Sairá a carne galega mal parada tralas negociacións de Mercosur e México?

Un dos retos que se lle presenta ás gandarías de carne de Galicia a curto-medio prazo son as negociacións que Europa está a ter cos mercados latinoamericanos

Sairá a carne galega mal parada tralas negociacións de Mercosur e México?

As negociacións cos mercados de México e Mercosur son un dos desafíos que se lle presentan ás gandarías de carne de Galicia, tal e como explicou o técnico de Cooperativas Agroalimentarias de España, Fernando de Antonio, nunhas recentes xornadas de vacún organizadas pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) en Lugo. Os acordos de Europa cos principais mercados latinos amósanse como un factor determinante que lle pode carrexar consecuencias directas ós gandeiros galegos, ó incrementarse a entrada en Europa de carne.

As negociacións de Europa en materia de exportacións e importacións con estes mercados comprenden un amplo abanico de mercadorías, polo que as restricións de determinados produtos podería derivar en concesións noutros. “O problema é que España é produtor de boa parte dos produtos que tamén entrarán desde estes mercados, polo que é case inevitable que algún deles saia malparado. É difícil que España teña unha postura clara, porque ten de todo”, explica Fernando de Antonio.

A carne no punto de mira de ámbolos mercados

Ámbolos acordos atópanse xa nunha fase avanzada das negociacións e sobre a mesa figuran concesións e peticións sobre a entrada de carne de vacún, porco e aves de curral.

Negociacións en México

En liñas xerais mantense unha elevada reciprocidade, especialmente en sectores importantes como o porco, con plena liberalización fóra de dous produtos: o lombo e o xamón.

No vacún de carne, o país latinoamericano solicitou poder introducir en Europa unha cota de 20.000 toneladas con baixos aranceis. Aínda que inicialmente a UE rexeitou rotundamente esta proposta, México converteuna nun punto transcendental do acordo, chegando a ameazar con romper as negociacións. Mentres, a UE ten moito interese nas exportacións a México de leite, porcino, froitas, hortalizas frescas e aceite de oliva. Ata agora o país azteca vinculou as concesións nos produtos lácteos a concesións equivalentes en carne de vacún.

Tamén está sobre a mesa a liberación total das exportacións de zume de laranxa e en canto ás denominacións de calidade, parece estar a piques de alcanzarse un acordo para garantilas.

Negociacións en Mercosur

A UE busca con estas negociacións acceder ó mercado de automóbiles, exportación de bens de equipo e leite pero os produtos que, novamente, poden saír prexudicados serían a carne de vacún e aves de curral, ademais de produtos agrícolas. As concesións por parte de Europa nestes sectores son a clave para permitir as exportacións de automóbiles e recambios.

Para tentar frear ou polo menos controlar a entrada de vacún en Europa, está a barallarse unha cota pola que non se superen as 100.000 toneladas. Neste punto negóciase para que tamén se poida incluír a coñecida cota Hilton, que permite xa a entrada dunhas 58.000 toneladas de carne de gran calidade.

A clave será o proceso de ratificación que se ten que levar a cabo en todos os parlamentos. O acordo posiblemente entraría en vigor no 2020 e a maioría dos continxentes arancelarios poderían aplicarse en 2026/2027.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información