A mediados de xuño comezará “Ruralmente”, un proxecto de cooperación entre o GDR Limia-Arnoia, o GDR Valle del Ambroz (Cáceres) e o GDR Galicia Suroeste, que será o encargado de coordinar a iniciativa.
A proposta foi seleccionada entre 38 candidaturas, acadando a sexta mellor puntuación, e conta cunha financiación superior aos 200.000 euros procedente do fondo europeo Feader.
“Ruralmente” busca o intercambio de coñecementos e innovación entre as rexións participantes mediante xornadas técnicas, seminarios e visitas de campo. Estas actividades centraranse na divulgación de boas prácticas tecnolóxicas e de xestión das Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) e Denominacións de Orixe Protexidas (DOP).
Cada grupo poñerá o foco nun produto emblemático da súa zona. O GDR Limia-Arnoia traballará no incremento da produción e número de entidades dentro da IXP Pataca de Galicia.
Pola súa banda, o GDR Galicia Suroeste centrará os seus esforzos na IXP Pan do Porriño. O GDR Valle del Ambroz, en cambio, enfocará o seu labor na utilización do Pimentón de la Vera en embutidos de porco ibérico.
O proxecto, cunha duración de 15 meses, enmárcase nas Intervencións supra autonómicas do Plan Nacional da PAC 2023-2027. As accións pretenden mellorar a competitividade, sostibilidade e calidade dos territorios, afianzando sinerxías que impulsen o desenvolvemento económico, ambiental e social.
Galego









Control OJD