San Sadurniño abre o prazo para participar na Feira Rural do 29 de agosto

A inscrición para montar un posto permanecerá aberta ata o 16 de agosto e o Concello ultima a programación dunha cita que volverá reunir produción agroalimentaria, artesanía e actividades arredor do medio rural

San Sadurniño abre o prazo para participar na Feira Rural do 29 de agosto

MERCADO SADURNINHOO Concello de San Sadurniño abriu o prazo de inscrición para participar na Feira Rural, que volverá celebrarse o sábado 29 de agosto nos sendeiros da Cortiña. A convocatoria permitirá que produtores, artesáns, viveiros e entidades do territorio reserven o seu espazo nun evento que se consolidou como un dos principais escaparates da actividade económica e social do rural na comarca.

As solicitudes poderán presentarse ata o 16 de agosto, tanto de forma presencial —no caso das persoas físicas— como a través da sede electrónica municipal, trámite obrigatorio para as persoas xurídicas. A organización prevé repetir o formato das últimas edicións, cun protagonismo especial para a produción agroalimentaria de proximidade, a artesanía e o concurso da froita autóctona, ademais dun programa de actividades paralelas que aínda está en preparación.

Cada expositor poderá solicitar un espazo máximo de dez metros lineais por cinco de fondo. As tarifas establecidas son de 10 euros para os postos de ata catro metros de frontal e de 25 euros para aqueles que ocupen entre cinco e dez metros. As entidades sen ánimo de lucro poderán participar de balde, sempre que non superen os cinco metros de frontal.

A maiores, quen precise subministración eléctrica deberá aboar un suplemento de 15 euros. Os postos de alimentación, artesanía e viveiros que non dispoñan de infraestrutura propia tamén poderán solicitar ao Concello a instalación dunha carpa, cun custo de 100 euros para as de tres por tres metros e de 150 euros para as de cinco por cinco. Pola súa banda, manter o vehículo xunto ao posto durante a feira por necesidades de reposición ou conservación da mercadoría terá un recargo de 20 euros.

O formulario de inscrición incorpora a aceptación das normas de participación, entre elas a obriga de respectar os horarios de montaxe, manter o posto aberto ata, cando menos, as 20.00 horas e responsabilizarse da limpeza do espazo ocupado e da correcta xestión dos residuos xerados durante a xornada.

No caso dos produtos ecolóxicos, será necesario achegar a correspondente certificación oficial, mentres que os artesáns deberán acreditar a súa inscrición como obradoiro artesán e presentar imaxes representativas dos produtos que poñerán á venda.

O Concello fará pública a listaxe de postos admitidos o 24 de agosto. A partir desa data, as persoas seleccionadas deberán formalizar o pagamento da cota correspondente para completar a inscrición e poder acceder ao recinto feiral na mañá do 29 de agosto.

A Feira Rural de San Sadurniño converteuse nos últimos anos nun punto de encontro entre produtores, artesáns e consumidores, ademais dun escaparate para o potencial do medio rural e dos proxectos ligados ao territorio. A organización agarda repetir nesta edición unha elevada participación tanto de expositores como de público.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información