Rosy-Lane Holsteins: Así traballa unha granxa de Wisconsin con 1600 vacas que produce leite para a industria queixeira

Centrada en producir sólidos, esta explotación americana muxe unhas 1.600 vacas en dúas instalacións separadas 80 km e traballa unhas 1.000 hectáreas de terreo nas que produce forraxes e cereais

Foto aérea de la granja de Rosy-Lane en Watertown (Wisconsin). Foto: Eli Piasecki

Foto aérea das instalacións de Rosy-Lane en Watertown (Wisconsin). Foto: Eli Piasecki

Con 1,3 millóns de vacas e 7.000 granxas, Wisconsin é o estado con máis granxas leiteiras dos EEUU. Unha de cada 4 granxas lácteas do país está en Wisconsin, que, tras California, é o segundo estado en produción de leite nos EEUU.

Produce o 15% do leite do país pero o 25% do queixo norteamericano. California, onde abundan as macrogranxas, dedícase ao leite líquido, mentres Wisconsin, cun modelo de granxas familiares máis pequenas, céntrase en producir queixos.

Nove de cada 10 litros de leite producidos neste estado do medio oeste americano transfórmanse en queixo e 9 de cada 10 quilos de queixo fabricados pola industria queixeira local véndense fóra de Wisconsin.

Wisconsin produce o 15% do leite dos EEUU e o 25% do queixo do país

Herdeiros da tradición queixeira traída polos emigrantes suízos, alemáns e holandeses que se instalaron naquelas terras, hoxe conviven máis de 600 tipos de queixo diferentes, o que lle vale a este estado o alcume de o reino do queixo.

Wisconsin acolle tamén cada ano a feira de gando máis grande do mundo (World Dairy Expo), onde os concursos da raza holstein son os protagonistas, e é nesta zona do medio oeste americano onde se produce a maior parte do millo e da soia dos EEUU.

Máxima rentabilidade

De izquierda a derecha, Tim Strobel, Jordan Matthews y Sam Peetz, socios de Rosy-Lane junto con el matrimonio Holterman

De esquerda a dereita, Tim Strobel, Jordan Matthews e Sam Peetz, socios xunto ao matrimonio Holterman

Rosy-Lane Holsteins é unha das granxas de referencia en Wisconsin. Fundada a finais da década de 1950 pola familia Holterman, na actualidade é propiedade de 5 socios: Lloyd e Daphne Holterman, Tim Strobel, Sam Peetz e Jordan Matthews, que explicou nas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro o funcionamento da explotación.

A nosa granxa non será sostible se non xeramos beneficios que poidamos reinvestir

“Aspiramos a lograr unha rendibilidade constante ano tras ano, e non temos reparos en falar diso. A nosa granxa non será sostible se non xeramos beneficios. Grazas aos beneficios, podemos reinvestir na formación do noso equipo, no mantemento das nosas instalacións, en novas tecnoloxías para mellorar o benestar das persoas e dos animais, e no coidado do medio ambiente (o solo, a auga e o aire). A nosa visión en Rosy-Lane é a de intentar crear un sistema pechado e sostible na nosa granxa entre a nosa produción agrícola e gandeira”, insiste.

Case 1.000 hectáreas de terreo

ROSY LANE HOLTEINS (Wisconsin) ensilado de millo

Para iso, a granxa dispón en total de 971 hectáreas de terreo. Delas, 242 hectáreas destínanse a silo de millo, outras tantas a silo de alfalfa, 425 a gran de millo e 60 a trigo, do que só aproveitan a palla para usar na cama das tenreiras e na parideira, pero venden o gran.

Intentamos crear un círculo pechado sostible entre a nosa produción agrícola e gandeira

“Actualmente a maioría das explotacións leiteiras nesta zona só cultivan forraxes e mercan o gran. E utilizan a superficie forraxeira para dar saída ao purín que xeran as súas vacas”, explica Jordan.

No seu caso, producen tamén a maioría de cereais da ración. “Podemos producir todos os nosos forraxes e arredor do 75% do millo gran que necesitamos”, destaca Jordan.

Rosy-Lane conta con maquinaria propia e co seu propio muíño para fabricar fariña de millo

O resto dos insumos tamén proceden do mercado local, dado que esta zona do centro dos EEUU é tamén unha das principais áreas de produción de soia e millo do país. “Esta é unha zona máis agrícola ca gandeira. Se facemos un círculo de 30 km arredor da granxa hai unhas 4.000 vacas e o resto é todo terreo agrícola onde se produce soia e cereal”, indica.

Como mínimo esperan tres meses para abrir os silos, xa sexa de alfalfa ou de millo. “Gústanos ter un stock de comida de 18 meses para garantir unha fermentación axeitada”, explica. No carro mesturador inclúen materias primas como semente de algodón, fariña de millo ou soro procedente das fábricas de queixo. “É moi pegaxoso e gústanos para homoxeneizar a ración e que as vacas non poidan separar os distintos elementos”, aclara.

Aluguer dunha segunda granxa

ROSY LANE HOLTEINS (Wisconsin) establo vacas en producion

Rosy-Lane conta na actualidade con dous establos. O principal sitúase en Watertown, unha localidade situada a 80 km ao oeste de Milwaukee, a cidade máis poboada do Estado de Wisconsin, a onde a familia Hotlerman se trasladou en 1965 escapando do crecemento urbano que afogaba o seu antigo rancho.

A segunda xeración, formada por Lloyd e Daphne Hotlerman, mercaron o gando e a maquinaria aos seus pais en 1988 e as terras en 1994. Hoxe atopan­se en proceso de xubilación, viven a 3 horas de distancia e só participan das grandes decisións estratéxicas, pero non do día a día da granxa, do que se encargan Jordan, Tim e Sam.

A propiedade da explotación pertence actualmente a catro familias

Tim incorporouse como socio en 1999 e leva a parte agrícola e os cultivos; Jordan, que entrou en 2013, actúa de xerente e encárgase das decisións empresariais; e Sam, que entrou no negocio en 2024, ocúpase da xestión do persoal e da parte xenética.

As instalacións de Watertown teñen capacidade para muxir entre 850 e 900 vacas, polo que para incrementar a capacidade produtiva da explotación en 2021 os socios de Rosy-Lane decidiron alugar outra granxa en Paoli, a unha hora de distancia, onde muxen as vacas na última parte da lactación. Nesta segunda granxa mercan toda a comida.

Catro muxidos diarios en vacas recentemente paridas

Jordan, en la sala de ordeño 2x12 con los cepillos de prediping

Jordan, na sala de muxido 2×12 de Watertown suxeitando un dos cepillos de limpeza

“Actualmente, muximos 1.600 vacas en total nas dúas ubicacións, 900 en Watertown e 700 en Paoli. O que facemos é movelas da granxa principal de Watertown, que é onde paren todas as nosas vacas e comezan a producir leite, á nave de Paoli unha vez avanza a lactación e son inseminadas, cando se confirma o diagnóstico de preñez positivo. Nesta sede satélite, situada a unha hora de distancia, dispoñemos de 700 prazas e unha sala de muxido 2×10, onde as vacas son muxidas dúas veces ao día até que son secadas. A continuación, todas as vacas regresan á granxa principal en Watertown dúas semanas antes do parto para iniciar de novo o ciclo”, explica Jordan.

Unha vez confirmada a xestación, con entre 50 e 60 días de preñadas, as vacas son trasladadas a unha segunda granxa onde finalizan a lactación e son secadas

A estratexia de Rosy-Lane consiste en centralizar as fases críticas e máis delicadas (parto, inicio da lactación e xestación) en Watertown, onde se concentra a maioría do persoal técnico e veterinario, adaptando ao mesmo tempo o número de muxidos ás necesidades dos animais, en función dos días en leite, tratando de maximizar tamén deste modo a súa produción e benestar.

“Na nosa granxa principal muximos as vacas recentemente paridas catro veces ao día, cada 6 horas, buscando aportar ás vacas frescas maior confort, porque se a miña muller cando deu a luz só se puidese sacar o leite dúas veces ao día xa se tería divorciado”, compara. Neste lote de posparto as vacas están 3 semanas. Teñen dous grupos, un para as xovencas e outro para as vacas adultas para que non loiten pola comida, que achegan 10 veces ao día. “Ademais, gústanos que nos grupos de posparto sempre haxa un 10% de cubículos libres”, explica.

Secan as vacas entre 210 e 230 días en leite

Despois as vacas pasan a muxirse 3 veces até os 150 días en leite. Nese momento, se están preñadas, cámbianse para a nave de Paoli, e pasan a 2 muxidos. “Optamos por introducir este sistema escalonado, baixando o número de muxidos a medida que baixa a produción, para que o traballo na granxa que temos máis lonxe sexa moito máis simple. Alí os nosos empregados só se dedican a preparar a comida e amuxir dúas veces ao día”, di.

Funcionamento en continuo da sala de muxido

ROSY LANE HOLTEINS (Wisconsin) sala de muxido

Unhas 30 persoas forman parte do cadro de persoal contratado de Rosy-Lane, a maioría dedicadas a tarefas de muxido nas dúas granxas. A súa estratexia neste sentido pasa por muxir moitas horas ao día con só 2 persoas por quenda para optimizar o funcionamento da sala.

A nosa sala de muxido só descansa unha hora ao día; unha sala que pasa moitas horas baleira non é eficiente

“Pensamos que deste modo somos máis eficientes. En Watertown, por exemplo, actualmente muximos 875 vacas tres veces ao día nunha sala 2×12 que funciona 23 horas ao día. A hora que falta destínase aos 2 lavados diarios, que realizamos cada 12 horas e duran media hora”, explica Jordan.

Incorporaron cepillos de predipping para uniformizar a limpeza do ubre independentemente do operario que estea en cada quenda

Outra das estratexias que seguen durante o muxido é convertelo nun traballo rutineiro, seguindo estritos protocolos que minimizan os erros dos operarios de cada quenda. “Incorporamos cepillos de limpeza para o predipping porque desa forma garantimos que o traballo se fai sempre igual. Deste modo, a vaca non vai saber que operario lle está limpando o ubre”, argumenta.

Produción de sólidos

Entregan cinco camiones cisterna de leche a la industria cada dos días

Entregan cinco camións cisterna de leite á industria cada dous días

A produción media diaria por vaca sitúase na actualidade en 46,8 litros (48,08 kg de leite corrixida por enerxía), cun 4,77% de graxa e un 3,56% de proteína. “Durante décadas traballamos para manter o éxito da nosa estratexia de cría aquí en Wisconsin, adaptada ao mercado queixeiro”, explica Jordan.

Os 28 millóns de litros producidos no último ano nas dúas granxas de Rosy-Lane destínanse a plantas de fabricación de queixo: o leite de Watertown á fábrica de Saputo en Waupan e o leite de Paoli á fábrica de Grande Cheese en Juda.

Sabemos que estamos nun mercado queixeiro que demanda graxa e proteína; debemos adaptar o noso leite ás necesidades da industria

“No noso Estado, coñecido como a terra leiteira de América, o 90% do leite producido destínase á fabricación de queixo, e o 90% dese queixo envíase fóra do Estado. Isto representa unha industria de 58.000 millóns de dólares para Wisconsin. Por iso, sabemos que estamos nun mercado de queixo e debemos adaptar o noso leite ás necesidades da industria queixeira”, admite Jordan.

Mérito neto

ROSY LANE HOLTEINS (Wisconsin) establo vacas en producion ventiladores estres por calor

Por iso, á hora de seleccionar touros buscan que sexan positivos en graxa e proteína. “O 95% dos nosos ingresos proceden da venda de leite e os compoñentes do leite, a graxa e a proteína, son os factores que determinan o prezo do leite en Wisconsin. Os queixeiros deben eliminar a auga do leite, polo que o simple volume de leite non lles achega valor e nós esforzámonos en criar vacas que dean maiores porcentaxes de sólidos para obter mellores prezos. E sobre todo poñemos o foco na graxa, porque se paga ao dobre que a proteína”, explica.

Básanse tamén no Mérito Neto como índice para elixir touros. “Gústanos este índice porque fala da vida produtiva e de canto diñeiro máis nos vai facer gañar nese tempo”, argumenta Jordan.

Buscamos vacas que posúan un temperamento competitivo no comedeiro

“Este índice considera varios factores, pero o noso obxectivo final é criar animais lonxevos. Buscamos vacas fortes que poidan camiñar ao muxido, que teñan catro tetos ben colocados para conectar a unidade de muxido e que posúan un temperamento competitivo no comedeiro”, indica.

Ademais de patas e ubres, para que unha vaca sexa lonxeva a fertilidade é un aspecto esencial. “Unha vaca que non queda preñada é un animal terminal, así de simple”, sentencia Jordan. “A reprodución é un dos nosos puntos fortes, xa que mantemos unha taxa de xestación media durante todo o ano superior ao 40%”, destaca.

“Para iso usamos moitas hormonas nos nosos programas de sincronización”, admite. Inseminan aos 64 días en leite ás xovencas e aos 87 días ás vacas adultas a partir da segunda lactación. O intervalo entre partos medio da granxa sitúase en 13 meses. “A nós gústanos sempre poñer canto antes a vaca na seguinte lactación porque sempre dá máis leite ca na lactación anterior”, argumenta.

Catro lactacións de media

ROSY LANE HOLTEINS (Wisconsin) parideira

“Dámoslle máis importancia a que unha vaca dure un parto máis ca á produción por día ou por lactación, porque cada día que a vaca está viva producindo leite máis se dilúen os custos de recría e menos xatas necesitas”, insiste Jordan.

Marcámonos o obxectivo de que a taxa de reposición se sitúe por debaixo do 25%

Marcáronse o obxectivo de que a taxa de reposición global da granxa se sitúe por debaixo do 25%. Actualmente a eliminación en primeira lactación é do 28%, en segunda lactación do 20%, en terceira lactación do 15% e en cuarta lactación do 35%. “A duración media das nosas vacas sitúase un pouco por debaixo das catro lactacións, cando a media en todo Wisconsin é de 2,5 lactacións. Iso quere dicir que estamos gañando un parto máis en cada vaca”, argumenta.

Externalización da recría a partir dos 6 meses de idade

ROSY LANE HOLTEINS (Wisconsin) recria becerras mamando

Rosy-Lane segue un modelo mixto de recría. As tenreiras inician o proceso na propia granxa pero, unha vez destetadas e alimentadas xa con forraxe, pasan a un centro de recría externo, onde son inseminadas e completan o seu crecemento.

“Criamos as tenreiras na granxa principal de Watertown desde que nacen ata os 6 meses de idade. Despois, as xovencas continúan o seu proceso de recría de forma externa ata que están preñadas de 6 ou 7 meses, momento no que regresan á casa para se prepararen para o parto. Como mínimo queremos que volvan 2 meses antes de parir”, indica Jordan.

En Wisconsin abundan os centros de recría externos

O obxectivo de Rosy-Lane é que as súas xovencas comecen a producir leite antes dos 24 meses, regresando ao rancho aos 21 ou 22 meses para a súa aclimatación antes do parto. Na actualidade teñen unhas 1.000 tenreiras de reposición en centros de recría externos.

Os protocolos para as tenreiras recén nacidas pasan porque tomen 4 litros de costro antes das dúas primeiras horas de vida e outros 2 litros antes das 12 horas posteriores. Para iso, utilizan costro pasteurizado e conxelado. “O primeiro que facemos, en canto a tenreira nace, é quentar unha bolsa de costro e dárllelo e despois muxir a vaca para conxelar ese costro”, explica.

A tenreira non se desteta se non come dous quilos de penso ao día

Ás 24 horas pasan ao establo de tenreiras, onde están en grupos durante a fase de amamantamento. As primeiras 2 semanas reciben 3 litros 2 veces ao día, as seguintes 5 semanas reciben 4 litros 2 veces ao día e a última semana toman 2 litros 2 veces ao día. Son destetadas aos dous meses en función da cantidade de penso que estean tomando. “Até que comen 2 kg de concentrado por tenreira non lles retiramos o leite porque consideramos que non están preparadas”, indica Jordan.

O sistema de ventilación no novo establo de tenreiras, construído este ano, permite que non se mesture o aire dos distintos lotes, de maneira que se minimiza o risco de contaxios en caso de infección nun dos grupos de tenreiras. Tamén retiran semanalmente toda a palla da cama, apartando as tenreiras cara a un lado, para volver encamar.

“Nunca falamos en primeira persoa porque non seriamos nada sen os nosos 32 empregados”

Parte del equipo de ordeño de la granja de Watertown

O equipo de muxido da granxa de Watertown procede na súa maioría de México, Nicaragua e Guatemala

Jordan procede dunha familia urbana pero os animais en xeral e as vacas en particular sempre foron a súa gran paixón. En 2009 licenciouse na especialidade de Negocios e Ciencia Leiteira pola Universidade de Madison e ese mesmo ano empezou a traballar en Rosy-Lane para converterse posteriormente en socio da granxa en 2013.

Contan con 32 empregados a tempo completo e o traballo en equipo, a formación e os incentivos por cumprir obxectivos son o día a día de Rosy-Lane Holsteins en materia de persoal.

“Algo que nunca facemos en Rosy-Lane é falar en primeira persoa, xa que os 5 socios non seriamos nada sen as outras 32 persoas que se dedican ao coidado dos nosos cultivos, terras e gando. Somos un equipo e esforzámonos por destacar os logros do equipo e da granxa no seu conxunto, non só dos propietarios”, argumenta Jordan.

Os empregados da granxa proceden na súa maioría de México (50%), Nicaragua (25%) e Guatemala (25%), mentres que os empregados que se encargan da maquinaria e dos cultivos nas case 1.000 hectáreas de terra que posúen, así como o persoal de oficina, son norteamericanos.

O equipo de cultivos traballa unha media de 50 horas semanais e o persoal de muxido 70 horas semanais en quendas de 12 horas

“Décatamos de que a eficacia da formación pode ser o aspecto máis importante de todo o que facemos. Para que alguén reciba unha formación adecuada e medre no seu posto, debemos adaptar o adestramento á forma máis efectiva: na súa lingua materna. Por iso, na nosa granxa fálanse dous idiomas, inglés e español, e é esencial poder comunicarnos en ambos”, detalla Jordan.

En Pauli contan con 8 empregados para muxido e alimentación e en Watertown 18 persoas para muxido e recría, 4 en cultivos e 2 en oficina. O equipo de cultivos traballa 5 días e medio á semana (50 horas/semanais), mentres que o grupo de muxido traballa 5 días unha semana e 6 días a seguinte en quendas de 12 horas por día (70 horas/semanais) con dúas semanas de vacacións ao ano.

Xestión do persoal

ROSY LANE HOLTEINS (Wisconsin) ensilado millo

Catro personas encárganse de cultivar as perto de 1.000 hectáreas de terreo que posúe a explotación

O lema da granxa é Grandes persoas, grandes vacas, grandes resultados e o traballo en equipo é a base da xestión do persoal, tentando involucrar a cada traballador. “O noso obxectivo é que cada membro do equipo que decide poñer un pé na nosa granxa estea comprometido con esta visión e nos axude a facela realidade cada día”, asegura Jordan.

Francisco, o responsable do muxido en Watertown, realiza un minucioso proceso de selección para incorporar aos novos traballadores ao equipo de muxido da granxa que consiste en superar tres entrevistas. “Na primeira entrevista a Francisco gústalle inspeccionar o coche da persoa que se presenta ao posto de traballo, porque o coche di moito da persoa e se o seu coche está sucio, desordenado e cheo de lixo é un indicativo claro de que non é alguén cuidadoso e se non respecta a súa propiedade, menos o fará na nosa”, conta Jordan.

Preferimos formar aos nosos traballadores e pagarlles un plus por inseminar ou recortar pezuñas en vez de contratar eses traballos de forma externa

A segunda entrevista, que se produce 4 ou 5 días despois da primeira, serve para comprobar que a persoa que se presenta ao posto está realmente interesada en traballar en Rosy-Lane. “Hai moito traballo nesta zona e se a persoa simplemente busca un lugar onde traballar seguramente neses días xa terá empezado noutro lado”, argumenta.

Na terceira das entrevistas explícase ao traballador as funcións do seu posto, as responsabilidades que conleva e os obxectivos que debe cumprir. Tamén se insiste na prevención de riscos. “Traballando con vacas sempre pode haber accidentes e sen unha charla de 3 ou 4 horas previas sobre manexo con animais ningún traballador comeza a muxir na nosa sala”, indica.

Formación e obxectivos claros

“A medida que o noso negocio foi medrando fíxose fundamental ofrecer un contorno profesional. Despois de iniciar o proceso de formación e incorporación en Rosy-Lane, un paso crítico no noso sistema é desenvolver un plan de carreira para cada persoa. Queremos que cada membro do equipo poida mirar cara ao futuro e velo dentro de Rosy-Lane”, argumenta Jordan.

Cada seis meses avalían o desempeño de cada traballador, con premios por cumprir obxectivos

“Traballamos para crear unha descrición do posto que non só contemple as tarefas actuais, senón tamén os obxectivos que queremos lograr nos próximos meses ou anos, con premios e gratificacións por alcanzalos. Isto garante que as nosas vacas están ben coidadas. O noso obxectivo é que cada membro do equipo pense nesa meta cando se pon a funda antes de ir ao establo”, indica.

Outro aspecto fundamental na forma de traballar de Rosy-Lane é a formación continua, tanto na propia granxa como en cursos externos específicos para cada posto de traballo. “O investimento en formación é sempre rendible”, asegura.

O investimento en formación do persoal é sempre rendible

“Antes pagabamos a podoloxía externa pero agora temos dúas persoas formadas no noso equipo que poden facer os recortes de pezuñas”, exemplifica. “O mesmo para inseminar. Preferimos formar a dúas persoas do equipo e pagarlles un plus para que estean motivados á hora de inseminar antes que contratar a reprodución fóra. Todo o que podemos facer por nós mesmos facémolo. Os resultados demostraron que é máis rápido e mellor”, afirma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información