SAT A Vereda, cara as 300 vacas en muxido con paso seguro

Esta explotación de Pacio, no límite entre Castro de Rei e A Pastoriza, prepara unha ampliación para 100 vacas máis en produción e unha célula hixienizadora para reutilizar o purín nas camas. Falamos con Manuel Sandamil, un dos socios, que acaba de ser elixido novo presidente de Fefriga

Manuel Sandamil, na nave de produción de SAT A Vereda, construída en 2011 e que agora van ampliar

Manuel Sandamil, na nave de produción de SAT A Vereda, construída en 2011 e que agora van ampliar

Se hai unha máxima coa que traballan en SAT A Vereda desde a súa constitución fai 9 anos é a de tratar de ser autosuficientes. Lógrano en aspectos tan importantes como o das forraxes ou o da recría, cuestións importantes para reducir custos e riscos e poder seguir medrando con seguridade de cara ao futuro.

“Non te podes quedar estancado, hai que ir cos tempos, seguir mellorando e modernizándose”, defende Manuel Sandamil, un dos socios desta SAT constituída por catro explotacións veciñas, tres pertencentes ao concello da Pastoriza e unha ao de Castro de Rei, na parroquia de Pacio, no lugar da Vereda, que dá nome á sociedade, onde construíron a nave de produción conxunta inaugurada en novembro de 2011.

Poder cubrir as necesidades de alimentación da propia granxa e o reemprazo de animais necesario é unha garantía de cara aos novos investimentos que están a piques de afrontar, cunha ampliación da nave de produción para poder muxir 100 vacas máis, un espazo novo de preparto e a incorporación dun separador de purín e unha célula hixienizadora para poder reutilizar a fracción sólida como material para as camas.

“A primeira fase logo de xuntarnos e constituír a SAT foi facer a nave nova para o gando, incluída a sala de muxido, a leitería e a zona de oficina e conseguir as fincas e a superficie necesaria para sermos autosuficientes. Agora que xa saímos dese primeiro investimento forte podemos acometer novos proxectos para ir modernizando e redimensionando a explotación”, explica Manuel.

Este ano, por exemplo, veñen de estrear tres silos de trincheira que remataron de facer xusto para poder ensilar neles a colleita de millo e están a piques de comezar as obras de ampliación das instalacións, algo que xa quedou previsto cando hai 9 anos construíron a nave, deixando o pasillo de alimentación nun dos laterais para agora poder desdobrar e que quede no medio.

Chegar ás 300 vacas en produción

Vista xeral das instalacións para as vacas en produción

Vista xeral das instalacións para as vacas en produción, que están divididas en dous lotes

A día de hoxe SAT A Vereda conta con 430 cabezas de gando totais, das que 220 son animais en produción neste momento. “Movénomos entre 215 e 230 vacas en muxidura ao longo do ano”, contan, pero a idea trala vindeira ampliación é poder chegar nun prazo de dous anos aos 300 animais en produción. “Queremos ir aumentando progresivamente para chegarmos ás 300 vacas. Non vai ser de golpe, porque queremos medrar en base á nosa propia recría. Nisto tamén somos autosuficientes e polas previsións que temos consideramos que imos poder cubrir perfectamente coa nosa recría a ampliación que imos facer”, engaden.

A intención é que nos chegue a recría propia para completar a ampliación nun par de anos

Para iso están a recurrir ao seme sexado, tanto en primeirizas coma nas mellores vacas. “Levamos empregando seme sexado 4 ou 5 anos, pero nos últimos dous anos intensificamos unha miguiña a súa utilización pensando precisamente en medrar. Nas xovencas poñémolo no 90% delas e nas vacas só nas mellores. Penso que sempre é mellor medrar co que un ten aínda que hoxe se o que mercas son animais de aquí as condicións sanitarias do gando son boas e non hai problema”, di.

Unha parte da recría, externalizada por problemas de espazo

Zona de recría, que teñen repartida entre a nave principal e o antigo establo dun dos socios

Zona de recría, que teñen repartida entre a nave principal, o antigo establo dun dos socios e o Rancho Las Nieves

O importante volume de recría co que contan neste momento, que suma un total de 166 animais, fai que as instalacións para acollelas quedaran pequenas. Ao igual que fan coas vacas secas, empregan para as xatas o antigo establo dun dos socios, que complementan co envío dunha parte dos animais ao Rancho Las Nieves de Zaragoza. “Tes o espazo que tes e non podes medrar tampouco todo o que queres. A alimentación chegaríanos, pero o sitio que temos para a recría non. Agora mesmo temos en Zaragoza 22 xovencas, o que representa máis ou menos un 15% dos animais de recría totais. Dous dos socios xa as mandabamos alí antes de facer a SAT e seguimos enviando as que non nos collen aquí. O resto das xatas recriámolas nós”, conta Manuel.

Comezan coa primeira dose de inseminación a partir dos 13 meses e están logrando o primeiro parto nas xovencas antes dos dous anos

A externalización é para esta gandería unha necesidade por razóns de espazo máis que por obter mellores resultados. “Cando empezamos quizais houbese diferenza entre as que viñan dalá e as nosas, pero hoxe non, fomos mellorando o manexo e a xenética nas nosas e agora son animais similares, mesmo na idade de parto”, explica. Comezan coa primeira dose de inseminación entre os 13 e os 14 meses e están logrando o primeiro parto nas xovencas antes dos dous anos. “A idade de parto está nos 23 meses e medio. Antes dos 13 meses non inseminamos e a partir desa idade decidimos en función do tamaño”, detallan.

Para detectar os celos axúdanse de podómetros, aínda que a primeira inseminación, tanto nas xovencas como nas vacas adultas é sempre programada. Están a empregar unha media de 1,2 doses nas xatas e 3 na media das vacas e a taxa de reposición do gando na granxa é do 27%, cun promedio de 2,5 lactacións por animal cando é descartado cara ao matadoiro.

Touros uniformes cos que corrixir defectos do rabaño

Tan só fan a proba xenómica a aquelas xatas que eles consideran que teñen potencial

Tan só fan a proba xenómica a aquelas xatas que eles consideran que teñen potencial

Teñen asignadas a maioría das tarefas da granxa e Manuel é dos que se encarga, por exemplo, da reprodución. “Inseminamos nós case todo e o que tratamos é de ver e identificar os defectos máis importantes que temos nos animais para tratar de correxilos. O que máis valoramos nos touros son aspectos como as patas, as ubres e os caracteres de saúde, pero procuramos que sexan touros o máis uniformes posibles, touros positivos a todo aínda que non sexan moi sobresaíntes en ningunha cuestión especial”, describe.

O xenotipado é unha das cuestións que queremos incrementar

SAT A Vereda traballa con varias empresas de seme, tanto estranxeiro como con Xenética Fontao. “Collemos 4 ou 5 touros distintos tanto en sexado como en convencional e facemos os acoplamentos con Africor”, indica. Aínda que empezaron a xenotipar algúns animais, polo momento é só unha parte minoritaria. Sen embargo, Manuel considera que é unha ferramenta interesante para atinar na toma de decisións en materia reprodutiva e mellora xenética da granxa, polo que recoñece que é un dos aspectos nos que queren avanzar. “Permíteche ter máis seguridade cando apostas por unha xata que consideras que ten potencial e tamén descubrir animais que doutro xeito igual pasaban desapercibidos”, considera.

Sete postos de traballo

Na explotación traballan neste momento sete persoas. Ademais dos socios (Manuel Sandamil, Jesús Villamel, José Antonio Iglesia e Manuel Iglesia) traballa tamén a media xornada Maruja Anllo, a muller de Manuel Iglesia, que fai os reforzos para muxir, e contan con outros dous empregados a tempo completo cos que se atopan moi contentos. “Poucas explotacións poden dicir coma nós que teñen dous bos empregados”, asegura Sandamil, consciente de que as dificultades para atopar man de obra cualificada é un dos graves problemas actuais de moitas ganderías.

A organización das labores diarias na explotación faise en función das libranzas e dos turnos para muxir, con tarefas preasignadas das que se encarga cada un. “Vimos librando un día pola semana e unha fin de semana de cada tres e logo temos 15 días de vacacións no inverno e outros 15 no verán, que distribuímos en función de como teñamos o traballo e o forte das campañas”, detallan.

Moxen ás sete e media da mañá e ás seis e media da tarde, sempre cun mínimo de dúas persoas. Dispoñen dunha sala de muxido traseira de 2×16 puntos e lévalles dúas horas e cuarto muxir pola mañá e dúas horas pola tarde, sen contar o tempo de lavado.

Entre 34 e 36 litros de media

Entregan o leite a Reny Picot desde fai anos. “Antes estabamos en Pascual pero cando pechou a planta de Outeiro de Rei e decidiu rebaixar o volume de recollida que tiña en Galicia empezamos con Reny Picot e estamos con eles desde entón. Este ano en marzo cando nos tocou renovar o contrato tivemos até 4 ofertas para cambiar de empresa, pero decidimos seguir”, explica Manuel. Valoran a estabilidade que lles ofrece. “Vendo o resto do panorama estamos ben, sen moitas fluctuacións ou grandes subidas e baixadas no prezo”, engade.

Este ano en marzo cando nos tocou renovar o contrato tivemos até 4 ofertas para cambiar de empresa pero decidimos seguir en Reny Picot

A produción media de SAT A Vereda sitúase entre os 34 e os 36 litros de media por vaca e día, con porcentaxes do 3,90% de graxa e do 3,30% de proteína, un reconto celular que se move entre 160.000 e 180.000 e en torno a 10 en bacterioloxía. Respectan un periodo de secado de 65 días e o destete das becerras de recría ten lugar aos 70 días. 

120 hectáreas de superficie

Sementan entre 80 e 85 hectáreas a millo e nunha parte delas fan rotación con raigrás

Sementan entre 80 e 85 hectáreas a millo e nunha parte delas fan rotación con raigrás

Ademais do traballo na nave de produción e de atender os lotes de vacas secas ou recría que teñen repartidos nos antigos establos dos socios, tamén se encargan, na medida do posible, de facer a maior parte dos traballos agrícolas. “Menos o picado do sillo de millo e de herba e a sementeira do millo o resto facémolo nós”, explica Manuel.

Contan cun total de 120 hectáreas de superficie, o 90% delas nun radio de 2 quilómetros. Aínda que as catro explotacións aportaron as súas fincas, a maior parte da superficie actual é alugada, nunha zona onde o prezo pode rondar os 300 euros por hectárea. “Por aquí de momento non abunda, vai pechando algunha explotación e vai quedando algunha finca, pero non é coma noutras zonas. Pero o custo diario de ter as terras lonxe tamén é importante e hai que valoralo”, argumenta Manuel.

Nesta zona as fincas están caras, páganse a uns 300 euros por hectárea, pero o custo diario de ter as terras lonxe tamén é importante e hai que valoralo

As parcelas que están máis lonxe resérvanas para facer herba seca e no resto unha parte téñenas a raigrás para facer silo de herba e noutras 80 ou 85 hectáreas, dependendo do ano, sementan millo. Este ano botaron algo menos porque tiñan reservas da colleita anterior. “Somos autosuficientes en forraxe, só mercamos algo de palla e o penso, que ogallá non houbera que comprar, porque o prezo do leite non sobe pero o resto das cousas si“, lamenta.

Alimentación pola tarde

Cambian a composición da ración para as primeirizas para axustala ás súas necesidades e á súa capacidade de inxesta

A composición da ración de primeirizas e multíparas varía para axustala á súa capacidade de inxesta

Nesta explotación de Castro de Rei fan dúas racións distintas para as vacas en produción, que teñen en dous lotes. “Facemos unha ración para as primíparas e outra para as adultas, que non varían moito, só as adaptamos un pouco ás súas necesidades e capacidade de inxesta, que son diferentes”, explican. A das primeirizas leva 31 quilos de silo de millo, 10 de silo de herba, 10 de concentrado e 0,5 quilos de palla picada. No caso das multíparas, está composta por 36 quilos de silo de millo, 13 quilos de silo de herba, 11 quilos de penso e medio quilo de palla. A maiores elaboran outras dúas racións para as vacas secas e as xovencas.

Neste momento SAT A Vereda non dispón de carro mesturador propio, polo que é un servizo que ten contratado cunha empresa externa. “Tiñamos nós carro, pero fai un ano estropeouse e estivemos valorando que facer e desde entón a alimentación fáinola unha empresa de servizos”, conta Manuel.

O carro vén ás 8 da tarde. Para o verán véxolle vantaxes ao feito de que veña a esa hora

A externalización dese traballo levounos a ter que mudar os horarios habituais de alimentación do gando. “Antes faciamos nós as racións pola mañá pero agora o carro vén ás 8 da tarde. Non notamos maiores consecuencias máis que o feito de que antes tiñamos unha diferenza importante en litros na muxidura de pola mañá con respecto á da noite e agora iso nivelouse máis. Para o verán é certo que lle vexo vantaxes ao feito de que veña a esa hora, porque a comida non quece nas horas centrais do día”, argumenta.

Cambios nas camas

Empezaron con area, agora empregan carbonato con serrín e cascarilla de arroz e queren pasar a usar compost

Empezaron con area, agora empregan carbonato con serrín e cascarilla de arroz e queren pasar a usar compost

Outro dos cambios que fixeron no último ano foi no material empregado nos cubículos. “Desde o inicio, desde cando fixemos a nave no 2011, tiñamos area, pero a area é moi boa nas camas pero non tanto fóra delas e este ano cambiamos a unha mestura de carbonato cálcico con serrín e cascarilla de arroz”, explica Manuel.

Con todo, o cambio de material é transitorio, xa que nos plans inmediatos desta explotación está a introdución do compost como material de recheo nas camas. “Queremos instalar unha célula hixienizadora para aproveitar o compost, xa a fomos ver a Italia. Aínda que o investimento é importante, eu penso que se se pode empregar o compost nas camas logo se rendabiliza”, considera.

Bótate algo para atrás o medo a máis células ou problemas de mamite pero imos instalar unha célula hixienizadora para aproveitar o compost como material de recheo para os cubículos

A colocación do separador de purín ten un dobre obxectivo nesta gandería, por un lado tratar de reducir o custo económico de manter os cubículos e por outro avanzar no cumprimento das normativas medioambientais que se aveciñan. “A Xunta anunciou a instalación de catro plantas de tratamento, unha delas no concello da Pastoriza, pero eu penso que sempre vai saír mellor poder reutilizar o purín na propia granxa sen ter que levalo a ningún outro sitio”, defende.

Manuel, que xogou durante anos ao fútbol, unha afección que aínda non abandonou de todo, e é tamén piloto de ralies, non quere sen embargo riscos na súa faceta como gandeiro: “Bótate algo para atrás o medo a máis células ou problemas de mamite”, di. Pero unha vez visto o seu funcionamento están decididos a incorporar o novo sistema.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información