Logo de que no último ano houbera unha importante suba de prezos do piñeiro en monte, o mercado de coníferas está a entrar nunha nova fase. Polo de agora, a percepción xeralizada no sector é a de que na madeira en verde, mantéñense os prezos e as cortas dos lotes mercados ao longo do ano, pero estanse ralentizando novas compras. A cuestión é que serradoiros e industrias enfócanse estes meses na corta e saca da madeira queimada no verán, tanto en Galicia como na veciña Zamora.
En conxunto, entre Ourense, Lugo e Zamora hai decenas de miles de hectáreas de piñeiros queimados que hai que retirar o antes posible do monte, pois canto máis tempo permaneza esa madeira sen cortar, máis se devalúa polo ataque de insectos xilófagos e de fungos, como o do azulado. Esa saca e corta de madeira queimada está en pleno proceso, o que distorsionará o mercado unha tempada.
Un segundo factor que introduce incertidume de cara ó 2023 é a incógnita sobre a evolución do mercado da madeira a nivel estatal e internacional. Nas coníferas do norte de Europa, os prezos de produtos de referencia, como a viga laminada, desplomáronse nos últimos meses, pero en Galicia, sen embargo, o mercado aguanta polo de agora os prezos en monte.
Galicia sostén o mercado de coníferas
A clave para a madeira galega é que mantén forte un dos principais destinos, o de palés e embalaxes.A iso hai que engadirlle novos usos de maior valor engadido para a madeira serrada en Galicia, como o CLT (Cross Laminated Timber), empregado na construción, ou a madeira termotratada, que contribúen a soster prezos en monte para a madeira de calidade.
“En termos reais, podemos dicir que a madeira de piñeiro en Galicia non só mantén prezos, senón que incluso seguiu subindo nos últimos meses, pois a pesar de que os custos de explotación forestal aumentaron, pola suba do combustible, a madeira en monte non se viu afectada no prezo”, destaca o director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos, que onte presentou o informe da cadea forestal – madeira 2022.
Un dato que reflicte o bo momento do mercado apuntábao recentemente nun acto o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, que detallou que se adxudicara un rareo de piñeiro silvestre nun monte de xestión pública de Ourense a un prezo, a resultas de medición, de 40 euros / tonelada.
Un rareo de piñeiro silvestre en Ourense adxudicouse, a resultas de medición, a 40 euros a tonelada, o que proba o excepcional momento de prezos das coníferas
Desde a Federación de Aserraderos de Galicia (Fearmaga) confirman a estabilidade do mercado de coníferas en prezos, pero advirten da incertidume do 2023, pois factores como a suba do interese das hipótecas están a lastrar ó sector da construción e introducen temor nos compradores tradicionais.
En consecuencia, se a construción decae prevese un efecto en cadea sobre boa parte da cadea forestal, tanto a nivel de primeira transformación (taboleiros, madeira serrada) como da segunda transformación (mobiliario).
Freo ás vendas de madeira en verde
No tocante á situación en monte, desde a Asociación Forestal de Galicia (AFG) sinalan que hai que esperar a que se desfaga o actual ‘tapón’ de madeira para comprobar o escenario. “Hai moita madeira comprada e moita madeira queimada pendente de saca. En consecuencia, nestes momentos é complicado vender madeira, sobre todo se falamos de lotes pequenos ou de rareos”, subliña Xosé Covelo, responsable de comercialización de madeira na AFG.
Sobre os prezos, Covelo indica que “estamos vendo que os prezos son bos, pero non tan bos como en meses anteriores. Detectamos máis oscilacións de prezos entre madeireiros, probablemente en función dos seus compromisos de suministro e de cuestións loxísticas. Continúan ofrecéndose prezos bos pola madeira, xunto con outros non tan bos”.
Con todo, a Asociación Forestal pechou aínda recentemente a venda dun lote de madeira cun prezo de 62 euros en pé / tonelada (sen Ive) para troncos de máis de 20 centímetros.
Devaluación da madeira queimada
Un dos puntos negros dos grandes incendios do verán foi o Courel, onde permanecen miles de hectáreas de piñeiros pendentes de corta e saca. É unha madeira na que as comunidades de montes xa asumiron que van perder cartos, pois teñen que vendela o antes posible nun momento marcado pola sobreoferta.
“En montes que xa saíron a subasta, os prezos medios rondaron os 17 euros / tonelada, falando sempre de madeira en diámetros comerciais” -explica o enxeñeiro forestal Marcos Ferreira, que traballa con comunidades de montes do Courel-. “En función do lote, o prezo pode oscilar nun arco entre 8 euros e algo máis de 20”, precisa.
No Courel, a madeira queimada está saíndo a prezos que rondan os 17 euros / tonelada
Sobre a devaluación que experimentou a madeira queimada, Marcos confirma a situación. “Para que te fagas unha idea, antes dos incendios tiñamos un lote de madeira verde pendente de sacar a poxa no que esperaba lograr arredor de 35 – 40 euros / tonelada. Despois do incendio, vendémolo en 24 euros / tonelada”, explica.
“Hai varios factores para explicar esta baixada de prezos. Primeiro, trátase dunha madeira afectada polo incendio, co que perde algo de valor. En segundo lugar, a comunidade de montes ten que vender si ou si, e aínda que pense que a madeira vale máis, ten que vendela polo mellor prezo que lle ofrezan. En terceiro lugar, hai unha sobreoferta de madeira queimada no mercado, e iso repercute en baixadas de prezo”, enumera Marcos.
En canto ós montes de xestión pública, por convenios da Xunta coas comunidades de montes, desde a Administración sinalan que as primeiras poxas de madeira afectada polos lumes en Lugo e na Coruña tiveron boa demanda e acadaron bos prezos medios, se ben o mercado estase ralentizando as últimas semanas, con menos compradores interesados na madeira e mesmo con algunhas poxas desertas en Ourense. Nas próximas semanas, a Xunta sacará novos lotes a subasta, tanto no Courel como na provincia de Ourense.
O eucalipto continúa forte pero espérase que a pasta de papel reduza cotizacións no 2023
Os prezos dos lotes de eucalipto globulus continúan en arredor de 32 – 34 euros / tonelada (madeira en pé sen Ive e con casca), segundo os datos da Asociación Forestal de Galicia. No caso do eucalipto nitens, son 6 euros menos. É un escenario positivo de prezos, derivado en parte das altas cotizacións que acadou a pasta de papel. Para este ano, espérase unha media de cotizacións en Europa de 1.280 dólares / tonelada.
“A pasta podería continuar a tendencia á alza no primeiro trimestre do 2023, pero logo os analistas internacionais esperan unha baixada progresiva ata o 2025”, sinala Juan Picos. As estimacións internacionais apuntan a que a pasta podería chegar a baixar dos 1.000 dólares / tonelada no 2024, para volver a remontar no 2025 por riba desa cifra.
En calquera caso, son altos prezos para a pasta de papel que lle deixan a Ence sustanciosas marxes netas de beneficio. A empresa benefíciase ademais da devaluación experimentada polo euro, que nos últimos meses equiparou o seu cambio co dólar. “Ao ser os principais competidores de Ence sudamericanos, perden competitividade no mercado internacional”, sinala Picos.
Se o dólar se mantén forte e a evolución das cotizacións da pasta de papel segue as previsións, os prezos do eucalipto en Galicia non se deberían ver afectados, pois a prima que abona Ence ligada ó prezo da pasta de papel (3 euros) só se reduce no caso de que esa cotización baixe dos 900 euros / tonelada.
A cadea forestal continúa no 2022 en cifras récord de facturación