San Sadurniño recupera os cursos de fruticultura e apicultura suspendidos pola crise sanitaria

Os talleres serán gratuítos para os veciños do concello e asociados das entidades colaboradoras. Ambos cursos terán parte teórica e práctica e de desenvolveranse nos meses de xullo e agosto

Publicidade
San Sadurniño recupera os cursos de fruticultura e apicultura suspendidos pola crise sanitaria

Traballos de mantemento na horta de conservación de variedades autóctonas "Carlos Fornos". // Foto: César Galdo.

O Concello de San Sadurniño (A Coruña), coa colaboración da Asociación Galega da Froita Autóctona (AGFA) e da Casa do Mel de Goente, volve lanzar as convocatorias formativas que quedaran suspendidas polo estado de alarma debido á crise do coronavirus. Celebrarán dous cursos que serán gratuítos para veciñanza empadroada en San Sadurniño, un deles centrado nos labores que cómpre facer neste momento nas árbores froiteiras e outro será unha iniciación no mundo do mel e as abellas.

O primeiro dos cursos que se celebrará será o de iniciación á apicultura, que se levará a cabo os días 4, 5, 11 e 18 de xullo en horario de 9:00 a 14:00 horas. Durante estas catro xornadas abordarán a bioloxía do enxame, o funcionamento da colmea e o papel de quen coida dela. Tamén se tratará a instalación do apiario, a flora melífera, así como a reprodución da colmea cos enxames e a saúde das abellas. A última xornada centrarase na produción e a comercialización do mel, pole, própole, xelea e cera.

A formación teórica impartirase na Casa da Cultura, aínda que esta ubicación está suxeita á dispoñibilidade nos primeiros días de xullo por mor dos actos da campaña electoral. As prácticas faranse no apiario da Cortiña. Ademais, está prevista unha visita á Casa do Mel de Goente.

O segundo curso, de Iniciación á fruticultura, celebrarase os días 10, 17 e 31 de xullo, 7 e 14 de agosto, en horario de 16:30 a 20:30h. Ignacio Bellas encargarase de impartir este curso impulsado por AGFA e dirixido a persoas que queiran iniciarse ou mellorar os seus coñecementos sobre a produción das árbores froiteiras. Nas sesións abordarán a morfoloxía, as técnicas de plantación e as tarefas de mantemento, poda e enxertado. A teoría darase tamén na Casa da Cultura e para as prácticas acudirase á horta de conservación “Carlos Fornos”. Unha das xornadas resérvase para visitar unha explotación froiteira.

Inscrición

Ambos cursos son gratuítos para os veciños de calquera parroquia de San Sadurniño. No caso do obradoiro de apicultura tamén será de balde para os asociados da Casa do Mel de Goente e no taller de fruticultura para os socios de AGFA tampouco terá custo. Mentres, para o resto de persoas interesadas en participar o prezo será de 40 euros en cada un deles. En ambos cursos será preciso contar cun grupo mínimo de 10 persoas para levar a cabo a actividade, que conta cun máximo de 20 prazas.

A inscrición no curso de apicultura deberá formalizarse antes das 12.00 horas do día 3 de xullo e para o taller de fruticultura o prazo para anotarse finaliza ás 14.00 horas do día 8 de xullo. En ambos casos a inscrición poderá facerse chamando ó 981 490 027, onde tamén lle facilitarán máis información sobre as actividades.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información