodas. Agora tamén queremos poñer un robot limpador. O sistema de limpeza que temos agora é por flushing (arrastre mediante auga) pero queremos mellorar niso.
Quero incorporar un robot limpador; agora temos un sistema por flushing
Outro aspecto no que queremos incidir é en robotizar a explotación en todo o que se poida para que sexa doada de levar coa menor carga de traballo posible. Eu prefiro investir en robotizar a granxa antes que en maquinaria. Unha granxa deste tamaño se está automatizada é capaz de levala unha persoa soa, sen necesidade de man de obra contratada. É un traballo máis de control e supervisión que de outro tipo, de estar pendente das cousas.