Río Ulla SAT, unha horta especializada na xudía e os amorodos de variedades diferenciadas

A familia Touceda Matalobos traballa dende hai máis de 30 anos na produción hortícola na Estrada (Pontevedra), nos que apostaron por castes adaptadas e coas que abrir mercado. Tamén levan máis de 10 anos coa produción de amorodo condicionada por unha plantación forestal lindante e o silencio da Administración

Publicidade
Río Ulla SAT, unha horta especializada na xudía e os amorodos de variedades diferenciadas

Ramiro e Raquel xunto ó seu pai na plantación de amorodo.

Ramiro e a súa irmá Raquel son a segunda xeración da empresa comercializadora de horta Río Ulla Sat, que fundaron seus pais hai máis de 30 anos e que se especializou primeiro na produción de amorodo e logo na de xudía. Os seus primeiros pasos no mundo da horta foron recollendo producións doutros agricultores da zona, pero axiña se decidiron a plantar eles.

Hoxe producen e comercializan directamente tanto os amorodos, que teñen como principal destino o mercado galego, coma a xudía que destinan, en gran medida, para mercados coma Mercabarna e Mercolleida, así como, en menor escala a outros puntos de venda maiorista a nivel nacional.

As plantacións sitúanse na parroquia estradense de Berres (Pontevedra), nas proximidades do Ulla. Nestes anos, tanto na produción do amorodo como da xudía, optaron por variedades especiais, coas que diferenciarse no mercado. As condicións da parcela onde teñen plantado o amorodo permítenlles producir variedades similares ás que se traballan en Huelva, unha das zonas produtoras máis destacadas da Península. “Levamos moitos anos investigando e traballando moi directamente con produtores de Huelva para lograr ter esta variedade”, explica Ramiro.

Traballan directamente con produtores de Huelva para contar con variedades semellantes ás que cultivan nesa zona

Tamén no caso da xudía, nunha parcela situada na marxe fluvial do río Ulla, contan cunha variedade moi pouco presente en Galicia, a Rique, moi apreciada e con boas calidades, aínda que laboriosa na súa colleita. “É unha variedade que aguanta producindo moi ben ata final da tempada, pero que é moi dura para recoller da planta”, explica Manuel Touceda, o pai de Ramiro e Raquel, que agora xubilado aínda supervisa os traballos na plantación. “Para min estar aquí, organizando o traballo e vendo a plantación, é un gusto”, recoñece.

SAT-Rio-Ulla-plantacion-amorodo-

Vista da parcela na que cultivan o amorodo e no que levan anos tendo perdas por unha plantación forestal lindante.

Unha produción condicionada pola demora administrativa

Pese ás boas condicións coas que din contar na parcela dunha hectárea que teñen plantada de amorodo, a súa produción leva anos condicionada por unha plantación forestal lindante. “Aínda que é unha parcela catalogada como agropecuaria de protección especial, polo que só podería ter árbores froiteiras, teñen freixos e acacias, ademais de castiñeiros. Todos eles cun marco de plantación que non se axusta para o aproveitamento do froito”, explica a familia Touceda.

A isto súmase a falta de traballos silvícolas nesa parcela e as boas condicións da zona, con abundante auga, o que permitiu un importante crecemento do arborado e da maleza, que leva anos asombrando a súa plantación. “Nas zonas sen árbores, o sol comeza a dar nas plantas arredor das 9 da mañá, mentres o arborado fai que ata ó mediodía non chegue o sol”, detalla Ramiro.

Ademais das perdas de produción, a proximidade do arborado ocasiona que teñan maior incidencia de pragas como a araña vermella, entre outras. “A Administración está encamiñando as producións cara unha redución do uso de produtos fitosanitarios, pero logo non se resolven as ilegalidades que nos obrigan a empregar máis doses de produto”, valora o produtor.

Unha plantación forestal lindante leva anos ocasionándolle perdas na produción de amorodo

Dadas as perdas de produción que lle supón, no 2008 presentaron a primeira denuncia para que o propietario cortase o arbolado, a cal seguiu o seu procedemento. Porén, dende o 2009 indican que detectaron unha paralización da tramitación do expediente, por iso recorreron ó xulgado. “Ante a pasividade da Administración en facer executar a lei vímonos na obriga de acudir ó xulgado. O xuíz da Estrada fallou en contra e só obrigou a cortar a 2 metros do noso linde, cando a lei di que non pode haber plantacións non froiteiras neses terreos”, explica o propietario. Dende aí, recorreron o fallo na Audiencia Provincial de Pontevedra, e a sentencia obriga a cortar 10 metros, só polo seu linde. “Non ten sentido que só se lle obrigue a manter distancias nun só linde, cando neste tipo de terreo a lei di claramente que ten que gardar as distancias tamén coas demais parcelas”, apuntan. De cumprirse este requirimento, a superficie forestal reduciríase notablemente.

No ano 2018, presentaron outra denuncia para que a Administración faga cumprir a lei de oficio, pero “por parte da Delegación Provincial de Pontevedra todo son escusas para non obrigar ó cumprimento da mesma e se demore no tempo”, indica Ramiro. Así, levan agardando a que esta resolución se faga cumprir por parte da Administración mentres acumulan perdas.

Ademais, apuntan que nestes anos detectaron diversas irregularidades na tramitación do procedemento. “Houbo unha manipulación total do expediente, dende copias que amosan información diferente dos orixinais, ata informes de axentes forestais que aseguran que se cortaron as árbores cando non se fixo”, comenta Ramiro. De feito, mesmo realizaron unha acta notarial do estado actual da parcela, porén “para a Administración o expediente está xa resolto, aínda que non acataron a resolución de Pontevedra”, detalla.

Levan máis de 100.000 euros invertidos na parcela e continúan agardando unha resolución da Administración

Agora, acaban de presentar un novo escrito á Administración reclamándolle que axilice o expediente ou informe dos motivos polos que non se resolve. Ademais, tramitaron unha nova queixa dado que nestes momentos estase a incumprir tamén a esixencia de manter limpas as faixas forestais para reducir o risco de incendios.

Cunha inversión que supera os 100.000 euros só nas infraestruturas e no acondicionamento da parcela, ós que se suman a inversión na planta, a familia desestima renderse ou cambiar de parcela, como asegura, xa lle aconsellaron cargos da Administración. De feito, teñen previsto incrementar a plantación nunha parcela próxima duns 5.000 metros cadrados.

SAT-Rio-Ulla-Manuel-Touceda-Amorodos-

Coa temporada a piques de finalizar, aínda seguen recollendo de mañá os últimos amorodos.

Nesta parcela contan cunhas 80.000 plantas de amorodo, algunhas delas plantadas en invernadoiro, aínda que este ano tamén teñen unha parte da parcela producindo sen cubrir. “O problema son as chuvias, que poden derramar a produción, por iso habitualmente optamos por traballar en invernadoiro”, explican. A tempada do amorodo está a piques de rematar, aínda así polas mañás dúas persoas encárganse de revisar as plantas e ir apañando nelas.

A maior parte da colleita de amorodo comercialízana directamente, xa que contan cun posto de venda en Mercacoruña, que logo distribúe polas froiterías galegas. Tamén vende na Praza da Estrada. “Na tempada, na Estrada adoitamos vender uns 200 quilos de amorodo ó día”, detalla Ramiro.

SAT-Rio-Ulla-Rede-

Manuel optou por un sistema de parra para as súas xudías.

A xudía, en parra

Xunto co amorodo, tamén teñen unha hectárea plantada de xudía, a carón do leito do río Ulla. Á marxe da variedade que escolleron, a súa plantación é unha das poucas en Galicia en parra. Dende hai 6 anos dispoñen as plantas nun sistema semellante ó que empregan cultivos como a viña ou os kiwis, pero para soster as plantas teñen unha rede, da que penduran cordeis polos que se encaraman as xudías. “É unha variedade que acaba medrando moito e coa rede conseguimos controlala e facilitar a súa recollida”, detalla Manuel, impulsor da solución.

A súa produción é convencional, pero apostan por prácticas sostibles como o emprego de produtos ecolóxicos para realizar os abonados puntuais durante a campaña. Optan tanto por solucións en gran como polo aporte durante a rega.

SAT-Rio-Ulla-sistema-de-rega-das-xudias-

A parcela conta cun importante caudal de agua que empregan para regar directamente cada día.

Ademais, empregan esterco de gando vacún para preparar a terra. “Temos un rabaño de 7 vacas só para contar con esterco para as plantacións”, concretan. Tampouco utilizan ningún tipo de herbicida na parcela e as malas herbas atállanas coa sacha. “Agora mesmo temos unha persoa que só se dedica a sachar nas plantas máis novas e que aínda non están producindo”, explican.

A campaña de recollida da xudía nesta plantación comezou hai xa 2 meses e prolongarase ata finais de setembro. Contan cunha parte da parcela que está xa a plena produción e noutra as plantas aínda están a desenvolverse e comezarán a producir máis tarde.

A maior parte das xudías comercialízanas directamente en Cataluña. Cada semana preparan envíos directos para cidades como Barcelona ou Lleida. Este ano a crise sanitaria do Covid-19 está a condicionar moito a produción. “Ó non haber case turismo baixaron moito as vendas e tamén os prezos”, comentan. Na tempada, o prezo pode oscilar entre os 0,80 e os 4 ou 5 euros o quilo, en función da demanda. Porén, ademais da recollida, tamén deben realizar unha selección e clasificación das xudías previa ó seu envío. “Cando comezamos, a xudía mandábase en sacos de rede, sen ningún tipo de clasificación, era todo máis sinxelo. Agora envíase en caixas todas clasificadas”, recorda Manuel.

Xudias-

Xudías coa medida axeitada para a súa recollida.

Dificultades para garantir a recollida

En plena produción precisan unhas 14 persoas para garantir a recollida tanto do amorodo como da xudía, o que está a supoñer un problema nas últimas campañas. “É moi difícil atopar xente que queira traballar na recolleita, pese a que cobran o soldo base, están asegurados e teñen unha xornada de 8 horas e días de libranza”, apuntan. Porén, a diferencia doutros anos, contan con máis persoal da zona, aínda que continúan co proceso de selección.

En plena produción empregan a unhas 14 persoas para garantir a recollida

Adoitan organizar quendas de traballo en horario partido, para evitar a recollida nas horas centrais do día, o que supón un inconveniente para os traballadores de zonas máis afastadas, ó non lle compensar os desprazamentos. “O actual sistema fai que teñamos que entrevistar xente de toda Galicia, aínda que moitos xa saben que non lles compensará e que non van vir traballar”, apuntan.

Así, algúns anos tamén optaron por traer persoal doutros países, pese á burocracia que supón o procedemento. Por iso, garantir a cuadrilla de traballadores é unha das problemáticas que están tentando atallar de xeito conxunto con outras empresas e produtores da zona de cara a vindeiras campañas.

2 ideas sobre “Río Ulla SAT, unha horta especializada na xudía e os amorodos de variedades diferenciadas

  1. A chorar a Cuenca

    Eu creo que deberían asesorarse ben porque están a dicir parvadas. Se o seu terreo é SRPA o lindante está obrigado a deixan unha franxa de 10 m dende a linde pero para nada ten a obriga de cortar o resto das árbores da súa parcela, eso sí, no momento da corta non pode realizar unha nova plantación que non sexa con fins “agrícolas”.
    Estes parece que o que queren e facerse co terreo a custe barateiro pero con tanta denuncia non sei eu…

    Contestar
    • Raquel

      Claro ti non sabes… hai que falar do que se sabe… e para decir parvadas creo que chega co teu comentario porque non sabes nada do noso caso… botalle un ollo ben a lei de montes e despois falamos…Ahhh eo noso caso esta en mans dun abogado asi que creo que asesorados estamos bastante… non falamos por falar… este e un caso de amiguismo politico e xa quedou moi demostrado en varias ocasions…ala a chorar a cuenca

      Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información