Riotorto acolle o 20 de abril a XVI Feira da Artesanía do Ferro, organizada polo Concello e a Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros do municipio co apoio da Xunta.
O alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, presentaron esta semana o programa desta nova edición nun acto ao que asistiron tamén representantes da agrupación de ferreiros de Riotorto, artífices do evento. A Xunta colabora a través de Artesanía de Galicia.
A feira contará coa presenza de ferreiros de Riotorto, A Fonsagrada, O Corgo, Santiago de Compostela, Culleredo, Navarra e Austria, que realizarán demostracións en vivo ante os asistentes. A artesanía do ferro será a protagonista da xornada, na que tamén haberá exhibicións doutros oficios como alfarería, cestería ou torneado.
Nas demostracións en directo participarán ferreiros de Riotorto, A Fonsagrada, O Cporgo, Santiago, Culleredo, Navarra e Austria
A cita inclúe actividades dirixidas ao público infantil, como un obradoiro do ferro dirixido polo ferreiro austríaco Friedrich Bramsteidl e un espectáculo de maxia a cargo de Roberto Lolo.
Tamén haberá exposicións de artesáns e produtos do campo e animación musical durante todo o día. O recinto feiral abrirá ás 11,00 horas e contará cunha carpa para albergar as actividades.
Aprender da tradición
Javier Arias destacou a singularidade desta feira, única en Galicia, “que contribúe a divulgar entre a sociedade o oficio tradicional do ferro, tan vinculado a Riotorto e á zona oriental da provincia”. Apuntou que a artesanía ten un peso específico dentro do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 que vén de aprobar a Xunta. Entre as accións que se impulsan neste ámbito figura o programa Aprender da tradición, que ofrece cursos especializados co obxectivo de recuperar e transmitir técnicas tradicionais e fomentar a remuda xeracional; ou a iniciativa Artesanía na escola, para achegar os oficios ás novas xeracións.
Empuxe económico para a localidade
O oficio de ferreiro mantense vivo en Riotorto coma o lume das forxas necesario para facer os coitelos, navallas ou fouciños que aínda saen da localidade. O Concello de Riotorto busca abrir novos usos e horizontes que permitan a pervivencia dunha tradición que ademais dun do sinais de identidade do municipio constitúe un dos seus principais reclamos e valores turísticos.
Veciños da localidade e dos concellos limítrofes, pero tamén cada vez máis persoas procedentes doutros puntos de Galicia e de Asturias, xuntaranse de novo nas Rodrigas nunha cita xa consolidada que chega á súa edición número 16 mantendo a aposta polas demostracións en vivo, o mercado de produtos de artesanía e do agro e a animación de rúa durante todo o día.
O Concello busca abrir novos horizontes que permitan a pervivencia da tradición e a súa valorización turística
A feira en si constitúe un importante evento de dinamización económica local. Este pequeno concello a camiño entre a Mariña e as comarcas de Meira e a Terra Chá multiplica ese día a súa poboación no que se considera tamén o mellor día do ano para a economía local pola pegada que deixan as visitas no comercio e a hostalería.
Riotorto pode presumir tamén doutras iniciativas empresariais vinculadas ao sector agrogandeiro que son fundamentais na vida do municipio, como Embutidos O Mazo no sector cárnico, Queixos Don Hilario no lácteo ou Hortícolas Javier Miranda no da horta.
PROGRAMA COMPLETO:
A tradición dos ferreiros de Riotorto

Foto dos ferreiros de Riotorto nunha edición anterior da Feira
A Feira da Artesanía do Ferro xurde no ano 2007 como unha iniciativa da Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto. O obxectivo desta asociación é darlle pulo e recoñecemento ao oficio do ferro en Riotorto, xa que a vila conta cunha longa tradición de familias de ferreiros.
A primera referencia histórica ao traballo dos ferreiros en Riotorto atopámola na documentación medieval do século XVI do mosteiro de Vilanova de Lourenzá. La tradición dos ferreiros de Riotorto parece provir de Euskadi. Aínda hoxe son moitos os apellidos vascos presentes en familias da localidade, como Chavarría, Legaspi, Lombardero ou Recalde e moitas os vocablos e palabras vinculadas ao oficio procedentes do euskera como aroza, aldabarra, arragua ou bandarria.
A feira pretende poñer en valor un oficio que se está perdendo pero que constitúe un recurso único que Riotorto quere aproveitar para o desenvolvemento turístico e para que a profesión perviva.
Buscando novos camiños para a profesión
En Riotorto chegáronse a facer 15.000 fouciños por tempada e na localidade chegaron a traballar 30 ferreiros. Hoxe son aínda media ducia os ferreiros en activo en Riotorto, e hai outro bo número deles que, xa xubilados, seguen a transmitir o oficio. Todos eles son herdeiros dunha tradición milenaria e sobre eles tamén recae actualmente a responsabilidade de evitar que o oficio desapareza transmitinto eses coñecementos e o valor etnográfico e patrimonial que encerra a profesión ás novas xeracións.
Na maioría dos casos o de ferreiro tratábase dun oficio herdado. Como lle pasa a José Mario Cabo (Jomaca), terceira xeración de ferreiros, a Manuel Alonso Fojaca (MAF) ou a Óscar Villada, unha das últimas incorporacións de xente ao sector, que decidiu continuar co oficio do seu avó e que aos seus 36 anos é o ferreiro máis novo da provincia de Lugo.
Os tres aplicaron ao traballo de ferreiro a innovación necesaria para permitir a supervivencia deste oficio nos tempos de hoxe, mais sen perder a súa esencia tradicional, que é o principal valor a explotar. Mais todos souberon nos últimos anos buscar outras aplicacións ao ferro e abrir novos camiños centrados na artesanía e a forxa decorativa para esta profesión que actualmente se atopa en perigro de extinción na súa vertente de facer unicamente ferramentas agrarias.