A Consellería de Medio Rural ofrece este ano rozas bonificadas en 276 parroquias priorizadas, 27 na provincia da Coruña, 27 en Lugo, 54 en Pontevedra e 168 en Ourense. Os desbroces oriéntanse ás chamadas faixas secundarias, as franxas de 50 metros para prevención de incendios arredor de vivendas, núcleos de poboación e solo urbán. O custo das rozas bonificadas, contratadas a través de Seaga é de 420 euros / hectárea.
Pódese consultar no anexo do Plan de Defensa contra Incendios Forestais 2026 o listado das parroquias priorizadas este ano. A maioría son puntos negros tradicionais de incendios, como gran parte da provincia de Ourense, o sur de Pontevedra, o Barbanza ou zonas do sur lucense e montaña oriental de Lugo.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou onte a parroquia de Sabaxáns, no concello de Mondariz (Pontevedra), unha parroquia priorizada onde se están a executar tarefas de prevención nas faixas secundarias ao abeiro do novo convenio de xestión da biomasa asinado con Seaga a finais do pasado ano.
Deste xeito, Gómez explicou que no concello de Mondariz, os propietarios de preto de 140 parcelas xa fixeron este trámite para actuar en case oito hectáreas dentro das cinco parroquias priorizadas recoñecidas no municipio.
En todo caso, recordou que manter limpas as faixas secundarias é unhas responsabilidade dos propietarios en primeira instancia e, se estes non cumpren coas súas obrigas, os responsables son os concellos, que deberán facelo de xeito subsidiario.
Neste sentido e no marco do citado acordo con Seaga, a conselleira explicou que se apoia ás administracións locais na realización destas execucións subsidiarias en ata 10 hectáreas por ano fóra das parroquias priorizadas, na limpeza de ata 12 kms de vías de titularidade municipal, no envío de notificacións aos propietarios ou coa realización das inspeccións sobre o terreo.
Galego










Control OJD