Roadshow lácteo para conectar cos consumidores

A Interprofesional Láctea desenvolve unha xira por 11 cidades para dar a coñecer os beneficios nutricionais do consumo de leite, así como a sustentabilidade ambiental e social do conxunto da cadea campo - industria

Roadshow lácteo para conectar cos consumidores

Como conectar o consumo de lácteos co consumidor urbano? O roadshow da Interprofesional Láctea (INLAC) chegou este xoves 28 de maio a Santiago de Compostela no marco da campaña “Conta cos lácteos europeos”, impulsada pola Organización Interprofesional Láctea (InLac) con apoio da UE (2025-2028). Trátase dun autobús en circuíto itinerante por toda España, vinilado para a ocasión polo prestixioso artista ilustrador Óscar Alonso (máis coñecido como “@72kilos”.

A colaboración do artista conseguiu crear unha narrativa próxima con diferentes deseños e soportes. De feito, os materiais de divulgación empregados (como “o carro da sustentabilidade láctea, unha bolsa da compra sostible, imáns e adhesivos coleccionables) teñen mensaxes claras que animan ao consumidor para que aposte por lácteos de proximidade.

No interior da unidade móbil, os visitantes poden sentarse nas bancadas fronte a unha pantalla para visualizar un vídeo infográfico que explica os valores sostibles dun sector comprometido co medio ambiente e co desenvolvemento rural.

O roadshow instalouse este xoves en Santiago no Paseo dos Leóns (Alameda) e continuará durante a xornada de hoxe. A actividade iniciouse coa aflluencia de estudantes de centros próximos, paseantes da Alameda e peregrinos. As persoas que reciben a información da campaña participan despois na “ruleta láctea da sorte”, un xogo que lles permite optar a diferentes premios directos. Este roadshow dos lácteos continuará despois a súa viaxe cara a Vigo, Zamora, Ávila, Pamplona, Zaragoza e Barcelona.

O ano pasado, primeiro de execución desta campaña europea, xa fixo un percorrido por toda a xeografía española.

A campaña conciencia aos consumidores de que cada xesto conta para lograr unha dieta máis saudable e respectuosa, animando á poboación para consumir 3 lácteos ao día e apostar pola produción de proximidade, co obxectivo de apoiar as economías rurais.

Nuria Arribas, directora xerente da INLAC

“Atopámonos con frecuencia que o consumidor non sabe distinguir o leite das bebidas vexetais”

Entrega dun carro de compra a un dos participantes.

Entrega dun carro de compra a un dos participantes.

A directora xerente da INLAC, Nuria Arribas, que acudiu onte á presentación do roadshow en Santiago, incidiu na importancia de divulgar entre os consumidores as vantaxes nutricionais do leite. “O 50% do calcio que inxerimos no marco da nosa dieta procede do leite. É un alimento clave polo calcio e polo conxunto de nutrientes que achega”, destaca Arribas.

Entre a información errada que se atopa a miúdo entre os consumidores, figura a idea que equipara ás bebidas vexetais co leite. “É unha realidade que parte dos consumidores non saben distinguir as diferenzas entre bebidas vexetais e leite. O único que lles pedimos é que comparen as achegas nutricionais dunha bebida vexetal fronte ao leite, e despois que consuman libremente”, sinala Arribas.

En canto ao consumo de lácteos en España, a directora xerente de INLAC destaca que hai gamas que aínda presentan gran potencial de crecemento, como os queixos, que en España teñen un consumo medio de 9 Kg. por persoa e ano fronte a 21 Kg. de media en Europa.

“En xeral en España estamos en boas cifras de consumo de lácteos, pero tamén temos que penasr que a nosa balanza comercial é negativa, pois necesitamos importar lácteos. Na INLAC estamos a traballar nun plan estratéxico do sector lácteo, porque será necesario seguir aumentando a produción de leite en España”, valora Arribas.

Francisco Bello. Asaga

“Os gandeiros deben valorar que a promoción dos lácteos pagámola conxuntamente granxas e industrias”

ruleta inlac ap

Na presentación do roadshow en Santiago, estivo tamén presente Francisco Bello, por parte de Asaga, unha das organizacións agrarias que integran a INLAC. “Estas campañas de promoción pagámolas granxas e industrias. Os gandeiros teñen que valorar que estas accións son froito dunha colaboración entre todos. É certo que no sector, gandeiros e industrias temos os nosos desencontros sobre prezos e contratos, pero son cuestións que están á marxe da INLAC, que ten outra función”, lembrou.

De cara ao futuro, no que respecta ao mercado, Bello confía nunha recuperación de prezos tras o verán e avogou por unha cadea láctea que reparta equitativamente o valor. “Neste sentido, hai unha serie de índices de indexación de prezos elaborados no seu día pola INLAC que poden servir de ferramenta nas negociacións entre gandeiros e industrias. O futuro debe ir por aí”, concluíu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información