Rueda apunta á nova Lei de Cooperativas como motor para a modernización do sector primario

O presidente da Xunta visitou a granxa A Esperanza da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña e destacou o labor que se está a facer cos produtos e a marca Bico de Xeado. Alfonso Rueda destacou que o proxecto achega valor engadido ao leite desde o respecto polo benestar animal e polo medio ambiente, algo que caracteriza as cooperativas galegas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visita a granxa A Esperanza

“Un exemplo perfecto da Galicia Calidade que o Goberno galego continuará apoiando igual que outras iniciativas similares.” Así se referiu o presidente da Xunta a Bico de Xeado, o proxecto de elaboración impulsado pola Cooperativa Agraria Provincial da Coruña.

Por eso, dende o goberno galego -dixo Rueda- están a tramitar a nova Lei de cooperativas de Galicia, que permitirá actualizar un marco legal que tiña xa case tres décadas, para “seguir estimulando este xeito de traballar, que en Galicia e no rural galego ten unha especial incidência”.

O obxectivo da Xunta é dar máis seguridade xurídica, facilitar o emprendemento rural e axilizar a creación e xestión de novas entidades, impulsando un modelo que conta con máis de 2.000 cooperativas activas en Galicia. Bico de Xeado -sinalou- é unha cooperativa de segundo grao que forman 30 cooperativas asociadas.

Alfonso Rueda fixo estas declaracións nunha visita á Granxa A Esperanza, no concello de San Sadurniño, na que estivo acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez. O presidente subliñou que “Bico de Xeado representa o futuro sólido e competitivo do rural galego, con granxas modernas, eficientes e vinculadas ao territorio.”

Respecto da granxa visitada, Rueda sinalou que “nestas instalacións prodúcese unha materia prima de calidade coa que logo se elabora un xeado recoñecido en Galicia e no resto de España, cun total de 30 xeaderías.” Segundo salientou o presidente, esta transformación achega valor engadido ao leite partindo do respecto polo benestar animal e polo medio ambiente.

Granxa A Esperanza

A Cooperativa Agraria Provincial da Coruña (CAP) puxo en marcha no ano 2016 en San Sadurniño o proxecto de Granxa A Esperanza logo de mercar unhas instalacións de máis de 40 anos que contaban con 200 animais e 15 hectáreas de terreo propio.

En novembro de 2019, logo da construción dunhas novas instalacións, estrearon a sala rotativa de 40 puntos. Na actualidade a totalidade da cabana está formada por vacas de raza jersey, dado o enfoque do proxecto cara á produción de sólidos, con medias moi elevadas de graxa e de proteína.

Sala de muxido rotativa de 40 puntos de Granxa A Esperanza (San Sadurniño)

Sala de muxido rotativa de 40 puntos de Granxa A Esperanza (San Sadurniño)

Na ración das vacas empregaron neste tempo silo de millo, bagazo de cervexa, colza, veza deshidratada, núcleo de concentrado e palla. A escolla do sistema de muxido en sala rotativa buscaba unha maior comodidade do persoal (a vaca vai á persoa que está muxindo) e tamén dos animais, xa que contan con prazas individuais para cada un e as interaccións entre eles son menores ca nunha sala paralela.

Os empregados da explotación son “multitarefa”, é dicir, realizan outras funcións ademáis de muxir (alimentación, acondicionado das camas, coidado da recría, etc). Logo de asentada a actividade, a intención pasou a ser a de aumentar a capacidade das instalacións en 200 prazas máis ampliando as naves co fin de mellorar os puntos débiles no manexo diario, logrando maior benestar do gando e mellorando a eficiencia nos tempos de traballo dos empregados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información