Suspendidas en San Sadurniño as xornadas ‘Apostando polo sector primario’

O Concello coruñés cancela o evento, previsto para este sábado, pola expansión do coronavirus en Galicia. Baralla facer parte das xornadas de xeito virtual máis adiante

Suspendidas en San Sadurniño as xornadas ‘Apostando polo sector primario’

Nas charlas estaba previsto abordar temas como a produción frutícola e apícola.

O Concello de San Sadurniño (A Coruña) decidiu cancelar as xornadas ‘Apostando polo sector primario’, previstas para este sábado 29 de agosto. O titular de Desenvolvemento local, Manolo Varela, comunicoulle xa aos poñentes e ás persoas inscritas a cancelación da xornada técnica ao redor do sector primario. “Fixemos unha avaliación técnica de seguridade específica para a COVID-19 e tras cotexar distintos aspectos, entre eles a procedencia de poñentes e participantes doutras áreas sanitarias, chegouse á conclusión de que o risco ante unha eventual exposición ao virus é demasiado alto nestes momentos, tendo en conta ademais que o perfil da maioría de asistentes, con idades que superan os 55 anos, entraría dentro dos considerados grupos de risco.”

Varela engade que a intención do seu departamento é manter o programa para máis adiante readaptándoo a un formato virtual. “Hai ferramentas que nos permiten organizar as charlas a través da rede, co que incluso poderiamos chegar a un público máis amplo. É algo no que estamos traballando e do que informaremos proximamente. Ben é certo que non será o mesmo, xa que a xornada tamén incluía visitas guiadas polo arboreto, a horta de froiteiras e o paseo fluvial, pero a día de hoxe é a mellor opción para non ter que sacrificar todo o programa”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información