San Sadurniño acolle a XXVIII Feira da Plantación o 27 de abril

A xornada estará dedicada ao mundo vexetal e ofrecerá plantas, artesanía, gastronomía e diferentes actividades

Publicidade
San Sadurniño acolle a XXVIII Feira da Plantación o 27 de abril

Feira da Plantación do 2024.

O Concello de San Sadurniño ten xa todo preparado para a celebración da XXVIII Feira da Plantación, que terá lugar o domingo 27 de abril no arboreto da Cortiña, xunto ao paseo fluvial do Xubia.

O evento, organizado pola área de Desenvolvemento Local e coa colaboración da Deputación da Coruña e da empresa Vivergal, converterá de novo o municipio nun referente do xardín, da horta e do cultivo, cunha ampla oferta de produtos e actividades.

A feira abrirá os seus postos ás 10:00h, onde se poderá atopar unha gran variedade de plantas ornamentais, herbas aromáticas, sementes, árbores e planta para morteiros. Tamén haberá maquinaria, ferramentas e útiles para o traballo na terra. Ademais, nos sendeiros da Cortiña ofreceranse produtos alimentarios de proximidade e artesanía relacionada co mundo vexetal.

Os postos de venda teñen prazo ata o 15 de abril para solicitar espazo expositivo. Este ano o Concello introduciu cambios no regulamento, esixindo que os produtos ecolóxicos estean certificados polo CRAEGA e que a artesanía conte coa inscrición no rexistro da Xunta de Galicia.

A feira contará tamén cun amplo programa de actividades complementarias. Haberá obradoiros infantís, demostracións de arte floral con sorteos de ramos ás 14:00h e ás 19:45h, e animación musical durante toda a xornada a cargo do grupo Vai Rañala Meu.

Ademais, na feira poderanse coñecer as rochas do Xeoparque do Cabo Ortegal da man do xeólogo Fran Canosa e degustar produtos elaborados pola Fusquenlla, que contará cun posto propio. Estes produtos tamén formarán parte das receitas que preparará en directo a cociñeira Naír González, do restaurante Muelle 43.

PROGRAMA

10:00h. Apertura de postos.

De 11:00h a 16:30h. Demostracións de Arte Floral.

12:30h. Obradoiro infantil (4 a 12 anos) de bombas de sementes “Nendo Dango”. 20 prazas dispoñibles. Inscricións no posto do Concello.

12:30h. Primeira sesión de cociña en directo con degustación.

17:30h. Obradoiro infantil (4 a 12 anos) de tintes naturais. 20 prazas dispoñibles. Inscricións no posto do Concello.

18:00h. Segunda sesión de cociña en directo con degustación.

Ás 14:00 e 19:45h. Sorteo de ramos e centros florais.

  • As rifas, que se entregarán con cada compra, haberá que depositalas na urna da carpa principal. Os sorteos serán presenciais ata que apareza a persoa premiada.

20:00h. Clausura da XXVIII Feira da Plantación

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información