A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Riscos psicosociais na actividade agraria: aportando unha mirada feminista para a prevención e saúde laboral das mulleres

OS LOUREIROS SL (Vimianzo) sala muxido muller relevo xeracionalO traballo na agricultura e na gandaría é imprescindíbel para manter a autosuficiencia alimentaria e económica no territorio galego. Non obstante, as condicións de traballo das persoas que traballan neste sector están definidas por unha alta tensión física e mental, inseguridade e unha falta de recoñecemento social a diferentes niveis. Se engadimos o factor de xénero a isto, as mulleres vemos que estamos lidando con algúns riscos psicosociais específicos e facelos visíbeis é importante.

O modelo patriarcal colócanos en relacións de poder, iso é así, até non hai moitos anos as mulleres labregas non tiñan nin dereito a cotizar á seguridade social traballando na mesma granxa que a súa parella, na maioría dos casos home. Tamén este sistema coloca á natureza no abaixo e aos seres humanos no arriba, tamén é un sistema xerárquico de violencia entre as persoas coa natureza.

Engadido a este lugar social do abaixo que habitamos estructuralmente como mulleres labregas, precisamos saber que o modelo neoliberal funciona con outra división máis que ten que ver cos espazos e modelos de produción: os espazos de produción de alimentos para a vida estarían colocados no abaixo, e os espazos industriais e máis tecnolóxicos estarían colocados no arriba.

O obxectivo deste artigo é examinar estes riscos dende unha perspectiva de xénero e suxerir accións preventivas e de intervención profesional destinadas a desempeñar un papel máis activo na saúde laboral das mulleres labregas.

1. Que son os riscos psicosociais?

Os riscos psicosociais son definidos polo Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) como aquelas situacións existentes nunha contorna laboral debido a organización, contido e cumprimento do traballo onde implican un posíbel deterioro da saúde ou do benestar da persoa traballadora.

Os riscos intensifícanse no caso de mulleres traballando na agricultura e/ou co gando, considerando outros factores como: dobre e incluso tripla xornada laboral (traballo, tarefas domésticas, comunidade), illamento xeográfico, falta de servizos públicos nos territorios, discriminación por causa de xénero e a escasa representación nos espazos de toma de decisións, e xa sabemos que do que non se fala, non existe.

2. Riscos Psicosociais: Peculiaridades para as Mulleres Labregas

As mulleres labregas, loitamos doblemente, polo feito de ser muller, e polo feito de ser labrega e vivir nun contorno rural. Como mulleres labregas identificamos os seguintes riscos psicosociais como os principais:

a) Sobrecarga laboral e estrés crónico
Estar implicada no traballo produtivo das nosas granxas, combinado co coidado de persoas dependentes ou crianzas así como en moitos casos a práctica xestión dun fogar, produce unha carga mental continua. A ausencia de responsabilidade mutua verdadeira nas tarefas domésticas é un factor de risco para o estrés crónico e a síndrome de cansazo extremo das mulleres en xeral e neste caso das mulleres labregas en particular.

b) Illamento e invisibilidade na sociedade
A actividade agrícola ou gandeira é unha actividade que moitas veces se realiza en soidade, especialmente para as mulleres labregas que non están, polo motivo que sexa, organizadas nun sindicato agrario, non acoden a mercados ou feiras, non realizan traballos comunitarios coas veciñas e veciños, moitas veces por condicións xeográficas, ou non transforman a súa produción en obradoiros compartidos. A soidade, ou sensación de soidade, pode ser un aspecto moi importante a ter en conta nos riscos psicosociais. Organizarse como muller e como muller labrega é importante, ademais tamén temos que reforzar a presenza das mulleres nos espazos de toma de decisións, fundamental para seguir acadando dereitos propios das mulleres labregas.

3. Prevención dende unha óptica feminista e profesional

Á prevención dos riscos psicosociais non debe illarse as dimensións individuais ou técnicas, e implica un cambio estrutural no que a perspectiva feminista constitúe un eixo transversal nas políticas laborais, agroalimentarias e de saúde, física e mental.

Como podemos avanzar dende o Ecofeminismo cara a unha produción agrícola ou gandeira máis equitativa e saudábel?

a) Recoñecemento e visibilidade
Garantir os dereitos laborais e sociais das mulleres labregas nos seus pequenos e medianos proxectos produtivos.

b) Formación e apoderamento
Seguir a fomentar programas para a formación en igualdade, feminismo, saúde laboral e liderado das mulleres labregas. Fomentar as redes comarcais de mulleres labregas para o apoio mutuo, para as reinvindicacións conxuntas e/ou posíbeis denuncias a diferentes níveis. Organizarse é poder.

c) Coidado e conciliación
Fomentar políticas públicas de conciliación, adaptadas ás áreas do rural: escolas infantís, centros de día, transporte público, apoio público a persoas dependentes…

d) Saúde mental e atención especializada
Establecer ou mellorar a atención psicolóxica e xurídica nos CIM´s (Centros de Información ás Mulleres) por profesionais cualificados.

Compañeiras, é importante identificar todos estes riscos psicosociais e todas estas violencias que nos atravesan, e loitar para mudar o relato e as nosas vidas. É importante organizarse! na Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego témolo claro, esta é a túa rede, a túa comunidade!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *