“Rusticidade, xenética e capacidade de crecemento foron o que me levou a optar polas fleckvieh”

Coñecemos Aires de la Bureba, unha explotación de vacas de raza fleckvieh de aptitude cárnica situada na provincia de Burgos. O seu dono, Aitor Matute, asesorouse con Ganados Barreira Bascuas e con geneticAustria para poñer en marcha un proxecto único na zona que conta con exemplares de altísima xenética procedentes de Austria. O seu obxectivo é ampliar cada vez máis a cabana e producir para vida e para carne.

AITOR BUREBA

Aitor Matute Rubio leva só uns meses manexando o seu rabaño de vacas fleckvieh de alta xenética no municipio burgalés de Santa María del Invierno, na comarca burgalesa de La Bureba. Malia ser unha zona onde a principal actividade gandeira é a cría de ovellas e onde as vacas que máis abundan son as mestizas ou as casinas, este mozo apostou dende o principio pola raza pura fleckvieh.

Asesorado por Ganados Barreira Bascuas, desprazouse ata Austria para coñecer os exemplares que mellor podían adaptarse ao seu proxecto. No país centroeuropeo puido valorar os animais e os programas de geneticAustria e dende entón traballa con esa empresa tanto na compra das vacas como en cuestións de manexo, alimentación e xenética.

O RABAÑO E A SÚA XENÉTICA

“O principal motivo para optar polas fleckvieh foi a súa rusticidade. Son animais que aguantan ben o frío desta zona, que se adaptan aos pastos dispoñibles e que consumen sen problema e con excelentes resultados todo o que cultivamos aquí. Dende a cebada moída ata a esparceta ou a veza. Que collan quilos e infiltren graxa sen ter que utilizar concentrados é unha enorme vantaxe sobre outras razas.”, explica Aitor.

A día de hoxe, este xoven gandeiro manexa un rabaño de 70 animais, dos que 35 son nais reprodutoras. Sen embargo, a intención é ampliar a cabana. Para eso está a mercar diferentes terreos nos tres pobos lindeiros co seu e xa ten en mente alugar con dereito a compra unha nave de 1.000 m² para convertela en cebadeiro.

O traballo xenético foi básico dende o inicio. “Dado que trouxen exemplares de alto valor xenético, quero manter esas liñas. Así, xa cando comencei adquirín un touro reprodutor da gandería de Raimund Kreil, un dos máis prestixiosos criadores austríacos de fleckvieh, que cría na zona de Weng, na Alta Austria.”

As fleckvieh adáptanse perfectamente ás condicións desta zona e aliméntanse cos diferentes cultivos de La Bureba (Aitor Matute, Aires de la Bureba)

Polo de agora, en La Bureba non hai especialistas en sanidade, xenética e nutrición das fleckvieh. “Eso non é un problema xa que contamos con visitas periódicas de técnicos de geneticAustria e de Barreira Bascuas que nos aclaran calquera cuestión. E, se hai algo urxente, póñense a disposición dos técnicos de aquí para solucionar calquera problema.”

Coa mediación de Barreira Bascuas e geneticAustria, ademais do touro fíxose con dúas vacas preñadas das de mellor cualificación xenética que hai no mercado. “As crías que naceron desas dúas vacas foron machos e van quedar de sementais na explotación porque, xa dende que naceron, se lles percibe que van dar moi bo resultado”, di Matute.

A diferencia do que sucede con outras razas, os exemplares de alta xenética fleckvieh non precisan duns coidados especiais nin dun manexo delicado. Precisamente a rusticidade, docilidade e capacidade de adaptación son parámetros xenéticos moi valorados nas fleckvieh. Outro rasgo das vacas que introduciu Aitor é que xa veñen sen cornos ao nacer, co que non se mancan unhas as outras. Son animais homocigotos que xa traen esa característica.

A comunicación con Barreira Bascuas e geneticAustria é constante dende que comencei co proxecto, no que foron decisivos

Nesta gandería utilizan un sistema de colares que funcionan como balados electrónicos -no canto dos tradicionais arames- para que as vacas se manteñan na zona que teñen destinada a pasto en cada momento. “A docilidade destes animais é impresionante en calquera manexo. Pero cos colares aínda máis. En canto notan o primeiro sonido e a primeira descarga, actúan coma os cans, fas con elas o que queiras e lévalas onde desexes.”

O pastoreo mediante colares electrónicos é unha aposta firme de Aires de la Bureba

O pastoreo mediante colares electrónicos é unha aposta firme de Aires de la Bureba

COMERCIALIZACIÓN E PLANS DE FUTURO

Polas características da cabana actual, Aitor ten dúas opcións de comercialización. Unha é a venda para vida. Todos os exemplares -tanto machos coma femias- contan cunha extensa carta xenealóxica e documentación acreditativa. Esta é unha opción moi interesante porque a fleckvieh é unha raza en auxe en España e só no que vai de ano geneticAustria xa enviou a ganderías españolas arredor de 500 animais.

A outra posibilidade é vender os xatos para matadoiros. “Por exemplo, Barreira Bascuas pode vir e recoller todos os xatos de catro meses. Agora mesmo estanse pagando moi ben. Ou podo aguantalos máis e facerlles un cebadeiro en campo. Póñolles nos terreos unha tolva con cebada moída e coloco un balado metálico cunha anchura calculada para que os xatos poidan entrar á tolva pero as vacas non.”

Estes animais, de altísima xenética austríaca, teñen moita saída en venda para vida pola súa rusticidade e docilidade.

Unha terceira opción pasaría por rematar o engorde dos animais nese cebadeiro que teñen pensado para o futuro. En resumo, as fleckvieh de Aitor irían ou para vida ou para matadoiros, sen ter que negociar con carnicerías, restaurantes ou coa distribución. Esas canles quedarán para cando a cabana estea moito máis dimensionada.

SUPERFICIE, MANEXO E ALIMENTACIÓN

Para alimentar as súas vacas, este gandeiro conta con máis de 500 hectáreas de terreo. Durante a primavera, os animais pacen sen comer nada máis ca pasto. Cando o pasto seca, sérvenlles palla de cebada que cultiva a familia e outros cultivos como a veza, que poden colleitar eles ou que poden mercar na zona a un prezo moi baixo, duns 95 euros a tonelada. Por outro lado, tamén se colleita trigo e os animais comen o rastrollo que queda unha vez recollido.

As zonas onde pacen as fleckvieh de Aires de La Bureba están situadas na contorna do Puerto de la Brújula e a unha altitude duns 1.000 metros sobre o nivel do mar. Unha contorna que, segundo os técnicos de geneticAustria, lembran a certas zonas de Austria e que, pola súa ventilación e salubridade, mantiveron a raia enfermidades como a EHE.

O emprego de colares electrónicos fai máis cómodo pero tamén máis efectivo o pastoreo. E as fleckvieh adáptanse a eles dende o primeiro día.

Aitor insiste no seu particular modelo de pastoreo. “Eu emprego colares electrónicos que me permiten manexar o rabaño dende o teléfono móbil. Porque guío as vacas ata onde quero que pasten en cada momento. Tamén é certo que podo facelo por ter as 500 hectáreas concentradas. Noutras zonas non sería posible.”

A decisión de Aitor de quedar no campo viuse recompensada ao ter acceso a esas 500 hectáreas, que son de titularidade pública. Por ser oriundo do pobo, menor de 40 anos e o único aspirante puido conseguilas e poñer en marcha o proxecto.

O rabaño de Aitor pace en zonas elevadas e moi ventiladas que reforzan a súa saúde

O rabaño de Aitor pace en zonas elevadas e moi ventiladas que reforzan a súa saúde

“Eu movinme para conseguir o terreo que manexo e cumprín todos os requisitos que se me pediron. Porque aquí non é fácil o acceso á terra. Por cada leira que queda libre hai numerosos aspirantes a facerse con ela. Estanse chegando a pagar 500 euros por hectárea ao ano. Algo desproporcionado, ao meu xuízo. Eso si, as terras de pasto non as quere case ninguén. Porque a agricultura é menos traballosa que a gandería.”

La Bureba, e máis aínda a área na que opera Aitor é rica en mananciais, de xeito que a auga non debera supoñer un problema para que os pastos estean hidratados e para que as vacas poidan beber. Con todo, o gandeiro solicitou á Confederación Hidrográfica del Ebro permisos para ubicar puntos de toma e que os animais poidan beber en diferentes zonas.

A fauna salvaxe sempre constitúe unha preocupación nas explotacións gandeiras. No caso de Aires de la Bureba tiveron un ataque de lobo que lles matou dous becerros. “Daquela retirei tres mastíns que tiña nunha finca pechada vixiando galiñas e paseinos para onde as vacas. Dende entón, non houbo máis problemas co lobo.” O xabaril está presente na zona pero non causa danos máis alá de pequenos buratos nalgunha parcela.

PROXECTOS E CONDICIONANTES

Outra idea na mente de Aitor é establecer unha alianza co seu veciño. “Eu son autónomo e teño a miña explotación de vacas, o terreo que manexo e a maquinaria que emprego. Pero podo chegar a acordos moi proveitosos tanto para min como para o meu veciño. De feito xa colaboramos en 70 hectáreas de cultivos. Agora estamos falando de que el adquira un camión de vacas de Barreira Bascuas. Dese xeito seriamos complementarios.”

Ademais da cebada, a veza e outras forraxes, en Aires de la Bureba cultivan trigo e outros cereais para vender o gran e a palla. Para todos eses traballos emprega tractores, cultivadores, arados, máquinas de herbicida e acaba de mercar un tractor grande e unha colleitadora a medias co veciño.

E é que nesta zona non hai demasiadas empresas de servizos. “O que se fai son os chamados ´labores verbais´, que consisten en intercambiar unhas tarefas por outras entre os veciños. Por exemplo, eu seméntolle o trigo a un veciño e el ségame a herba. Así evitamos facturas e trámites.”

A docilidade da fleckvieh tamén reduce a carga de traballo. Algo importante porque non temos nin man de obra nin empresas de servizos.

Como en todos os sectores, Aitor detecta unha alarmante falta de man de obra. “Eu asumo todo o traballo da explotación. Se quixera empregados, tería moi difícil atopalos. Porque as persoas contratadas e sobre todo a xente nova non están dispostas a botar doce horas nas épocas de picos de traballo ou a asumir que hai momentos delicados nos que hai que priorizar o traballo por riba de todo.”

Esa falta de man de obra é a que levou a Aitor a propoñerlle o seu veciño establecer colaboracións e ampliar tanto a base territorial como a cantidade de cabezas de gando. E a seguir mantendo o sistema de labores verbais cos veciños máis vellos que quedan na zona.

Malia as excelentes cualidades da raza fleckvieh para a produción de leite, o gandeiro non contempla esa opción. “Teriamos que mercar robots de muxidura en campo, modificar a xenética coa que traballamos e cambiar o plan de negocio, que está centrado na produción de carne cada vez a maior escala. Non o vemos factible.” Por outro lado, o leite que producen as vacas actuais é necesario integramente para alimentar os xatos.

A CONTORNA

Aires de la Bureba forma parte da Cooperativa Ebro Bureba pero ten a liberdade de mercar e vender os seus produtos, insumos ou apeiros a quen eles decidan. “Aquí ninguén se casa con ninguén aínda que temos servizos comúns, non se nos obriga a nada que abranga á política comercial de cada explotación”

Aitor anima a xente nova a que aposte pola gandería con vacas fleckvieh

Aitor anima a xente nova a que aposte pola gandería con vacas fleckvieh

Aitor anima a xente nova e non tan nova a iniciar proxectos de produción de carne con vacas fleckvieh. “A carne está agora moi ben pagada e parece que vai seguir así porque cada vez hai menos vacas e menos explotacións. Se cadra tense a imaxe de hai anos cando os animais grandes estaban mal pagados e os acabados de nacer non valían nada. Hoxe eso cambiou.”

A situación actual do mercado de vacún de carne e a que se albisca para o futuro fai moi recomendable apostar pola gandería con esta raza.

Ademais, os cebadeiros e matadoiros pagan mellor a fleckvieh ca outras razas. “Porque son animais criados no monte, que non comen concentrados, que acadan un peso excelente e que teñen moi boa saída nos puntos de venda.”

Tanto é así que, malia ser o único criador de fleckvieh na zona, recibe continuamente visitas de persoas interesadas en mercarlle exemplares ou en poñerse en contacto con Barreira Bascuas e con geneticAustria para ter información de primeira man sobre as posibilidades dos exemplares austríacos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información