Santiago de Compostela, referente en España na aposta polas hortas urbanas

O concello de Santiago de Compostela foi un dos pioneiros en España na posta en marcha de hortas urbanas e hoxe é un referente a nivel estatal, con 202 hortas que proximamente se ampliarán con 60 máis.

Publicidade
Santiago de Compostela, referente en España na aposta polas hortas urbanas

Óscar na súa horta urbana en Brañas de Sar.

Santiago de Compostela é unha das cidades de España con máis hortas urbanas por habitante, un proceso no que foi pioneira en Galicia no ano 2008, e que dende aquela non para de medrar debido ao éxito desta iniciativa.

Actualmente a capital galega conta con 202 hortas individuais repartidas en seis áreas por toda a cidade: Belvís de Arriba e Belvís de Abaixo, en pleno casco histórico; A Caramoniña, A Almáciga, Cotaredo e Brañas de Sar. E en breve o concello ten previsto ampliar a oferta con entre 60 e 70 hortas máis, para o que baralla tres espazos: Santa Marta, Salgueiriños e Lamas de Abade.

Calquera cidadán empadroado en Santiago de Compostela pode solicitar unha horta, con preferencia para os residentes nun radio de 300 metros e para as persoas xubiladas. O concello cédelle ao usuario durante dous anos-prorrogables un máximo de 2 máis- unha parcela de entre 30 e 50 metros cadrados, dependendo da zona, con dotación de auga para regar, abono orgánico procedente da compostaxe dos restos de podas e de herba dos parques municipais, e un caseto con chave para gardar os apeiros de labranza.

A partir de aí a pericia e as ganas de traballar e de aprender de cada un determinarán o éxito das colleitas. “O que está claro é que unha iniciativa exitosa: comezou no 2008 con 28 hortas en Belvís de Arriba e hoxe son máis de 200 en toda a cidade, e medrando”, destaca Xan Duro Fernández, concelleiro da área de Medioambiente do Concello de Santiago.

Para o próximo ano abrirán dous espazos máis de hortas urbanas en Santiago

Proba do interese da cidadanía compostelá por recuperar o contacto coa agricultura e coa terra é a alta demanda que teñen as hortas urbanas: “Cando se abre a convocatoria recibimos entre o dobre e o triplo de solicitudes que de hortas dispoñibles”. “De feito -engade- temos unha lista de agarda no caso de que haxa algún adxudicatario que non cultive a horta e teña que cedela a outra persoa”.

Do que non dubida o concelleiro de Medioambiente é da alta rendibilidade social e medioambiental desta iniciativa. “Estamos a falar de que os terreos nos que poñemos en marcha as hortas son sempre de titularidade municipal, cualificados no PXOM como espazos de reserva verde ou dotacional. E con moi pouco investimento por parte do Concello xeran un enorme rendemento social e ambiental”, salienta Xan Duro.

Pero onde mellores resultados se están a detectar é na convivencia social: “Crease unha rede de intercambio de alimentos e de sementes entre as persoas usuarias, e ademais créanse pontes interxeneracionais entre a xente maior, que mantén o coñecemento do contacto coa terra, coas novas xeracións que queren aprender”, explica. “Estanse creando dinámicas non previstas pero moi interesantes para o tecido social da cidade”, engade o concelleiro. Proba de que as hortas se están a converter nun lugar de encontro son tamén as peticións que está a recibir o concello para a instalación de bancos nestes espazos.

Elvira Cienfuegos: “Había dúbidas no concello sobre a viabilidade das hortas urbanas pero o tempo demostrou que son un éxito”

Elvira Cienfuegos foi concelleira de Medioambiente polo BNG en Santiago de Compostela entre os anos 2007 e 2011 durante o goberno liderado polo PsdeG-PSOE.

Dende a súa concellaría foi a responsable de poñer en marcha un proxecto piloto de hortas urbanas no ano 2008 no parque de Belvís, en pleno centro histórico. Foron as primeiras en botar a andar en Galicia e tamén das pioneiras no Estado.

“A idea xurdiu porque observabamos que en Compostela a horta tiña moita vixencia, con moita xente que cultivaba en pequenos recunchos. Tamén porque Belvís fora historicamente unha zona de horta e, en terceiro lugar, porque queríamos darlle máis usos aos parques municipais, de forma que ademais de espazos de lecer, foran tamén espazos de socialización e de saúde, sobre todo para as persoas maiores”, explica Elvira Cienfuegos.

 “Incluso viñeron dende Valencia para informarse sobre como as puxemos en marcha”

Recoñece que para poñer en marcha o proxecto “non tiñamos de onde copiar. Sabiamos que había hortas municipais urbanas en Barcelona pero queríamos facelas á nosa medida”. Neste sentido, e a través dun proceso participativo, logrouse aprobar a primeira ordenanza de uso das hortas municipais de Santiago de Compostela.

“Estas normas serviron de referente para moitos outros concellos. Con nós falou xente de Oleiros, de Ourense, de Lugo, da Universidade de Vigo e incluso veu xente de Valencia a interesarse polo proxecto”, explica.

Como principais obstáculos, Elvira Cienfuegos recoñece que “non había unanimidade na corporación municipal sobre un proxecto de hortas urbanas en pleno casco histórico, e o problema dos furtos, que se logrou paliar en parte coa instalación dunha verxa, e que non é doado resolver porque entendíamos que tamén debía ser un espazo para visitar”.

¿E que considera máis positivo das hortas urbanas de Santiago? Para a impulsora desta iniciativa non hai dúbida de que o espazo de encontro social que se creou. “É moi gratificante ver o gusto coa que a xente cultiva a horta e os intercambios que hai de sementes, de plantas, de coñecementos sobre como loitar contra os merlos que comen os amorodos, ou contra os pombos que comen as verzas. Creouse un ambiente moi positivo e hai moita xente que o pasa moi ben nas hortas urbanas”.

HORTA_URBANA_SANTIAGO_3

Carmen: “Os rapaces novos parece que saben máis ca os maiores e cultivan á súa maneira”

Carmen é outra das persoas ás que o concello de Santiago lle adxudicou unha horta en Brañas de Sar. A súa é unha das máis coidadas, con filas de hortalizas de bo tamaño, sen malas herbas, e cunha terra ben abonada.

Cultiva a horta cun sobriño que fai os traballos máis pesados. “Eu son de Arzúa e traballei no campo ata que viñen a Santiago. Agora son maior e podo pouco pero veño aquí case todos os días a pasear e a mirar como van os cultivos e de paso distraio a cabeza”, asegura.

Recoñece que o primeiro ano non foi fácil, “pois había moita pedra que tivemos que quitar, plásticos e incluso potas, pero este segundo ano os cultivos foron moi ben”. Especialmente destaca a boa colleita de xudías e de pementos, e hai pouco plantou repolo, nabos e algo de acelga como cultivos de inverno.

“Aquí todos somos moi unidos”

Recoñece que o principal problema son os furtos: “Tiña un repolo moi bo e na véspera da Santa Maria colleron dúas cabezas, das cenouras colleron as mellores e tamén unhas cabezas de alcachofa”. “Pero se lle facían falta para comer, non pasa nada”, asegura.

Aínda así, para Carme a avaliación global da horta urbana é moi positiva: “Aquí todos somos moi unidos e traballando dáse de todo”. Iso si, bromea que “aos rapaces novos parécelles que saben máis ca os vellos e van á súa maneira”.

Óscar: “É un entretemento e levas produtos sans para a casa”

Óscar cultiva xunto coa súa muller e a súa filla de 10 anos unha horta de 40 metros cadrados no parque de Brañas de Sar, unha zona tradicional de produción de verduras para abastecer á cidade de Santiago e que nas últimas décadas se fora abandonando. Ao igual que no resto de hortas municipais, o cultivo debe ser en ecolóxico, sen agroquímicos nin pesticidas.

“Comezamos a cultivala en abril de 2016 e de momento estamos contentos. Ao comezo tivemos que traballar moito porque este terreo fora utilizado como plataforma de maquinaria para as obras do vial de Sar, e por iso tivemos que sacar moita pedra e aportar moita materia orgánica”, explica.

Os motivos que levaron a este veciño do barrio de Sar a solicitar esta horta municipal son que, ao igual que gran parte da poboación galega, “na infancia tivemos contacto coa terra, que perdemos ao asentarnos na cidade, e era algo que queríamos recuperar”.

Os resultados cos cultivos ata agora están a ser prometedores: “O que mellor se nos dá son as leitugas, as cenouras, os tomates e a remolacha de mesa. As nabizas e os grelos van regular e os pementos este ano foron o que peor se nos deu”, explica.

“Os furtos esporádicos é o que máis desanima”

A súa filla de dez anos tamén ten o seu recuncho reservado na horta, onde plantou flores e xirasois. “Sobre todo estivo animada o primeiro ano, porque viñan os seus amigos e facían o mesmo, pero agora cústalle máis achegarse”, recoñece entre risas.

En canto ás demandas, Óscar pídelle ao concello que instale composteiros para compartir entre os usuarios e onde poder levar a materia orgánica doméstica. Pero sobre todo, que se freen os furtos esporádicos: “É máis polo que desanima que polo valor económico. Pedimos rodear as fincas cunha alambrada baixa para disuadir á xente que queira entrar a roubar, pero de momento non se levou a cabo”.

En todo caso, este labrego urbano valora positivamente a iniciativa: “É un entretemento, vimos dar un paseo ata a horta dúas ou tres veces á horta no verán e na primavera e unha no outono e no inverno, e ademais levas para a casa alimentos sans e libres de pesticidas”, conclúe.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información