Risco de mildeu activo en viñas do Condado e Ribeiro

Areeiro recomenda actuar con funxicidas curativos e medidas culturais complementarias

Publicidade
Risco de mildeu activo en viñas do Condado e Ribeiro

Imaxe de arquivo.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, constatou un avance na campaña do viñedo, pois a maioría das viñas de albariño xa concluíron a floración e os grans comezan a medrar. As condicións secas facilitaron unha floración limpa, con desprendemento dos capuchóns. Con todo, nalgunhas plantas aínda se observan acios con restos florais adheridos.

Mildeu

En visitas realizados o 2 e 3 de xuño, a situación nas viñas do Rosal e do Salnés era positiva, sen síntomas novos, incluso en parcelas que presentaban infeccións viables a semana anterior. En cambio, no Condado e nalgúns puntos do Ribeiro, xa en Ourense detectáronse novos focos activos, especialmente en viñas cun desenvolvemento máis atrasado. No caso do Ribeiro, se ben Areeiro non fixo visitas presenciais, recibiu numerosas chamadas de viticultores desta zona.

En Areeiro, nas parcelas da propia Estación, aumentaron os síntomas nas filas testemuña, con capturas de máis de 100 esporanxios.

Dada a alta sensibilidade dos grans recentemente callados e as precipitacións recentes, recoméndase aplicar funxicidas con efecto curativo e antiesporulante, acompañados de labores culturais como roza, despunte, eliminación de netos e esfollas lixeiras para mellorar a aireación.

Oídio

Non se detectaron síntomas nas revisións recentes. Os tratamentos antioídio combinados cos de mildio están sendo eficaces. Aínda así, recoméndase manter a vixilancia, especialmente en días con luz difusa e humidade.

Botrite

A floración en tempo seco reduciu o risco de botrite, pero as condicións de calor e humidade actuais poderían favorecela. A vixilancia debe centrarse nos acios con restos florais adheridos ou danados polos ventos recentes.

Black rot

Non se apreciou un aumento da incidencia. Porén, o incremento da humidade e temperaturas pode favorecer a aparición de síntomas, especialmente agora que comeza a fase de maior sensibilidade dos acios.

Avelaíñas do acio

Observouse algún glomérulo, pero non se rexistraron capturas significativas de adultos nas trampas.

Cicadelidos

As capturas de Empoasca vitis seguen sendo baixas, igual que a presenza de ninfas nas follas. Nalgunhas viñas detectáronse ninfas de Scaphoideus titanus xa en estadio N2. Lémbrase que o primeiro tratamento debe aplicarse aproximadamente catro semanas despois da detección inicial.

Outras incidencias

Mantense a vixilancia sobre a acariose detectada no Rosal e sobre plantas afectadas por patóxenos de madeira. Detectouse tamén un número elevado de pampos rotos polo vento.

Castiñeiro

Tortrícido temperá (Pammene fasciana)

En Pontecaldelas, unha nova trampa rexistrou 17 machos esta semana, fronte aos 46 da trampa situada en Areeiro.

Buxo

Bolboreta (Cydalima perspectalis)

Capturáronse os dous primeiros machos da tempada nas trampas da parcela de Areeiro, sinalando o comezo da súa presenza activa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información