Rousil SC: Unha aposta por producir leite de pastoreo A2A2 no Val de Camba

Alberte Lamazares e Manuel Faílde son dous mozos de Rodeiro (Pontevedra) que acaban de asociarse para facer máis viables as súas ganderías de vacún de leite. Optan polo pastoreo como alternativa de futuro. Co plan de mellora aprobado están a ver como a parcelaria de Camba condiciona o avance das súas novas instalacións. Coñecemos máis polo miúdo o seu proxecto

Rousil SC: Unha aposta por producir leite de pastoreo A2A2 no Val de Camba

Manuel Faílde e Alberte Lamazares, dous produtores de Rodeiro, que acaban de asociar as dúas ganderías familiares.

O Val de Camba, na concello pontevedrés de Rodeiro, é coñecido polas súas terras fértiles, motor indispensable para moitas das ganderías de vacún tanto de leite como de carne asentadas no municipio. Ese potencial é un dos motivos que levaron a Manuel Faílde e Alberte Lamazares, dous mozos da parroquia de Río, a sumar esforzos e asociarse para impulsar un proxecto gandeiro centrado no pastoreo. Da unión das dúas ganderías familiares asociadas xorde Rousil SC.

Porén a terra está a ser tamén un dos lastres do proxecto nestes momentos. O proceso de reestruturación parcelaria que leva anos iniciado no Val de Camba estalles a atrasar o avance das obras para a nova granxa. A falta de prazos concretos pode chegar mesmo a condicionar a viabilidade dun proxecto que busca unha alternativa de futuro apegada á terra e ó rural.

“Asociarnos é unha boa opción que vemos para poder estar vinculados á produción de leite nun futuro”

O seu é un proxecto orientado ó pastoreo, un modelo no que ambas ganderías levan traballando dende sempre e polo que queren seguir apostando dun xeito máis profesional e competitivo. Dende maio xa teñen aprobado o Plan de Mellora que presentaron ante a Consellería de Medio Rural. “Asociarnos é unha boa opción que vemos para poder estar vinculados á produción de leite nun futuro. Vemos que a sociedade entre dous amigos, dúas familias, pode brindarnos unha oportunidade para incrementar a produción, facturación, ingresos e mellorar en calidade de vida”, argumenta Alberte Lamazares.

Os dous mozos atopábanse á fronte de cadansúa gandería familiar, centradas na produción de leite en pastoreo, dúas granxas moi condicionadas pola falta de espazo e unhas instalacións que precisaban renovar. Tanto Manuel coma Alberte tomaron o relevo de seus pais, agora xubilados, e atopáronse con ganderías co gando trabado e sen posibilidade de ampliar as naves actuais.

“Agora mesmo tanto un coma o outro temos moi pouco espazo nas nosas granxas e o manexo resulta moi incómodo”, comenta Manuel. Por iso, optaron por construír unhas novas instalacións a medio camiño entre as vivendas de cada un dos integrantes da sociedade. A granxa situarase nas proximidades dun cruce de camiños a escasos 200 metros das vivendas dos dous socios, nun zona coñecida como Rousil, de aí o nome da propia gandería.

 Este ano, nunha das parcelas nas que teñen previsto construír a granxa sementaron millo.

Este ano, nunha das parcelas nas que teñen previsto construír a granxa sementaron millo.

A parcelaria, un atranco e unha oportunidade

O proceso de reestruturación da terra en Val de Camba preséntase como unha oportunidade, coas vantaxes a medio-longo prazo que se lle presupoñen a este tipo de modificacións da paisaxe, ó xerar unha rede de camiños, mellorar os accesos e poder contar con parcelas de maior superficie. Todas elas poden supoñer unha mellora interesante para esta gandería, pero ó mesmo tempo a concentración parcelaria estase convertendo nun dos seus maiores obstáculos. A lentitude do proceso fai temer ós dous gandeiros que se vexan apurados para cumprir o prazo de 2 anos para a posta en funcionamento da gandería.

“Agora mesmo non temos aínda parcela dispoñible para poder comezar coas obras. No momento no que está agora a parcelaria non se permiten cambios, compras nin construír”, explican Faílde e Lamazares. Logo de asignar as parcelas provisionais e rematar a fase de alegacións aínda está pendente a tramitación definitiva dos predios. Dende Medio Rural tampouco lles proporcionaron ningunha solución e esgrimen a que o proceso se debe resolver na súa totalidade.

“É contraditorio que se as parcelarias se impulsen para proporcionar futuro no agro e agora estean a condicionar o avance do proxecto deste xeito”

Os gandeiros apuntan á necesidade de activar mecanismos nos que se poidan establecer dúas vías para resolver o proceso de concentración, para axilizar os trámites naquelas parcelas con proxectos en firme sobre elas. “Só pedimos que se non houbo alegacións sobre estes terreos nos deixen levar a cabo o proxecto, xa que a nós o tempo xa nos está contando. É contraditorio que as parcelarias se impulsen para proporcionar futuro no agro e agora estean a condicionar o avance do proxecto deste xeito”, comentan.

Frisoas para leite A2A2

A súa previsión para as novas instalacións é sumar unhas 90 vacas en muxido, e contar con entre 125 e 130 cabezas de gando. Na actualidade, na granxa de Manuel moxen uns 32 animais e na de Alberte uns 23. A excepción dalgún exemplar de Montbéliard e Parda, a maioría do gando das dúas ganderías é Frisón. Aínda que están abertos a poder facer cambios, en principio queren seguir apostando por esta raza.

“Dentro da Frisoa, nós queremos ir a vacas máis resistentes. Non buscamos grandes producións e vacas que se acaben ós poucos partos, procuramos lonxevidade e que os animais se adapten ben ó pastoreo”, xustifica Lamazares. Na gandería de Faílde levaban tempo xa escollendo touros holandeses para a súa recría, co gaio de seguir esta liña para o seu rabaño. Ademais, miran con expectativa a unha produción de leite A2A2. “Todo o seme que estamos empregando na gandería é xa de A2 para ir nesa dirección”, argumenta Manuel Faílde.

As súas producións sitúanse nos 8.600 litros no caso do rabaño de Lamazares e os 7.900 quilos de leite no de Faílde, cunhas calidades de entorno a 3,50 % de graxa e 3,20% de proteína. Coa nova granxa agardan situarse nunha produción de 9.000 litros por vaca ó ano. Na actualidade o leite véndenllo a Larsa e comercialízano a través da cooperativa O Rodo, na que Lamazares forma parte da directiva. “Nós cremos no cooperativismo, senón non nos teríamos asociado e imos seguir apostando polos servizos que nos ofrece a cooperativa”, comentan.

“Queremos seguir sendo produtores de alimentos, non imos facer un gran desembolso en maquinaria”

Ademais da comercialización do leite, na cooperativa mercan as sementeiras e tratamentos que precisan e botan man da maquinaria. “Queremos seguir sendo produtores de alimentos, non imos facer un gran desembolso en maquinaria que logo non poderíamos desempeñar porque non traballamos con ela. Temos os apeiros imprescindibles para o día a día e non contemplamos mercar máis que o imprescindible. Non cremos nas grandes inversións en maquinaria na granxa”, coinciden os dous produtores.

vacas _Ganderia Rousil

O pasto marca o compás

Están asentados no pastoreo e a súa aposta de futuro é continuar con este manexo do gando. Nestes momentos xa están levando a cabo un pastoreo intensivo, onde as vacas están fóra non só boa parte do día senón tamén a maioría das noites. “Agás no mes de agosto, cando non hai pasto ó que levalas e nos meses máis duros do inverno, o resto do ano as vacas están no pasto día e noite”, explican os gandeiros.

Hoxe as ganderías manexan unha superficie dunhas 50 hectáreas. Unha vez que incrementen o número de cabezas de gando estiman pasar a xestionar unhas 80 hectáreas, adicadas boa parte delas a pasto. Nestes momentos, a terra téñena adicada toda ela a pradeira, das que obteñen tanto o silo de herba como a herba seca. “Hai tempo que as dúas ganderías deixamos de sementar millo para ensilar, aínda que temos algunha parcela sementada é unha cantidade mínima”, comentan.

Asentados no modelo de pastoreo xa dende que seus pais levaban as rendas da gandería, os dous mozos gandeiros son conscientes da importancia de levar a cabo unha boa xestión e manexo do pasto. “O pastoreo é máis complexo do que poida parecer, xa que o pasto vai mudando e tes que compensar o aporte que lle proporciona ó gando para lograr boas producións. Facer un bo pastoreo é complicado. Necesítase traballo, estar sobre a terra e ir vendo como vai evolucionando o pasto”, explican.

Pretenden manter un pastoreo intensivo e controlado para optimizar a produción do gando

Ó mesmo tempo tamén recoñecen a rendibilidade deste modelo. “Ademais de ser saudable para o gando é moito máis barato do que poida ser a produción intensiva”, argumentan. Ademais, están apostando por un pastoreo baseado no coñecemento da pradeira. Así, Lamazares traballa co asesoramento do especialista en manexo de pastos Xan Pouliquen dende hai 3 anos.

Afondar no coñecemento do pasto mediante analíticas deixoulle algunha sorpresa e permitiulle comprender ata que punto hai variacións neste sistema. “Analizamos dous prados ós que estabamos levando o gando e que aparentemente eran moi similares. Descubrimos que o que a simple vista nos parecía igual era ben diferente. Mentres na finca na que tiñamos o gando polo día a pradeira tiña un 23% de proteína, na parcela na que pasaban a noite apenas chegaba a un 12% de proteína”, recorda o gandeiro.

Contan con pradeiras cunha gran diversidade de especies, que non renovan e que lle proporcionan os primeiros pastos na primavera. Ademais, apostan por mesturas de leguminosas como o trevo e raigrás inglés.

ea36611a-19f7-489b-831e-676a421daf05

Detalle do proxecto da nova granxa.

Cama de compost para gando en pastoreo

O deseño das novas instalacións tamén está pensado para favorecer o manexo dun rabaño en pastoreo, que pouco tempo estará na granxa. Así, por exemplo, o aporte do penso ó gando farano na propia sala de muxido. “Se as vacas boa parte do ano van estar mantidas co pasto non ten sentido ter que darlle o penso no pesebre. Así podemos facer un punteo axeitado de cada animal e unha vez muxidas poden saír de novo sen ter que prendelas para proporcionarlle o penso”, argumentan.

Tamén a distribución da granxa se sae dos modelos máis tradicionais. Eles apostarán pola cama de compost, polo que o rabaño permanecerá nun espazo aberto, sen cubículos, e no que unha cerca móbil separará as vacas secas. “Ter unha cerca móbil permítenos axustar o espazo en función do número de animais que haxa en cada lote en cada momento do ano”, indican. Terán unha superficie de 80 x 14 metros dedicado á cama do gando.

Son unha das poucas granxas que van apostar polo compost estando en pastoreo. “Cremos que pode ser un sistema de cama que se adapte ben para o pastoreo intensivo que queremos facer, xa que as vacas van estar pouco máis de 2 meses ó ano dentro, e parte dese tempo será no mes de agosto cando non hai pasto, pero tampouco hai problema para manter a cama seca”, explican. Ademais, escolleron este modelo convencidos do benestar que pode proporcionar ós animais, de xeito que as vacas só estean trabadas en momentos moi puntuais.

Coa cama de compost buscan deixar atrás unha das maiores problemáticas actuais da gandería, a xestión dos xurros

Cunha base de materia orgánica, aínda por definir, o mantemento da cama farano mediante o fresado da mestura, para conseguir unha ventilación e unhas condicións hixiénicas axeitadas para proporcionar comodidade ó gando. “Agardamos mellorar a produción grazas a este tipo de cama, aínda que nós escollémola principalmente pola comodidade que lle pode proporcionar ó gando”, concretan.

Para favorecer o éxito deste modelo de cama prevén programar os partos. Ademais, estudan empregar tamén carbonato cálcico para favorecer o secado da cama en determinadas épocas. “Temos que avaliar as necesidades que teñen as nosas pradeiras deses aportes e se resulta rendible empregalo para aforrar así custos en fertilizantes”, apuntan. Nun futuro, tamén barallan empregar como materia orgánica para o gando o toxo, cun alto aporte nutricional para a terra. Optar polo toxo permitiríalle aproveitar esta biomasa forestal ó tempo que limpan o monte e reducen o risco de incendios.

Con esta cama buscan deixar atrás unha das maiores problemáticas actuais da gandería, a xestión dos xurros, optando por unha alternativa baseada nos principios da Economía Circular, na que os residuos se transformen en recursos. Con todo mantéñense cautos e á expectativa dos resultados que lles poida proporcionar este tipo de cama por se é preciso volver á instalación de cubículos.

Rousil nace coa vista posta nos obxectivos medioambientais que marcan xa dende Europa, co que tamén teñen previsto avaliar a pegada de carbono da granxa e levar a cabo iniciativas como a plantación de arborado, co que compensar as emisións, na procura dun modelo de produción de leite neutro ou negativo en canto a emisións. Ademais, aínda que non se atopa entre as metas a curto prazo, os produtores tamén deixan a porta aberta xa a poder levar a cabo proxectos de transformación e posta en valor do leite.

Nesta nova etapa tamén queren seguir apostando pola colaboración con outras entidades e colectivos, como veñen facendo agora xa, pese ás limitacións actuais. “Na nosa granxa levamos tempo colaborando con investigadores e outros gandeiros e nas novas instalacións queremos seguir mantendo esa liña de traballo, mesmo contemplando poder realizar visitas ou xornadas coas que achegar máis o noso traballo como produtores de alimentos a outros sectores da sociedade”, reivindica Lamazares.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información