San Sadurniño volverá celebrar a Feira Rural o próximo sábado

San Sadurniño volverá celebrar a Feira Rural o próximo sábado

Tralo parón forzado de 2020, a Área de Desenvolvemento Local do concello de San Sadurniño recupera a xa tradicional Feira Rural de finais de agosto, que celebrará o vindeiro sábado, día 28, a súa duodécima edición.

Será unha cita adaptada á actual situación, cun programa un chisco máis reducido pero contando con todos os alicientes para converter a xornada nunha nova ocasión de descubrir todo o potencial que ten o medio rural. Volven, polo tanto, o concurso da froita autóctona, as visitas guiadas pola horta de froiteiras -con obradoiros de poda e enxertado- e polo colmear didáctico da Cortiña, o concurso da Raza Can de Palleiro, as exposicións paralelas, os sorteos… e, sobre todo, o mercado onde atopar produtos da terra, planta, maquinaria, artesanía e todo tipo de artigos de segunda man.

Os postos que desexen participar deben solicitalo antes das 14.00h do día 24 de agosto presentando no Concello ou na Sede Electrónica a folla de inscrición. O listado de expositores admitidos publicarase o día 25.

Unha das novidades desta edición, debida á situación sanitaria, é que a carpa principal terá un tamaño reducido e só acollerá a exposición da froita, os sorteos e os expositores da AGFA do Eume e da Casa do Mel, mentres que o resto de postos -alimentación, planta, maquinaria, artesanía e segunda man- deberán distribuirse polos sendeiros do arboreto da beira do Xubia.

O regulamento de participación establece varios tramos e prezos por metros liñais que se instalen. Entre 10 e 20 metros liñais serán 25€, entre 5 e 10 metros 10 euros e os de ata 5 metros de fronte terán que satisfacer unha cota de 5 euros. O pagamento deberá efectuarse nos días previos á feira, ben presencialmente na Casa da Cultura -con TPV- ou mediante ingreso ou transferencia bancaria na conta do Concello ES74/2080/0208/0131/1000/0059. Haberá que presentar o xustificante do ingreso no momento de acceder ao recinto. Con estes importes o Concello pretende cubrir parte dos custes de organización dunha cita que será gratuíta para as entidades sen fin de lucro.

A XII Feira Rural de San Sadurniño comezará pouco despois das 10 da mañá do sábado 28 de agosto no arboreto galego da Cortiña, e durante todo o día ofrecerá os produtos habituais de alimentación, planta, artesanía, maquinaria e segunda man, aos que se lle unen  visitas guiadas á horta de conservación Carlos Fornos -con obradoiros de poda e enxertado- e ao Colmear didáctico, o sorteo de vales para gastar no comercio local -un ao mediodía e outro pouco antes da clausura- e exposicións relacionadas co sector primario.

Outro dos atractivos da feira será a mostra e o concurso de froita autóctona organizado en colaboración coa AGFA do Eume para premiar os mellores lotes recollidos na comarca.

SADURNIÑO FEIRA 2

Como actividade paralela cómpre destacar o Monográfico sobre a Raza Can de Palleiro, que inclúe unha exposición de exemplares durante toda a xornada e un concurso morfolóxico a media tarde. Ademais tamén asistirá á feira o Mago Antón, quen ofrecerá sete pases ao longo do día do seu espectáculo “A volta a Galiza en 313 concellos”.

Quen veña pasar o sábado 28 a San Sadurniño coa escusa da feira poderá xantar polbo e churrasco a prezos populares, aínda que sempre se recomenda gozar da boa mesa local acudindo a algún dos restaurantes do concello, nos que é moi aconsellable reservar con tempo suficiente, especialmente nos que quedan máis preto da Cortiña, o Mesón A Granxa e O Muíño do Pepe. Outras posibilidades son o Mesón O Ferrador, Parrillada Riboira (en Lamas), Os Cazadores (Santa Mariña do Monte)- e Casa Casal (Igrexafeita). Tamén se pode vir de merenda e aproveitar algún dos recunchos que ofrecen o paseo fluvial, os xardíns municipais, o contorno do Convento do Rosario ou a área recreativa dos Currás (ao pé da piscina).

O desenvolvemento do programa da XII Feira Rural de San Sadurniño estará condicionado en todo caso á evolución da situación sanitaria, de modo que algunhas actividades se poderían ver modificadas e, de ser o caso, mesmo cabe a posibilidade de incorporar novas propostas nos próximos días.

PROGRAMA DA XII FEIRA RURAL DE SAN SADURNIÑO

10.00h Apertura da feira e exposicións: agroalimentación, artesanía, viveiros, maquinaría e 2ª man. Ficha de inscrición, condicións e prezos. A folla  deberá rexistrarse debidamente cuberta no Concello ou na Sede Electrónica municipal antes das 14.00h do 24 de agosto. 

10.30 a 13.30h Concurso da Froita Autóctona:
– Inscricións de lotes de froita para concurso de 10.30 a 11.30h na carpa principal
– Fallo do concurso da froita ás 13.00h.
– Entrega de premios ás 13.30h. (Agasallo dunha froiteira autóctona só por participar)
1º premio: Vale para consumo no comercio local valorado en 75 euros
2º premio: Vale para consumo no comercio local valorado en 75 euros
3º premio: Vale para consumo no comercio local valorado en 75 euros
Bases do concurso da froita

11.30h Primeira visita guiada á Horta de froiteiras autóctonas “Carlos Fornos” con obradoiro de enxertado.  Inscricións até o 26 de agosto ás 14.00h chamando ao 616 332 919
12.30h Primeira visita guiada ao Colmear didáctico. Inscricións até o 26 de agosto ás 14.00h chamando ao 616 332 919
13.45h Primeiro sorteo de vales para consumo no comercio local valorados en 40 euros. Os boletos entregaranse con cada compra e haberá que depositalos na urna que estará situada no expositor do Concello.
16.30h Concurso morfolóxico da Raza Can de Palleiro
17.30h Segunda visita guiada á Horta de froiteiras autóctonas “Carlos Fornos” con obradoiro de poda de verán. Inscricións até o 26 de agosto ás 14.00h chamando ao 616 332 919
18.30h Segunda visita guiada ao Colmear didáctico. Inscricións até o 26 de agosto ás 14.00h chamando ao 616 332 919
19.45h Segundo sorteo de vales para consumo no comercio local valorados en 40 euros e lotes de froita autóctona. Os boletos entregaranse con cada compra e haberá que depositalos na urna que estará situada no expositor do Concello.
20.15h Clausura da XII Feira Rural

Exposicións permanentes 10.30 a 20.00h.:

– Froita Autóctona da Asociación A.G.F.A. do Eume
– Apicultura da Asociación Casa do Mel de Goente
– Cociñas e enredos solares
– Exposición morfolóxica da Raza Can de Palleiro

Actividades paralelas:

– Durante toda a xornada, actuación do mago Antón co espectáculo “A volta a Galiza en 313 concellos”. Están programados sete pases, tres pola mañá e catro pola tarde cos seguintes horarios: 11.00h, 12.15h, 13.30h, 16.00h, 17.15h, 18.30h e 20.00h. As reservas deben facerse o mesmo día no lugar da actuación.
Expositor do Concello:
– Información turística e xeral sobre a feira, ademais de inscricións para as visitas guiadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información