A Estación Fitopatolóxica Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, publicou o seu boletín do 22 de maio advertindo da aparición de focos de mildeu en viñedos do Condado e outras zonas, coincidindo co inicio da floración do albariño. A entidade tamén informa da situación sanitaria en froiteiras, buxo e castiñeiro, con recomendacións específicas ante a previsión de estabilidade meteorolóxica.
Viña
Estado fenolóxico: H I I1. BBCH: 57-61
A variedade albariño comezou a floración na maioría das comarcas, aínda que de maneira desigual. Algunhas plantas xa presentan froitos en formación, mentres que outras apenas amosan flores abertas. Espérase que este proceso coincida cun período estable e anticiclónico, o que favorecerá o desenvolvemento do froito.
Mildiu
A situación do mildiu varía segundo as parcelas. A maioría dos viñedos, incluídos case todos os da rede de seguimento de Areeiro, non presentan síntomas ou amosan infeccións puntuais e controladas. Porén, detectáronse focos importantes noutras parcelas, sobre todo no Condado, con danos nun 20-30% dos acios. Observouse tamén o uso excesivo e innecesario de mesturas de fitosanitarios e abonos foliares, o que pode reducir a eficacia dos tratamentos.
En canto á presenza de esporas, os captadores de Areeiro e Sanxenxo amosan niveis baixos, cun máximo de 12 esporanxios. Aínda así, debido á fase fenolóxica crítica e á posibilidade de néboas e orballos locais, recoméndase revisar minuciosamente todas as viñas, especialmente aquelas máis problemáticas ou situadas en zonas húmidas e mal ventiladas.
No caso de síntomas mal controlados ou se está a piques de rematar o período de protección do tratamento anterior, aconséllase aplicar funxicidas curativos e antiesporulantes. Tamén se lembra que non se deben aplicar tratamentos con ventos superiores a 10,8 km/h e que é importante manter a vexetación ben rozada para reducir a humidade ambiental.
Oídio
Non se detectaron novos síntomas nesta semana, pero mantense a recomendación de incluír funxicidas antioídio nos tratamentos antimildiu, especialmente durante a floración e nas variedades sensibles.
Botrite
O tempo seco previsto non favorecerá a instalación de botrite sobre os capuchóns florais, o que é positivo para a produción. Non se observou avance desta enfermidade nin síntomas novos nas follas afectadas por vento ou sarabia.
Black rot
A presenza de síntomas non variou respecto da semana anterior. Nas parcelas con antecedentes, lémbrase que deben utilizarse produtos rexistrados contra este patóxeno nas intervencións antimildiu ou antioídio.
Outras pragas
Non se localizaron glomérulos de Lobesia botrana nin ninfas de cicadélidos nas observacións de Areeiro, aínda que un técnico externo informou dun primeiro achado de glomérulo. Mantéñense deteccións illadas de erinose e algunhas larvas de trips.
Maceira e pereira
Séguense a rexistrar altas capturas de machos de avelaíña na finca de Areeiro sen tratamento, polo que se aconsella instalar trampas noutras explotacións para valorar a situación local.
Non se observaron cambios significativos na presenza de pulgón cincento, aínda que o tempo anticiclónico podería favorecer o seu desenvolvemento. As únicas incidencias detectadas son lesións en follas causadas polo vento.
Varias plantas
As temperaturas máis elevadas favorecerán o desenvolvemento de gromos tenros, que poden atraer pulgóns e outros insectos chupadores. Retiralos de forma manual mentres a súa presenza sexa escasa axudará a evitar infestacións maiores.
Buxo e castiñeiro
Aínda non se rexistraron capturas de adultos de Cydalima perspectalis nin se observaron ovos. Recoméndase manter unha vixilancia activa. En relación ao castiñeiro, capturáronse os primeiros machos do tortrícido temperán Pammene fasciana, cuxa larva se alimenta dos ourizos en formación. Isto marca o inicio da súa actividade nesta campaña.