Ronda de contactos para desconxelar o prezo do leite no supermercado

Unións Agrarias ve disposición nas cadeas de supermercados para repercutir no prezo final do leite o aumento dos custos de produción que houbo no campo. Insta ás Administracións a pilotar este proceso

Ronda de contactos para desconxelar o prezo do leite no supermercado

Leite de marca branca nun supermercado. / Arquivo.

Os prezos do leite mantéñense estables nos supermercados nos últimos anos, pero toda a cadea do leite está a asumir unha suba progresiva dos custos de produción. Esa suba deixouse notar en especial no último medio ano polo encarecemento dos custos de alimentación e da electricidade. Desde Unións Agrarias iniciaron estes días unha ronda de contactos cos principais supermercados para abordar a situación de prezos do leite nos liñais.

O obxectivo da organización agraria é desconxelar o prezo final do leite, de xeito que poida ir subindo na medida en que medran os custos de produción das granxas. “Estamos tendo reunións moi positivas. As cadeas de supermercados o que nos transmiten é que se todos remamos na mesma dirección, gandeiros, industrias e supermercados, están dispostas a atopar solucións, sempre respetando a normativa de Competencia”, subliña o responsable de Acción sectorial de Unións Agrarias, Félix Porto.

A organización agraria considera que a situación é insostible e chama ás Administracións, Xunta e Ministerio, a tomar cartas no asunto. “Temos unha Ley de la Cadena Alimentaria que estipula que os produtos do campo non se poden vender por baixo dos custos de produción e iso hai que cumprilo. É necesario atopar unha solución, que pasa polos supermercados e polas industrias, e as Administracións deberan estar volcadas nesa tarefa. Algo que deberan estar facendo eles -cuestiona-, estámolo facendo nós”.

Marca blanca
Unións pon o foco en especial nos prezos das marcas brancas, que sitúa nun arco de prezos de 55-59 céntimos. “En Francia non se atopa ningún leite no supemercado a menos de 69 céntimos. Non é xustificable que en España tódalas marcas brancas estean un mínimo de 10 céntimos por abaixo”, critican.

De cara a finais da próxima semana, a organización espera culminar as reunións pendentes coas cadeas de distribución, en tanto agarda pasos de Ministerio e Xunta, “que teñen que actuar de árbitros e garantes”, conclúe Porto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información