Sadepor: carnes e embutidos con ADN galego

A empresa coruñesa Sadepor é un dos referentes do sector en Galicia, sobre todo en carnes de porcino e na elaboración de chourizo galego, o seu produto estrela. Veñen de incorporarse ao certificado de Galicia Calidade para reforzar a súa filosofía de aposta polo produto autóctono

Sadepor: carnes e embutidos con ADN galego

Chourizo Sadepor

Elaborar produtos cárnicos de calidade a partir de porcos criados en Galicia e mantendo os procesos de elaboración tradicionais. Esa é a filosofía coa que naceu en 1979 a empresa coruñesa Sadepor e que hoxe en día lle permitiu posicionarse como un referente en Galicia no sector da carne fresca e dos embutidos.

O seu fundador foi Remigio Varela, un emprendedor procedente dunha familia vinculada co sector porcino, que decidiu empezar a aplicar as técnicas modernas de elaboración e distribución a un sector daquela moi familiar e vinculado ao autoabastecemento. Hoxe en día Sadepor é unha empresa que factura máis de 15 millóns de euros e da emprego directo a 55 persoas.

Sadepor centra a súa actividade na elaboración e comercialización de produtos cárnicos de porcino, aínda que nos últimos anos ampliou a súa oferta a carnes de tenreira, cordeiro e aves. Na súa sala de despece do Polígono da Grela, na Coruña, elaboran distintos tipos de pezas de carne fresca (lombos, lacóns, costela…etc).

No ano 1991 a empresa decidiu ampliar a súa actividade coa creación de Embutidos Obradoiro, en San Xoán de Calo (Teo), dedicada á elaboración de produtos curados, como panceta ou lacón. Sen embargo, o seu produto estrela é o tradicional chourizo galego, nas súas variedades picante ou tipo pincho.

“O chourizo galego é o noso produto estrela, cun afumado que é o noso toque segredo”

“É o produto que máis alegrías nos está dando, tanto no mercado galego como no español”, recoñece Pablo Varela Fondo, director comercial de Sadepor e que coa súa irmá Susana Varela Fondo, xerente da empresa, veñen de tomar o relevo para continuar coa tradición familiar.

Pablo Varela salienta que “a clave está en utilizar unhas canais de porcino de primeira calidade, criadas en Galicia, e nós non facemos máis que elaborar os embutidos de forma tradicional pero co noso toque segredo de afumado”.

A procedencia da carne de porcino de explotacións galegas e a esixencia de garantías de calidade no proceso de cría dos porcos é un dos aspectos que máis poñen en valor en Sadepor.

Neste sentido, Susana Varela, a xerente, destaca que “o noso pai sentíase moi orgulloso da calidade da carne do gando criado en Galicia e da necesidade de poñela en valor para que a apreciase o consumidor, e nós queremos continuar con esa filosofía”.

Así, todos os produtos cárnicos de porcino de Sadepor contan con certificado de calidade UNE ISO 9001-2000. Ademais, dende o ano 2000, a empresa mantén unha alianza comercial estratéxica co Grupo Coren para a produción e distribución dos produtos, o que permitiu ás dúas empresas crecer en mercados doutras comunidades autónomas, como Castela e León, País Vasco, Cataluña, ou en Portugal.

Para este ano, o obxectivo de Sadepor “é seguir medrando, cun incremento dun mínimo dun 3% en facturación, e seguir desenvolvendo novos produtos para adaptarnos ao que nos demandan os clientes”. O seu outro reto é incrementar as exportacións fóra de España, que na actualidade representan menos do 3% das vendas.

Incorporación a Galicia Calidade

O último paso desta empresa cárnica é a súa recente incorporación ao selo de garantía de Galicia Calidade. Sadepor poderá incluír na súa etiquetaxe e durante os próximos tres anos o selo para os produtos de carne de porco criado en Galicia e para o chourizo Sadepor.

Para Pablo Varela a decisión de sumarse a este selo de calidade “foi un proceso natural porque coincide plenamente coa filosofía de Sadepor: a marca Galicia vai no noso ADN e é o que nos diferencia nun mercado competitivo e complexo”.

Pola súa parte, Susana Varela conclúe que “a aposta polo porcino criado en Galicia, pola calidade e polos profesionais galegos foi o que impulsou a Sadepor durante 37 anos e fíxenos ser o que somos e con iso queremos continuar”.

 

Elaboración artesanal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información