San Sadurniño activa unha liña de axudas para plantacións de mazá autóctonas

As plantacións deberán ser das variedades Ollo mouro ou Príncipe e facerse dentro do municipio. As achegas ascenden ata os 2.000 euros. O prazo de solicitude está xa aberto e prolóngase ata o 17 de outubro

Publicidade
San Sadurniño activa unha liña de axudas para plantacións de mazá autóctonas

A variedade autóctona Ollo Mouro é unha das subvencionadas con esta liña de axudas.

O Concello de San Sadurniño volve ser referente na promoción do desenvolvemento rural cunha liña de axudas pioneira en Galicia coa que apoiar as plantacións de mazá autóctona. Esta liña de subvencións busca fomentar a recuperación das castes tradicionais e impulsar o seu cultivo como maneira de diversificar a economía local.

A intención do Concello é promover dentro do territorio municipal as plantacións de Ollo mouro e Príncipe, dúas castes tradicionais de gran sabor e boa conservación. “Estas variedades son case imposibles de atopar á venda, salvo en feiras e pequenos mercados de proximidade e aínda así en moi pouca cantidade malia ser tipos de mazá habituais en moitas hortas da comarca”, comenta o responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela.

“Estas variedades están perfectamente adaptadas ao terreo e teñen un gran potencial para atender o consumo local e o máis lonxano, só fai falla promover plantacións ben planificadas que poidan empezar a producir a medio prazo. Estas variedades teñen un gran futuro para o consumo en fresco ou para a súa transformación en marmeladas, zumes e sidras, como estamos vendo no centro de transformación A Fusquenlla”, reivindica o concelleiro.

Presentación de solicitudes

As axudas poderán solicitarse presentando debidamente cuberto o modelo que figura como anexo ás bases. Deberán facerse constar os datos persoais e de contacto, ademais das referencias catastrais das leiras onde se van poñer as maceiras e a superficie total que se pretende dedicar ás novas plantacións.

Tamén se deberá acompañar a petición dunha reportaxe fotográfica do estado previo das parcelas -sacadas como máximo un mes antes da solicitude- onde en ningún caso pode haber maceiras das dúas variedades obxecto da subvención.

A convocatoria municipal diríxese a subvencionarlles ás persoas físicas (as axudas están pensadas para particulares) a compra de planta de Ollo mouro e/ou Príncipe en portainxertos MM-106. Neste sentido establécese que cada persoa só poderá presentar unha solicitude para plantar un mínimo de 1.000 e un máximo de 4.000 m². Porén, nas bases puntualízase que, en principio, só poderá elixirse unha das variedades e que para obter subvención para as dúas será necesario plantar polo menos 2.000 metros cadrados de cada unha delas.

En calquera caso, sexa Ollo mouro ou sexa Príncipe -ou as dúas-, os marcos de plantación terán que ser, como pouco, de 4×4 metros, cos que se asegura un correcto desenvolvemento das árbores e un bo equilibrio produtivo, ademais de facilitar a mecanización dos labores de mantemento e colleita.  O importe subvencionable será de 10 euros por planta -se a superficie total non é múltiplo de 1.000, aplicarase unha regra de tres- até un máximo de 2.000 euros por solicitude.

A valoración das peticións farase outorgando ata 50 puntos: 20 por ter empadroamento en San Sadurniño desde polo menos tres meses antes da convocatoria das axudas e ata 30 puntos máis dependendo do número de persoas que compoñan a unidade de convivencia (dúas, 10 puntos; tres, 20 puntos; catro ou máis, 30 puntos).

A axuda, unha vez concedida, terá que xustificarse no prazo de dous meses despois de recibir a notificación. Esa xustificación requirirá presentar, por unha banda, o documento no que se faga constar a compra da planta e, por outra, a folla á que se lle deberá adxuntar unha pequena reportaxe fotográfica sobre como quedou a plantación. Neste último anexo tamén se terá que facer constar se se percibiron outras axudas coa mesma finalidade, sempre sen superar o 100% do custe total.

Até o 17 de outubro para solicitar

O prazo para presentar solicitudes está xa aberto dende este mércores día 18 de setembro e será dun mes, polo que o último día para presentar as solicitudes será o 17 de outubro. O trámite poderá facerse de xeito presencial no Rexistro Municipal, a través da Sede Electrónica ou polos medios válidos admitidos na normativa que regula as relacións da cidadanía coas Administracións públicas.

Documentación 

– Convocatoria de axudas á plantación de maceiras.
Anexo I Solicitude
Anexo II Declaración responsable
Anexo III Xustificación da adquisición
Anexo IV Xustificación da plantación

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información