Santé: o leite galego que se vende a 49 céntimos en Andalucía

Unións Agrarias denuncia que a antiga planta de Pascual en Outeiro de Rei envasa leite para vender a baixo prezo en supermercados do sur de España. A nova empresa mantén débedas por importe de máis de 100.000 euros con gandeiros que decidiron en 2015 deixar de facer entregas a Logística Alimentaria, segundo a organización agraria

Protesta este mércores de Unións Agrarias diante da planta de Logística Alimentaria en Outeiro de Rei

Protesta este mércores de Unións Agrarias diante da planta de Logística Alimentaria en Outeiro de Rei

O Grupo Santé, que se fixo cargo da recollida de leite que en Galicia levaba a cabo Logística Alimentaria e que envasa con marca propia na planta de Outeiro de Rei vendida por Leche Pascual no ano 2014, mantén unha serie de impagos no campo, segundo Unións Agrarias. A organización sostén que a empresa participada polo grupo de transporte Ríos Sangiao adebeda desde o ano 2015 aos gandeiros que decidían cambiar de empresa de recollida, aos que non lles abonaba os importes do último mes.

O sindicato Unións Agrarias levou a cabo este mércores un acto de protesta diante da factoría de Outeiro de Rei para denunciar esta situación e esixir o pago inmediato destas cantidades ao Grupo Santé, que asumiu os contratos de Tegestacín, a empresa pertencente a Logística Alimentaria que mercaba o leite até o ano 2018. A partir de entón é o Grupo Santé o que mantén a vinculación cos gandeiros, a raíz da creación dunha empresa conxunta con Logística Alimentaria e participada ao 50%, IberFrixia. 

O Grupo Santé constituíu unha empresa conxunta con Logística Alimentaria. Asumiu a recollida aos gandeiros e está comercializando con marca propia unha parte do leite que se envasa na planta de Outeiro de Rei

Hai cando menos 11 gandeiros afectados, a maioría de Lugo pero tamén algún da provincia da Coruña, que entregaban o leite a Tegestacín e que, segundo UUAA, “ten unha débeda contraída con eles de máis de 105.000 euros”. Esta suposta débeda procede do ano 2015, canto estas explotacións decidiron cambiar de empresa polos baixos prezos do leite e, supostamente como represalia, Logística Alimentaria retívolles os importes correspondentes ás entregas de leite do último mes.  

Comportamentos “mafiosos” para que non deixaran de entregar o leite

Os gandeiros afectados, apoiados por membros do sindicato agrario, iniciaron este mércores as mobilizacións diante da fábrica e xa anuncian que se non hai un acordo a curto prazo estas accións serán “máis contundentes”. “Non podemos permitir este tipo de comportamentos que nalgúns casos rozan o que son comportamentos mafiosos”, denuncia Félix Porto, responsable de Coordinación Sectorial de UUAA, que solicita a intervención da Xunta. 

As empresas que teñen débedas cos gandeiros non deberían cobrar axudas públicas da Xunta

“A Administración ten que tomar cartas neste asunto e empresas que están recibindo subvencións e axudas públicas, como é o Grupo Santé, non deberían cobrar esas axudas en tanto manteña débedas por impagos cos gandeiros”, argumenta. 

“Non imos parar até que os gandeiros cobren”

“Levamos anos tentando conseguir un acordo amigable que non foi posible”, asegura o responsable de Coordinación Sectorial de Unións Agrarias. O sindicato acusa á empresa de “usar torticeiramente un resquicio legal introducido nos contratos daquela época, nos que había unha cláusula de submisión á Arbitraxe, que fai que moitas veces saia máis cara a reclamación na Corte Española de Arbitraxe que as cantidades que se reclaman”, denuncia. 

Os impagos proceden do ano 2015 e o xuíz derivou o proceso á Corte de Arbitraxe

“A empresa sabe que ese tipo de procedementos saen caros e válese diso para non chegar a acordo cos gandeiros e non pagarlles. O que están facendo é retrasando eses pagos utilizando mecanismos xurídicos que hoxe en día non se poderían utilizar”, indica Félix Porto.

O sindicato decidiu anticipar o custo do procedemento de acudir á Corte de Arbitraxe de dous gandeiros para seguir adiante co proceso no ámbito da arbitraxe, a onde foi derivado o procedemento por parte da xustiza ordinaria. “Non imos parar até que os gandeiros cobren”, anuncia UUAA.

Leite galego a 49 céntimos en ‘cash’ para hostelaría de Andalucía e Valencia

Supermercado da cadea Cash Familia en Granada, onde o Grupo Santé vende o seu leite

Supermercado da cadea Cash Familia en Granada, onde o Grupo Santé vende o seu leite

Santé envasa na planta de Outeiro de Rei leite con marca propia, que comercializa en distintas cadeas de supermercados a baixo prezo. “Estase a vender leite envasado nesta planta a 49 céntimos o litro. Onde detectamos o incumprimento é na cadea de supermercados Cash Familia, que está asentada fundamentalmente na zona sur de España, pero descoñecemos se o Grupo Santé envasa con marca branca para algunha outra cadea”, denuncia tamén UUAA. 

A propia empresa indica na súa web que está especializada no sector da marca branca: “Entre os nosos clientes contamos coas principais compañías e grandes superficies de alimentación de España. Somos especialistas no desenvolvemento e creación de marca de distribución”, presume o Grupo Santé. 

Ou están usando a técnica de comprar o leite e despois non pagalo ou non entendemos que mecanismos están utilizando para poder facelo a ese prezo

“A política de baixos prezos da empresa está a agravar os problemas que ten o sector de perda de rendibilidade polo incremento dos custos de produción, xa que non é entendible que se poida comercializar leite a 49 céntimos o litro. Hai que ver o que hai dentro dos cartóns ou o que se lles está pagando aos gandeiros, porque ou están usando a técnica de comprar o leite e despois non pagalo ou non entendemos que mecanismos están utilizando para poder facelo a ese prezo”, di Félix Porto. 

Desde UUAA esixen a paralización destas prácticas ás que acusan á empresa, de utilización do leite como produto reclamo, cun “incumprimento claro” da Lei da Cadea Alimentaria porque “é imposible que se poidan cubrir custos de produción dos dous eslabóns precedentes, o dos gandeiros e o industrial, poñendo o leite á venda no supermercado a 49 céntimos”, aseguran.

Esiximos que dunha vez por todas se cumpra coa legalidade e cos contratos que a empresa tiña asinados cos gandeiros

A nova empresa que se fixo cargo da recollida de leite nas explotacións subrogouse nos contratos anteriores que Tegestacín, a empresa do grupo Logística Alimentaria, tiña asinados cos gandeiros e síguelles recollendo o leite nesas condicións. “Son contratos asinados a prezos de mercado, con prezos base de 29 e 30 céntimos”, recoñece UUAA.

“Se non renovabas con eles a 22 céntimos deixábanche o último mes sen pagar. A min débenme 9.000 euros”

protesta UUAA impagos grupo Santé planta Outeiro de Rei prezos leite supermercadoCarlos Sáa, gandeiro de Taboada, puxo cara á situación que están a vivir os gandeiros de deixaron de entregar o leite a Logística Alimentaria. “No meu caso, quen me pagaba e me levaba o leite no ano 2015 era Logística Alimentaria e despois de levar todo ese ano cuns pagos do leite moi baixos, decidimos cambiar de empresa. Pero para presionarte e que non te foras, ou renovabas ou deixábanche o último mes sen pagar. É dicir, despois de estar todo o ano apaleados, ou renovabas con eles a 22 céntimos, que era o que che ofrecían, ou facíanche isto”, denuncia. 

Logistica Alimentaria deixou de recoller leite en campo no ano 2018 e se o fixo foi porque os gandeiros non lle entregaban polos prezos de miseria que pagaba

“A min na última liquidación pagáronme o leite entregado no último mes a 2 céntimos o litro. Emitiron unha factura que non poñía ningún tipo de concepto ao prezo fixado no contrato e despois engadíronlle un desconto por regulación de contrato case polo importe total a percibir. A min deixáronme a deber uns 9.000 euros”, detalla Carlos. 

A Administración non debía permitir que estas empresas de fóra veñan aquí facer o seu agosto a costa dos gandeiros

“Estas fábricas que veñen de fóra a facer o seu agosto aquí non llelo deberían permitir, se queren levar o leite deberían pagalo a uns prezos competitivos. Se temos os prezos máis baixos de toda España é por algo, e moita culpa téñena estas empresas que fan os contratos desta maneira para gañar cartos a costa dos gandeiros”, asegura.

Unha planta con capacidade para procesar un millón de litros diarios de leite que pasou por varias mans nos últimos anos

Vista de la antigua planta de Leche Pascual en Outeiro de Rei, adquirida en 2014 por Logística Alimentaria

Antiga planta de Leche Pascual en Outeiro de Rei, adquirida en 2014 por Logística Alimentaria

A antiga fábrica de Leite Pascual en Outeiro de Rei sempre foi un referente no sector lácteo galego, aínda que nos últimos anos pasou por diversas mans e proxectos empresariais.

Construída por Pascual como base principal en Galicia cando a súa presenza na comunidade era importante, foi alugada despois, tras a marcha da empresa burgalesa, para a posta en marcha da malograda aventura de Alimentos Lácteos e vendida posteriormente a finais de 2014 a Logística Alimentaria, que en 2019 constituíu unha joint-venture co Grupo Santé, baixo o nome de IberFrixia.

Santé mantén en concurso de acredores Quesería Ibérica, a súa unidade produtiva palentina

A empresa Santé Ibérica de Alimentación e Bebidas SL, con domicilio social en Madrid, dedícase tamén á fabricación de queixos e mantén nestes momentos en concurso de acredores Quesería Ibérica, a súa unidade produtiva palentina.

7 liñas de envasado

planta Logistica Alimentaria Outeiro de Rei Pascual5

Instalada no lugar de Santa Mariña, nunha parcela industrial de 66.528 metros cadrados de superficie, a antiga factoría de Leite Pascual conta con planta de recollida, procesamento e envasado de leite e está dotada das instalacións e medios técnicos necesarios para procesar un millón de litros diarios de leite cru.

Trala marcha de Leite Pascual a planta foi alugada a Alimentos Lácteos e posteriormente vendida a Loxística Alimentaria a finais de 2014

Trala marcha de Leite Pascual a planta foi alugada a Alimentos Lácteos e posteriormente vendida a Loxística Alimentaria a finais de 2014. A sociedade TeGestacin SL, pertencente ao Grupo Loxística Alimentaria, é quen opera a planta na actualidade, actuando ata 2018 tamén como operador lácteo mediante a recollida en Galicia de leite a gandeiros e cooperativas (cunha recollida anual de 70 millóns de litros) e o seu posterior tratamento e subministración á industria á ctea.

Gran capacidade de recepción e almacenamento

Cisterna de Logística Alimentaria descargando en la planta

Cisterna de Logística Alimentaria descargando na planta

Segundo informa a propia Tegestacín na súa páxina web, as instalacións contan con 7 liñas de envasado para 700.000 litros diarios de leite, produción de nata e almacenamento de 8 millóns de litros de produto acabado. Ademais de recepción, arrefriado e almacenamento de leite cru, os principais produtos elaborados actualmente na planta son leite envasado en brick, nata industrial,  leite concentrado por evaporación e concentrado de proteína láctea por ultrafiltración.

Os principais produtos que saen da planta na actualidade son leite envasado en brick, nata industrial e produtos concentrados

A planta ten tamén capacidade para desnatar un total de 120.000 litros/hora incluíndo a pasterización da nata en 2 liñas de 5.000 litros/hora e o almacenamento de nata arrefriada en 3 tranques de 30.000 litros cada un con camisa refrixerada. As instalacións dispoñen ademais dunha capacidade de descarga e limpeza interna de cisternas de 125.000 litros/hora distribuída en 5 rúas de 25.000 litros, con almacenamento en silos pulpón de 260.000 litros e en silos estandarizados de 1.800.000 litros.

As instalacións de fabricación e envasado UHT contan cunha capacidade para envasar máis de 700.000 litros diarios de leite

Unha parte dese leite é recibido e arrefriado para o seu posterior transporte a distintas industrias españolas, como a planta do grupo Leite Pascual en Aranda de Duero (Burgos) ou a queixería do Grupo Santé en Herrera de Pisuerga (Palencia). Outra parte procésase e envásase para distintos clientes finais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información