O Consello da Xunta avaliou o proxecto de acordo que permitirá publicar a aprobación e apertura do proceso de concorrencia competitiva para acceder ás parcelas do polígono agroforestal situado no concello ourensán de Cualedro.
Esta iniciativa, desenvolvida ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria, suporá a mobilización de 64 hectáreas, distribuídas en 72 parcelas pertencentes a 70 titulares catastrais. A actividade principal prevista neste polígono será a gandaría en extensivo.
As parcelas destinaranse ao aproveitamento de vacún de carne, gando porcino, ovino e cabrún. Como actividade secundaria, a zona tamén se considera axeitada para o cultivo agrícola e a plantación de árbores froiteiras.
As persoas interesadas en alugar ou mercar unha parcela deberán cumprir unha serie de requisitos. Estes inclúen criterios de solvencia económica, técnica e profesional, así como garantías para asegurar o mantemento das propostas. Ademais, establécense criterios de avaliación para seleccionar as mellores ofertas e defínense as obrigas dos participantes e futuros adxudicatarios.
Está previsto que a convocatoria se publique no Diario Oficial de Galicia o luns 28 de abril. A partir do día seguinte abrirase un prazo de 15 días hábiles, entre o 29 de abril e o 20 de maio, para presentar propostas de actuación. As solicitudes deberán formalizarse a través da sede electrónica da Xunta.
A actuación en Cualedro insírese nunha estratexia máis ampla promovida pola Lei de recuperación da terra agraria. Na actualidade, existen 34 polígonos agroforestais en distintas fases de execución en Galicia, que abranguen un total de 9.532 hectáreas distribuídas en 31.598 parcelas pertencentes a 9.220 propietarios.
Esta normativa promove a recuperación de terras abandonadas ou infrautilizadas mediante instrumentos como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, as permutas de especial interese agrario e as agrupacións forestais de xestión conxunta.
Todas estas figuras teñen como obxectivo a reactivación do uso produtivo da terra, a xeración de emprego, o impulso da economía local e a prevención de incendios forestais. A elas súmanse as reestruturacións e concentracións parcelarias, que xa abarcan máis de 100.000 hectáreas en Galicia.