Riotorto revive esta fin de semana a tradición dos seus ferreiros

Volve a Feira da Artesanía do Ferro este domingo con demostracións ao vivo do oficio, exposición e venda de produtos do agro e unha xornada con multitude de actividades e animación para todas as idades

ferreiros riotorto estandarA Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto volverá revivir este domingo 16 de abril un oficio que se mantén neste concello da provincia de Lugo vivo coma o lume das forxas necesario para facer os coitelos, navallas ou fouciños que aínda saen da localidade.

Riotorto resístese a que o de ferreiro sexa un oficio en perigo de extinción e busca abrir novos usos e horizontes que permitan a pervivencia dunha tradición que ademais dun do sinais de identidade deste concello constitúe un dos seus principais reclamos e valores turísticos.

Veciños da localidade e dos concellos limítrofes, pero tamén cada vez máis persoas procedentes doutros puntos de Galicia e de Asturias, xuntaranse de novo nas Rodrigas nunha cita xa consolidada que chega á súa edición número 14, logo de tres anos de parón por mor da pandemia, mantendo a aposta polas demostracións en vivo, o mercado de produtos de artesanía e do agro e a animación de rúa durante todo o día.

A Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto xunto co Concello organiza dende o ano 2007 a feira

A feira, organizada pola Asociación de Ferreiros en colaboración co Concello, conta ademais cunha gran cantidade de actividades complementarias que converten a xornada en moito máis que unha demostración do traballo que realizan os ferreiros. Daranse cita, coma todos os anos, grande cantidade de expositores de todo o municipio e os seus arredores e a exposición e venda tanto de artesanía como de produtos do campo alongarase durante toda a xornada desde a apertura da feira ás 11 da mañá.

Haberá tamén espectáculos de lecer, animación musical a cargo do Coro de Riotorto, da charanga Mekánica e dos gaiteiros da localidade e outras actividades destinadas aos máis pequenos como talleres infantís e espectáculos de animación itinerante de fogo e malabarismo. O recinto feiral contará ademais con carpa á beira dos colexios de Riotorto e haberá postos de comida e pulpería, na que tamén se servirá unha cea popular o sábado pola noite amenizada polo Grupo Fussión.

O atractivo de ver traballar o ferro en directo

Distintos produtos creados polos ferreiros locais

Distintos produtos creados polos ferreiros locais

O lume da forxa, a cor vermella do ferro incandescente e o son rítmico dos martelos mazando no metal para darlle forma volverán ser os atrativos centrais da xornada. As demostracións ao vivo dos ferreiros locais, que teñen lugar tanto pola mañán coma pola tarde, serán coma sempre os actos máis concorridos do día e os que máis expectación levantan entre os asistentes. Xuntaranse un ano máis mestres do oficio de Riotorto pero tamén outros chegados da Fonsagrada e Oscos, Santiago de Compostela ou Navarra.

Haberá tamén demostracións de outros oficios, como alfarería, cestería, torneado, pirogravado ou cristal tallado

Aínda que o mundo do ferro e dos ferreiros é o eixo central da feira, na cita tamén haberá demostracións doutros oficios e técnicas artesás a cargo de profesionais chegados de distintos puntos de Galicia, como alfarería de Buño, cestería, torneado de madeira, pirogravado ou cristal tallado.

Empuxe económico para a localidade

A feira en si constitúe un importante evento de dinamización económica local. Este pequeno concello a camiño entre a Mariña e as comarcas de Meira e a Terra Chá multiplica ese día a súa poboación no que se considera tamén o mellor día do ano para a economía local pola pegada que deixan as visitas no comercio e a hostalería.

Riotorto pode presumir tamén doutras iniciativas empresariais vinculadas ao sector agrogandeiro que son fundamentais na vida do municipio, como Embutidos O Mazo no sector cárnico, Queixos Don Hilario no lácteo, Hortícolas Javier Miranda no da horta ou Tarta de Riotorto na repostería.

A tradición dos ferreiros de Riotorto

Foto dos ferreiros de Riotorto nunha edición anterior da Feira

Foto dos ferreiros de Riotorto nunha edición anterior da Feira

A Feira da Artesanía do Ferro xorde no ano 2007 como unha iniciativa da Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto. O obxectivo desta asociación é darlle pulo e recoñecemento ao oficio do ferro en Riotorto, xa que a vila conta cunha longa tradición de familias de ferreiros.

A primera referencia histórica ao traballo dos ferreiros en Riotorto atopámola na documentación medieval do século XVI do mosteiro de Vilanova de Lourenzá. A tradición dos ferreiros de Riotorto parece provir de Euskadi. Aínda hoxe son moitos os apellidos vascos presentes en familias da localidade, como Chavarría, Legaspi, Lombardero ou Recalde e moitas os vocablos e palabras vinculadas ao oficio procedentes do euskera como arozaaldabarraarragua ou bandarria.

A orixe do oficio de ferreiro en Riotorto procede de Euskadi

A feira pretende poñer en valor un oficio que se está perdendo pero que constitúe un recurso único que Riotorto quere aproveitar para o desenvolvemento turístico e para que a profesión perviva.

Buscando novos camiños para a profesión

En Riotorto chegáronse a facer 15.000 fouciños por tempada e na localidade chegaron a traballar 30 ferreiros. Hoxe son aínda media ducia os ferreiros en activo en Riotorto, e hai outro bo número deles que, xa xubilados, seguen a transmitir o oficio. Todos eles son herdeiros dunha tradición milenaria e sobre eles tamén recae actualmente a responsabilidade de evitar que o oficio desapareza transmitinto eses coñecementos e o valor etnográfico e patrimonial que encerra a profesión ás novas xeracións.

En Riotorto chegáronse a facer 15.000 fouciños por tempada e hoxe aínda hai media ducia de ferreiros en activo

Na maioría dos casos o de ferreiro tratábase dun oficio herdado. Como lle pasa a José Mario Cabo (JOMACA), terceira xeración de ferreiros, a Manuel Alonso Fojaca (MAF), a Agustín Iglesias (FY) ou a Óscar Villada (AV), un mozo que decidiu continuar co oficio do seu avó é que é unha das últimas incorporacións ao sector.

Os catro están a aplicar ao traballo de ferreiro a innovación necesaria para permitir a supervivencia deste oficio nos tempos de hoxe, mais sen perder a súa esencia tradicional, que é o principal valor a explotar. Mais todos souberon nos últimos anos buscar outras aplicacións ao ferro e abrir novos camiños centrados na artesanía e a forxa decorativa para esta profesión que decae na súa vertente de facer unicamente ferramentas agrarias.

O Mazo da Fraga de Ferreiravella e un roteiro entre ferrerías

O conxunto etnográfico recuperado do Mazo da Fraga, en Ferreiravella

O conxunto etnográfico recuperado do Mazo da Fraga, en Ferreiravella

Riotorto é un deses pobos con longa tradición de ferreiros. Desde o val de Ferreiravella até a zona de Carboeiro, en todas as parroquias quen máis quen menos tense adicado, en exclusiva ou como complemento á actividade agraria, á profesión de ferreiro. Fouciños, gadañas, coitelos ou aperos e ferramentas saían desta localidade para todo o medio rural galego e para parte da península.

A creación hai unha década da asociación que agrupa aos ferreiros que aínda manteñen vivo este oficio no municipio de Riotorto serviu para poñer en valor esta tradición e comezar a explotala como valor de futuro. Foron distintas as iniciativas postas en marcha nestes anos e Riotorto conta mesmo cunha ruta que discorre por mazos e ferreirías, seguindo o cauce da auga que coa súa forza axudaba ao ferreiro a moldear o ferro saído da forxa e a afialo despois na moa.

De xeito parello comezou unha recuperación do patrimonio etnográfico vinculado ao oficio de ferreiro que permitiu, por exemplo, a rehabilitación e a posta a punto do Mazo da Fraga. Este lugar, onde traballaban os antigos ferreiros, pode ser agora visitado por veciños e turistas de xeito gratuíto e coñecer este oficio e a forma de vida dos que o desenvolvían. O conxunto conta ademais con restaurante, co nome de O Mazo de Ferreiravella.

En Riotorto consérvanse dous mazos: o de Bastián en Espasande de Baixo e o da Fraga en Ferreiravella. Estes mazos, xunto con moas, muíños, centrais, etc, constitúen o centro ferreiro máis importante do Norte da Península, sumando un total de 46 artiluxios situados no curso do río de Ferreiravella, entre a parroquia deste nome e a de Espasande de Baixo: ademais dos dous mazos, hai 5 muíños, unha central hidráulica e 38 moas hidráulicas.

PROGRAMA COMPLETO

cartel Feira do Ferro Riotorto 2023Dípticos 2023.cdrDípticos 2023.cdr

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información