Santiago acollerá a presentación das novas tecnoloxías para os controis da PAC

Santiago acollerá a presentación das novas tecnoloxías para os controis da PAC

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Consellería de Medio Rural a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organiza o vindeiro luns 16 de decembro, a xornada de presentación do proxecto ‘Primare – Inspeccións Intelixentes Avanzadas’ para a automatización dos controis en campo asociados ás axudas da Política Agraria Común (PAC).

Esta xornada celebrarase en Santiago de Compostela co obxectivo de crear un punto de encontro do ecosistema dixital e agrario de Galicia para que os axentes que participaron na iniciativa compartan cos asistentes os principais resultados, elementos innovadores e leccións aprendidas e se xere un debate e un intercambio de coñecemento sobre cuestións técnicas relevantes.

O programa contará coa presenza de representantes da DG Agri da Comisión Europea e do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), expertos no ámbito da Política Agraria Común (PAC), e co subdirector da Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo, Higinio Gónzalez, experto en medios aéreos non tripulados.

A asistencia a esta xornadas é gratuíta, previa inscrición a través da seguinte ligazón: https://mediorural.xunta.gal/primare_civil_uavs/presentacion/

Consulta aquí o programa da xornada:
https://mediorural.xunta.gal/fileadmin/arquivos/xornadas/primare_demo-days/191211_-_Programa_Jornada_Presentacion_Primare_v1.1_GAL.PDF

Proxecto Primare – Inspeccións Intelixentes Avanzadas

O proxecto Primare – Inspeccións Intelixentes Avanzadas, coliderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Medio Rural a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), ten por obxectivo desenvolver solucións innovadoras para dispoñer de xeito automatizado de servizos de valor engadido para os axentes do sector agrogandeiro, e en particular, para a realización dos controis de campo asociados ás axudas da Política Agraria Común (PAC) mediante medios tecnolóxicos (en particular, mediante o uso de medios aéreos non tripulados, e outros sistemas tecnolóxicos).

Trátase do primeiro proxecto de compra pública de tecnoloxía innovadora (CPTi) no ámbito do sector primario posto en marcha a nivel estatal, que conta cun orzamento de 4M€ cofinanciado nun 80% con fondos FEDER do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 (POPE) procedentes do Convenio de Colaboración entre o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, GAIN e a AMTEGA para o proxecto “CIVIL UAVs Initiative“.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información