A sanidade animal en Galicia: entre o investimento público e as críticas pola falta de xestión

Balseiros reivindica no Parlamento os esforzos por mellorar a sanidade animal cun investimento anual de 25 millóns en 50 programas. O PSOE afea a falta de anticipación ante posibles riscos sanitarios e o BNG recrimina a resposta tardía a enfermidades como a EHE

A sanidade animal en Galicia: entre o investimento público e as críticas pola falta de xestión

Gando afectado pola EHE.

A Consellería do Medio Rural destacou este venres na súa intervención na Comisión 7ª do Parlamento o seu investimento anual de 25 millóns de euros en máis de 50 programas de sanidade animal. Segundo o director xeral de Gandaría, José Balseiros, este esforzo garante un excelente status sanitario para a cabana gandeira galega, outorgándolle unha vantaxe competitiva nos mercados internacionais.

O director xeral presume dun status sanitario excelente, libre de enfermidades como a tuberculose bovina, a brucelose bovina, ovina e caprina ou a esponxiforme bovina, coñecida popularmente como o mal das vacas tolas. Balseiros recordou que Pontevedra foi a primeira provincia peninsular en acadar ese status libre de tuberculose xa no 2019. Ademais incidiu, que este estado non significa que a tuberculose estea erradicada por completo no territorio, pero a súa presencia é mínima. Os casos que actualmente se detectan débense principalmente á entrada de reses procedentes doutros territorios ou danse en granxas onde houbo incidencia da enfermidade.

Cada ano realízanse máis de 50.000 inspeccións e 1,3 millóns de análise de todo tipo

Nesta comparecencia, a petición propia para abordar a sanidade animal en Galicia, Balseiros tamén destacou as máis de 50.000 inspeccións e controis anuais e os 1,3 millóns de análises de todo tipo realizadas polo Laboratorio de Sanidade Animal de Galicia, que reflicten un esforzo técnico notable por parte da Consellería. Porén, as críticas tanto do PSOE como do BNG, pola xestión dalgunhas das últimas crises recentes, como a da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), polos criterios seguidos para esixir baleirados sanitarios ou a falta de medidas para anticiparse ante posibles riscos, apuntan a unha realidade máis complexa.

A EHE: unha crise con consecuencias

A incidencia da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) en Galicia foi outra das doenzas que se abordou no Parlamento. A enfermidade vírica, que deixa unha clínica moi variada no gando, detectouse en Galicia no 2023, cando se contabilizan 624 positivos. Ó ano seguinte esta cifra cuadriplícase. Así, segundo detallou Balseiros, nun total de 2.232 granxas rexístranse máis de 5.300 animais positivos e prodúcense 730 mortes. Porén, o número de mortes difire do que se apuntara xa pola propia Consellería a finais dese ano, cando se contabilizaban 834 mortes.

A resposta da Xunta chegou en forma de axudas, cunha liña de compensacións polas mortes pioneira en España, que se convocou o 13 de decembro de 2024. Os importes desta orden foron insuficientes, polo que en xaneiro de 2025 Medio Rural convoca unha nova liña de axudas directas, con máis de 5,8 millóns de euros para completar a liña de 2024. Esta liña, aínda en plena tramitación previa ó ingreso das axudas ós beneficiarios, aporta unha maior compensación polas mortes (dos 400 aos 1.600 euros) e inclúe tamén os gastos por tratamentos veterinarios (100 euros por animal afectado) e as medidas de desinsectación (con 20 euros por animal censado). Balseiros anunciou tamén unha nova convocatoria a mediados deste ano para granxas que quedaran fóra da anterior orde.

O BNG recrimina a resposta tardía fronte á EHE e as contías das axudas, moi por debaixo do impacto económico que deixa a enfermidade

Con todo, tanto o BNG como o PSOE denunciaron a falta de planificación, a lentitude na resposta e a “opacidade” na xestión. A deputada Sonia Vidal (BNG) acusou á Xunta de ocultar datos e de minimizar a gravidade da crise: “A realidade é que en Galicia hai moitos casos sen ser oficiais. En plena explosión da enfermidade 7 de cada 100 vacas enfermaban, e 1 de cada 100 morría. En Ourense, cando xa estaban morrendo vacas chegouse a dicir que non había casos de EHE e ata 2 semanas despois non se fixeron protocolos”, denuncia Vidal.

A deputada nacionalista cualificou a nova liña de axudas directas de opaca e insultante. Afeou que non se informa de que os positivos oficiais serían a base do calculo para estas axudas que considera tamén insignificantes co exemplo dunha gandería de 25 vacas, con 5 afectadas e unha morta, cuxo gasto en tratamentos veterinarios ascendeu a 785 euros.

As axudas por EHE noutras comunidades

Pola súa banda, dende a Consellería reivindican a liña de axudas establecidas para EHE en comparación coas contías establecidas noutras comunidades autónomas. Así, en Asturias e Castela León a compensación por morte do animal é de 500 euros e en Madrid está entre os 500 e os 1.000 euros. Mentres noutras comunidades afectadas como Extremadura ou Castela A Mancha non hai compensacións por este motivo.

Para os tratamentos veterinarios por animal afectado, mentres en Galicia se chega ós 100 euros, en Asturias sitúase en 10-13 euros, Cantabria 25 euros, Castela Mancha 34 euros, Extremadura 35, Castela e León 10 euros e Madrid 24 euros. Mentres, os gastos de desinsectación, xa se inclúen nos gastos veterinarios na maioría das comunidades.

Lingua azul: vacinación pioneira, pero tamén cuestionada

En relación coa Lingua Azul, a Consellería destacou o seu plan de vacinación masiva iniciado en 2023, asumindo o 100% do custo e administración da vacina, cando a obrigatoriedade recaía sobre os titulares das granxas. Esta campaña proseguiu en 2024, cun investimento total nas dúas anualidades de 7,5 millóns de euros. Asemade, Medio Rural continúa vacinando de balde nas ganderías bovinas e ovinas que voluntariamente desexen vacinar os seus animais, tendo en conta que agora mesmo esta medida xa non é obrigatoria. Porén, tamén nesta área xurdiron críticas por falta de información e por erros nos procesos de vacinacións.

Baleirados sanitarios

Por último, Balseiros lembrou que, para compensar as perdas producidas aos gandeiros cando deben sacrificar animais no marco dos diferentes programas de erradicación de enfermidades, existen outros dous tipos de axudas, cun orzamento de máis de 1,4 millóns de euros para este 2025. Precisamente, dende o BNG recriminaron a rixidez dos protocolos, ó non admitirse contraprobas, nos baleirados sanitarios.

Dende o grupo socialista, a súa portavoz Lara Méndez, lamentou que dende a Consellería non se estea a facer un ‘diagnóstico real’ da situación e que non se poñan enriba da mesa medidas que definan a estratexia en materia de sanidade animal e coas que Galicia poida adiantarse a posibles ameazas que xa se están producindo en zonas próximas.

Así, mentres a Xunta insiste na súa aposta pola prevención e resposta sanitaria, o sector reclama máis apoio real, planificación estratéxica e transparencia na xestión.

Axudas á promoción do viño

Noutra orde de cousas, o director xeral anunciou, en resposta a unha pregunta sobre a cuestión, que a Consellería do Medio Rural está a piques de resolver a convocatoria de 2025 das axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países (fóra da UE).

Considerou ademais que a normativa que regula estas convocatorias debería ser menos esixente e contar cun orzamento maior, de xeito que poidan acollerse adegas e denominacións de orixe de menor dimensión, e así llo ten trasladado a Xunta en numerosas ocasións ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, segundo explicou Balseiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información