Unha explotación de Agolada sufriu na última semana dous roubos consecutivos. No primeiro, perdeu só ferramentas e apeiros de reducida dimensión, pero na segunda ocasión, uns días despois, sufriu a perda dun tractor, un Fiat 6066, e dunha plastificadora, unha Enorossi BW 100 que fora mercada nova esta primavera. O caso foi denunciado ante as forzas de seguridade, que están investigando a sustracción.
O almacén no que se gardaban o tractor e a plastificadora de bolos contaba cun portal con chave, instalado hai cousa dun mes, pero non foi impedimento para que as persoas que asaltaron a nave lograsen abrilo, ó conseguir mover os pasadores interiores do portal, instalado sobre un solo de zahorra. Tras o primeiro asalto, o propietario reforzou os pasadores con tornillos, para impedir unha segunda incursión, pero a medida non foi suficiente para evitar un segundo roubo, días despois.
En Agolada, barállase a hipótese de que o tractor e a plastificadora foron introducidos nun camión para levalos do lugar. A nave na que se produciu o roubo, ubicada na parroquia de Artoño, estaba apartada das casas e a finca estaba protexida por catro mastíns con cadeas, pero a pista de saída quedaba libre, sen acceso para os cans, polo que as persoas que roubaron puideron operar sen problemas.
Os afectados están a distribuír as imaxes das máquinas roubadas e piden a colaboración de calquera persoa que as poida ver ou que poida aportar información. Tamén advirten ás explotacións da comarca do sucedido para que se tomen as medidas de prevención posibles.