“Rompemos o mito de que as protestas nunca conseguen nada”

O sector considera os acordos cos supermercados un primeiro paso para revalorizar o leite no campo. Queda falar coas industrias e abordar tamén os problemas dos primeiros compradores e do leite vendido para po

“Rompemos o mito de que as protestas nunca conseguen nada”

Asemblea dos gandeiros ante o Carrefour da Coruña, a pasada semana.

Cando hai vinte días, arredor dun cento de tractores iniciou os bloqueos contra as cadeas de supermercados, ningún gandeiro daba un peso polo éxito das protestas. Eran poucos, “fabas contadas” din eles, moitos menos que os miles mobilizados en setembro, cando as tractoradas remataran en decepción e desánimo. En decembro, sen embargo, o resultado foi outro. Tres semanas despois de iniciados os bloqueos, os gandeiros teñen acordos pechados con Carrefour, Dia, Vegalsa-Eroski, Lidl, Alcampo e Gadis.

A clave dos logros hai que buscala nunha lóxica similar á dos 300 de Esparta. “É máis importante ter xente concienciada, que sabe para que sae co tractor, cal é a estratexia e que se manteña firme, que unha mobilización de miles de persoas que veñen porque tamén vai o veciño”, resume Óscar Pose, representante de Unións Agrarias na Plataforma en Defensa do Sector Lácteo.

Os gandeiros son conscientes de que os acordos coas cadeas de supermercados son só un primeiro paso, pero tamén poñen en valor o xa acadado. “Rompemos o mito de que coas protestas nunca se consegue nada ou a historia esa de que nos venderon nas negociacións”, destacaba un gandeiro da comarca de Ordes o pasado día 24, na última asemblea celebrada ante o centro loxístico de Dia.

Valoracións
Falamos con Roberto García, de Unións Agrarias, e con Isabel Vilalba, do Sindicato Labrego, ambos participantes nas negociacións coas cadeas de supermercados, para coñecer a súa opinión sobre os acordos e os próximos pasos a dar na busca da revalorización do leite nas granxas.

“Os acordos acadados cos supermercados hai que valoralos como un primeiro paso importante” –sinala Isabel Vilalba-. “En xeral, as cadeas van pagar xa en decembro 2 céntimos máis polo leite que usan para as súas marcas brancas, aínda que tamén é certo que iso representa só unha parte do leite que se comercializa en Galicia. Temos tamén as marcas propias das industrias e outros usos do leite, como o leite en po, que nalgunhas industrias ten un gran peso na configuración do prezo”.

“Nada impide que a industria traslade xa en xaneiro unha suba xeneralizada dos prezos” (Roberto García, Unións)

Desde Unións Agrarias, Roberto García incide no “feito histórico” do acordo: “É a primeira vez que as cadeas de distribución se sentan a falar co sector e se remata en acordos, incluso cunha cadea como Dia que nunca quixo participar de negociacións. Para as industrias, era impensable que Dia renunciase á compra de leite a través de subastas electrónicas mensuais, que agora vai cambiar por contratos estables. Ese cambio terá que repercutir a súa vez nas granxas”.

O próximo paso do sector pasa pola negociación coas industrias. “Nada impide que as industrias trasladen xa en xaneiro unha suba xeneralizada dos prezos” –valora García-, “xa que o que estaba estrangulando ás empresas lácteas era o prezo das marcas brancas. Coas marcas propias da industria, os beneficios son maiores e hai marxe de manobra”.

Isabel Vilalba, do Sindicato Labrego, coincide no reto: “A industria aínda non demostrou claramente que vaia trasladar esa suba, polo que haberá que abordar unha negociación para que a revalorización do leite chegue ás granxas”, destaca.

Cuestións estruturais
A secretaria xeral do Sindicato Labrego incide tamén na importancia de afrontar cuestións estruturais, como o peso que teñen os primeiros compradores (intermediarios) na compra-venda de leite en Galicia. “O acordo coa distribución ten un carácter paliativo, pero os baixos prezos derivan en boa medida de problemas estruturais que cómpre afrontar”, advirte. “En Galicia hai unha gran cantidade de leite en mans de primeiros compradores, que son os que pagan prezos máis baixos. O Ministerio comprometeuse en setembro a publicar un decreto para regular esta figura, pero aínda non temos nin o borrador”, critica.

“Cómpre afrontar problemas como os primeiros compradores ou cambiar as fórmulas de pago en base ó leite en po” (Isabel Vilalba, SLG)

Outro problema que afecta ó prezo en orixe do leite é o pago de parte da produción en función das cotizacións do leite en po –agora mesmo a moi baixo prezo a nivel internacional-, unha práctica habitual en empresas como Larsa ou Reny Picot., con fórmulas como 80-20 ou 60-40, nas que o 20-40% do leite se lle abona ás granxas a baixos prezos. “En Francia, as industrias comprométense a pagar a prezo de mercado a cantidade recollida na anterior campaña e só se paga a un menor prezo os aumentos de produción. Aquí en cambio non hai esas garantías. Temos que sentarnos coas industrias e acadar compromisos”, conclúe Vilalba, que lamenta a falta de peso das Administracións nas negociacións do sector lácteo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información